Rianxo: presentación do Premio García Barros 2008

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo presentan o libro gañador do Premio García Barros 2008, Shakespeare destilado, de Xesús Constela. O acto terá lugar o venres 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, e estarán presentes o autor; o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello; e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida.

Café literario con Claudio Rodríguez Fer: Galicia na obra de Borges

Hoxe xoves 29 de xaneiro ás 19 horas no Casino de Santiago o ciclo Miradas alleas celebra a primeira sesión dos seus “Cafés literarios” coa presenza de Claudio Rodríguez Fer, que falará de Galicia na obra de Jorge Luis Borges. A entrada é libre.

Riofero, novo libro de Xelís de Toro

Nos próximos días chegará ás librerías galegas o novo libro de Xelís de Toro, Riofero, editado por Xerais. O escritor compostelán vén de abrir unha páxina web na que podemos escoitar algúns fragmentos da novela e cancións vencelladas ao texto e descargar o primeiro capítulo en PDF. Xelís de Toro creou tamén un blog onde “poder publicar, falar e discutir de temas que agromen a partir dos temas do libro, ou mesmo o tema da literatura e que non se encontren noutros lugares”. Neste vídeo colgado en YouTube Xelís de Toro fala do seu libro e das razóns polas que se decidiu a crear o seu propio espazo na rede:

Exposición sobre o Himno Galego na Coruña

Até o luns 2 de febreiro segue aberta no Fórum Metropolitano da Coruña a exposición O Himno. Os tempos son chegados, organizada pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Aos asistentes entregaráselles un exemplar da publicación “Un xeito de soñar Galicia. Nazón de Breogán” [descargar en PDF aquí].

Xa está nas rúas o novo número da revista Atenea

O Ateneo Ferrolán, fundado en 1879, anuncia que xa está nas rúas o número 33 de Atenea, a revista trimestral que promoven e que ofrece información sobre os servizos e horarios do Ateneo, interesantes artigos de opinión, a análise dos concursos e actividades e a programación do trimestre. Se desexan recibir a revista ATENEA, consulten as condicións para asociarse ou subscribirse nos enderezos de contacto do Ateneo:

Ateneo Ferrolán
Rúa Magdalena 202-204, 1º.
CP.15402 – FERROL (A Coruña)
Apdo. Correos: 303
Telf.: +34 981 357 970
Fax: 981 354 098
secretaria@ateneoferrolan.org

O Facho organiza un curso de Lingua Galega

O curso terá umha duraçom de 14 semanas, sendo as suas aulas 1 dia por semana de 1 horas de duraçom. O mesmo realizara-se no local social da Associaçom de 9 p.m. até as 10 p.m. nas terças-feiras (martes). Leccionara-se as duas normas dominantes na escrita da nossa Língua. O custo do mesmo: Sócios: 5 €; Nom sócios: 30 €; Estudantes: 15 €. Para se inscrever, pode-se fazer no endereço postal da Agrupaçom,
Agrupaçom Cultural O Facho
Rua: Federico Tapia 12-1º- C
15005 A Corunha

e no correio electrónico, o_facho_a_cultural@yahoo.com.br. Som precisos os seguintes dados: Nome e apelidos, a sua pertença ou nom à Agrupaçom, endereço postal, correio electrónico (se o tem), e telefone.

Ferrol: exposición Os veos da paisaxe

Entre o 6 e o 28 de febreiro a Galería Sargadelos de Ferrol exporá algunhas das fotografías de Eduardo Estévez que conforman o traballo Os veos da paisaxe. Na Galería compartirá espazo con Igor Lugrís, que amosará parte dos seus poemas visuais Poesía para ver Poesía para ler. A inauguración, que incluirá un recital poético, terá lugar o venres 6 de febreiro ás 20 horas. Unha semana despois, o venres 13, presentarán no mesmo escenario a primeira edición en papel d’Os veos da paisaxe, oitenta exemplares artesanais que conteñen, cada un, cinco fotografías orixinais (diferentes en cada exemplar), da mesma serie das que se expoñen.

Cea-homenaxe a Xosé Neira Vilas

Recordámosvos que este sábado, día 31 de xaneiro, a Agrupaçom O Facho organiza un acto de homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, ao que lle entregará O Facho de Ouro como recoñecimento á súa longa traxectoria na defensa da dignidade e da cultura do País. O acto cívico virá acompañado dunha cea que se celebrará a partir das 21 horas no Hotel Riazor da Coruña. Para asistir é preciso facer a reserva chamando ao teléfono 981269663 (pola tarde).

Galaxia comercializou máis de 200.000 libros en 2008

A editorial Galaxia publicou hoxe no seu blog un resumo das cifras de edición e ventas en 2008. Ao longo do ano Galaxia presentou 95 novidades que se incorporan a un catálogo comercial que sobrepasa xa os mil títulos. A tiraxe media actual está perto dos 1800 exemplares, con mínimos de 800 e máximas de 8000. 211.890 foron os exemplares publicados e comercializados pola editorial en 2008. Entre 2000 e 2007 Galaxia lanzou ademais 145 traducións, case un terzo delas procedentes do inglés. Máis información, no blog da editorial.