A Coruña: conferencia de Jurjo Torres Santomé

Mañá mércores 4 de febreiro o Catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Coruña Jurjo Torres Santomé participará dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom organizado por O Facho cunha charla titulada A Educaçom em Tempos de Neoliberalismo. Será a partir das 20 horas no local de Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande da Coruña.

Marcos Valcárcel, escritor do mes

Marcos Valcárcel (Ourense, 1958). Historiador. Doutor en Xeografía e Historia, especialidade Historia Contemporánea. Nos seus traballos de investigación adicou maior atención á historia política nos anos 1900-1936 e ó estudio do galeguismo, ademais de abordar temas relacionados cos medios de comunicación galegos e coa obra dos escritores ourensáns… [ficha completa]

O blog de Marcos Valcárcel: As uvas na solaina

Salón do Libro Infantil e Xuvenil: programación do martes 3 de febreiro

17:00: Conferencia. Poesía: entre a palabra e a imaxe, con Lara Bacelo e Manuel Forcadela. Pazo da Cultura.

18:00: Obradoiro infantil. Elaboración de perfumes vexetais. Con Ventos. Pazo da Cultura.

19:30: Conferencia. Com muitas palavras rima a palavra amor, con João Pedro Messeder. Pazo da Cultura.

Máis información: páxina web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Ourense: conferencia de Bieito Iglesias

Proseguen os “Encontros Literarios” organizados pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense. Mañá martes 3 de febreiro ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da entidade o escritor galego Bieito Iglesias impartirá a conferencia Conto contado burro aparellado. Os Encontros están patrocinados pola Cátedra Carlos Casares da Universidade de Vigo, financiada pola Vicerrectoría do Campus de Ourense desta Universidade e a Diputación Provincial de Ourense.

Bieito Iglesias Araúxo (Quintián, Coles, 1957). Licenciado en Historia Contemporánea. Profesor de Ensino Secundario en Santiago de Compostela. Colaborador literario en diversas publicacións (La Voz de Galicia, Tempos novos e Dorna). Como tradutor realizou en colaboración con Manuel Vázquez a versión galega da serie de Sherlock Holmes de Arthur Conan Doyle (1995). Como ensaista participou no volume Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista (1991). Como narrador ten publicado Luanda (1990), relato policial; Aventura en Nassau (Xerais 1991), contos; Vento de seda (Xerais 1992), novela; Miss Ourense (1994), relatos policiais; Conta os latidos (1995), novela curta; Non sabía que doía tanto, incluído no volume Antoloxía do conto galego de medo (1996); O mellor francés de Barcelona (1999), relatos; A noite das cabras do aire (Xerais 1999), Premio Merlín 1999; A vida apoteósica (Xerais 2001), novela; A historia escríbese de noite (2001), novela, premio García Barros; e os relatos Hotel Arriaga publicado en Materia prima (Xerais 2002) e Momentos decisivos publicado en Longa lingua (Xerais 2002). En 1999 obtivo o premio Ciudad de Salamanca coa novela en castelán Bajo las más bellas estrellas (Algaida 1999).

Salón do Libro Infantil e Xuvenil: programación do luns 2 de febreiro

17:00: Conferencia. Literatura e literacidade electrónica. O papel dos blogs, con Martin Pawley e Agustín Fernández Paz. Pazo da Cultura.

17:30: Espectáculo. Contadores de historias de Educación Primaria. Pazo da Cultura.

18:00: Contacontos. Pazo da Cultura.

Máis información: páxina web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Salón do Libro Infantil e Xuvenil: programación do domingo 1 de febreiro

11:30: Acto de inauguración conducido por Pavís-Pavós.

12:30: Contacontos. Pazo da Cultura.

17:00: Obradoiro infantil. “Papiroflexia co corazón”, conducido por Paspallás.

18:30: Teatro: “La Sirenita” de Fábula (dentro da programación Domingos do Principal). Teatro Principal. Entrada: 2€.

Máis información: páxina web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño

O próximo luns 2 de febreiro ás 18 horas terá lugar a presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño. Soños, proxecto, compromiso de Manuel Lombao. O acto celebrarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n) en Santiago de Compostela, e contará coa participación do editor Manuel Bragado Rodríguez, Isaac Díaz Pardo, Emilio Pérez Touriño e o autor.

Emilio Pérez Touriño “debulla na súa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua”. O libro ofrece tamén un retrato máis persoal do presidente da Xunta de Galicia, que fala “das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia”.

Manuel Lombao (Lugo 1943) é licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou na SER e na COPE, en Lugo e en Madrid, e en RTVE, durante 30 anos. Foi director de RNE e de TVE en Galicia, subdirector de Informe Semanal, director do programa Parlamento e director dos centros territoriais de TVE, así como vicepresidente de CIRCOM, organización de 300 televisións públicas rexionais europeas. Ten varios premios de radio e televisión. Profesor e escritor, é actualmente o director do Instituto Cervantes en Brasilia.

Ourense: conferencia de José María Merino

O luns 2 de febreiro ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura, comenza unha nova edición dos “Encontros Literarios” no Liceo de Ourense, organizados pola Sección de Literatura da Entidade, coa conferencia do escritor José María Merino Sánchez “Del cuento popular al cuento literario”. Este Encontros están patrocinados pola Cátedra Carlos Casares da Universidade de Vigo, financiada pola Vicerrectoría do Campus de Ourense desta Universidade e a Diputación Provincial de Ourense. Os Encontros continuarán ao longo da semana e contarán coa participación de Bieito Iglesias (o martes) e Manuel Vicent e Ángel Sánchez Harguindey (o venres).

José María Merino (A Coruña, 1941) residiu durante moitos anos en León e vive en Madrid. Empezou escribindo poesía e deuse a coñecer como narrador en 1976 coa “Novela de Andrés Choz”, libro co que obtivo o Premio “Novelas y Cuentos”. O escorregadizo da identidade, as súas conexións co mito, o soño e a literatura, e moitos elementos da tradición fantástica caracterizan a súa obra narrativa. A sua novela “La orilla oscura” (Alfaguara, 1985) recibiu o “Premio de la Crítica”. Ademáis, recibiu o “Premio Nacional de Literatura Juvenil” (1993), o “Premio Miguel Delibes de Narrativa” (1996) e o “Premio NH” para libros de relatos editados (2003). En Alfaguara ten publicado, entre outros, “Las crónicas mestizas”, un volume que recolle o seus relatos: “50 cuentos y una fábula” (1997), a novela “El heredero” (2003), “Premio Ramón Gómez de la Serna de Narrativa”, os “Cuentos de los días raros” (2004) e os “Cuentos del libro de la noche” (2005). “El lugar sin culpa” levou en 2007 o premio de narrativa “Gonzalo Torrente Ballester” 2006.