Fina Casalderrey, homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Fina Casalderrey é a autora homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que comeza o próximo domingo 1 de febreiro. Mutacións xenéticas, Quen me quere adoptar? ou A lagoa das nenas mudas son algúns fitos na carreira dunha escritora que conta entre os seus premios co Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 1996 pola obra O misterio dos fillos de Lúa.

Fina Casalderrey foi a encargada de facer a laudatio do autor ao que se lle rendeu tributo na anterior edición do Salón do Libro, Xabier P. Docampo. Poden ver o vídeo desa intervención neste enderezo.

Finou John Updike

O escritor estadounidense John Updike, dúas veces gañador do Premio Pulitzer e eterno candidato ao Nobel, morreu hoxe aos 76 anos vítima dun cancro de pulmón. Entre as súas obras máis célebres, a serie de novelas protagonizadas polo personaxe Harry “Coello” Angstrom (Rabbit, Run, Rabbit Redux, Rabbit Is Rich, Rabbit At Rest e Rabbit Remembered), as Memorias da Administración Ford ou As bruxas de Eastwick. A súa última novela, Terrorist, foi editada en galego en 2008 por Xerais. Máis información: a nova no xornal portugués Público e o obituario no New York Times.

Compostela: XI Encontros para a Normalización Lingüística

Organizados polo Consello da Cultura Galega, os días 12 e 13 de febreiro celebraranse en Santiago de Compostela os XI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que teñen coma obxectivos “contribuír ao estudo, á reflexión e ao debate sobre a planificación lingüística en Galicia; constituír un punto de encontro, análise e debate para todos aqueles profesionais que desenvolven o seu labor nos diferentes servizos de normalización lingüística e servizos lingüísticos existentes en Galicia, e colaborar na formación continua de especialistas en planificación lingüística”. Os Encontros van dirixidos principalmente a técnicos/as de normalización lingüística e a especialistas e estudosos/as do ámbito da planificación lingüística. A inscrición pode realizarse a través desta páxina web.

Diálogos literarios para recordar a Torrente Ballester

Hai hoxe dez anos morría o escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, unha das figuras máis destacadas da literatura española do século XX. O Concello de Ferrol, a Fundación Caixa Galicia e a Asociación “Amigos da Universidade” do Campus de Ferrol prepararon unha serie de actividades para conmemorar o aniversario que comezan pasadomañá, xoves 29 de xaneiro, cunha conferencia do escritor e membro da Real Academia de la Lengua Carlos Castillo del Pino, acompañado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel Villanueva. Proseguirá o ciclo cun encontro entre Javier Cercas, autor da novela “Soldados de Salamina”, e a profesora da Universidade de Vigo, Carmen Becerra. Sete días despois, o 12 de febreiro, conversarán Julio Llamazares e Manuel Candelas. Xa en marzo poderemos escoitar aos poetas Miguel d´Ors e Xulio López Valcárcel, e para pechar este ciclo de Diálogos Literarios a Rafael Chirbes e o crítico Ángel Basanta. Será sempre no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia a partir das oito da tarde.

Presentación de libros: Miradas alleas

Mañá mércores 28 de xaneiro ás 19:00 horas preséntase no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela a colección de libros Miradas Alleas e o ciclo de conferencias Como nos viron, como nos ven. O acto está organizado polo Clube Internacional de Prensa e a Secretaría Xeral de Comunicación.

Homenaxe Nacional a Xosé Luís Méndez Ferrín

O venres 6 de febreiro terá lugar en Vigo o acto de Homenaxe Nacional a Xosé Luís Méndez Ferrín co gallo do seu 70 aniversario. Será no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vivo (rúa Policarpo Sanz, 26) ás 20 horas e con entrada libre, e durante o mesmo presentarase o libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco Edicións e Edicións Xerais de Galicia.

Tralo acto de homenaxe haberá unha cea no Pazo Os Escudos (Avda. Atlántida 106, Alcabre, Vigo) a partir das dez da noite. Os interesados en asistir á cea deberán ingresar 35€ por persoa na conta de Caixanova número 2080 / 0065 / 36 / 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para acceder á cea é requisito imprescindíbel a presentación na entrada do restaurante do xustificante do pagamento.

Cándido Pazó, Eduardo Alonso e José Luís Prieto Roca, finalistas aos Premios Max

Xa coñecemos os nomes dos candidatos aos Premios Max das Artes Escénicas convocados pola Sociedad General de Autores y Editores e a Fundación Autor. Na categoría de Mellor Autor Teatral en Galego a terna de finalistas está formada por Candido Pazó, coa obra E ti quen vés sendo?; Eduardo Alonso, por Extrarradios (comedia das mulleres desamparadas), e José Luís Prieto Roca, por O ridículo desamor dun home máis ou menos normal. A gala de entrega de premios da edición número doce dos Premios Max celebrarase o vindeiro 30 de marzo, luns, no Teatro Cuyás das Palmas de Gran Canaria.

David Pintor, Premio de Ilustración Pura e Dora Vázquez

“O debuxante e caricaturista David Pintor (integrante de Pinto e Chinto) resultou gañador da VI edición do Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vazquez“ na modalidade de ilustración, promovido pola Deputación Provincial de Ourense.

David Pintor foi escollido por unanimidade do xurado entre os 22 traballos presentados e recibirá como premio os 3.000 euros con que está dotado este Certame. O xurado estivo integrado por Eva Torres, directora do Museo Municipal, Omar Pérez, deseñador da imprenta da deputación; María Puertas, pintora e gañadora dunha das edicións do premio, e Concha Blanco, escritora e a autora do texto “Encontros as agachadas”, gañador na modalidade de narración e sobre o que tiñan que presentarse as ilustracións.

A Deputación procederá agora á edición conxunta dos traballos premiados (narración e ilustración) e desenvolverá unha campaña de promoción á lectura entre os máis novos coa distribuíón deste libro”.

Máis información: páxina web e blog do autor.

Entrevistas a Santiago Jaureguizar

Estes días están aparecendo na prensa galega diversas entrevistas con Santiago Jaureguizar con motivo da presentación da súa novela O Globo de Shakespeare, Premio Terra de Melide 2008. En Galicia Hoxe o escritor asegura que o seu libro fala “dos soños que temos todos: de poder, de amor, de éxito”, mentres que no Faro de Vigo afirma que “Shakespeare é o mellor construtor de personaxes da historia”. Poden ler as dúas entrevistas completas nestas ligazóns.

Reedición de “long-sellers” da literatura galega

Nas últimas semanas foron anunciadas as reedicións dalgúns grandes éxitos da literatura galega, obras que seguen a gozar do fervor dos lectores moitos anos despois da súa saída ao mercado. É o caso de Que me queres, amor? de Manuel Rivas, da que Galaxia vén de sacar a edición número quince e que acumula 65 mil exemplares vendidos. Quince son tamén as edicións de Crime en Compostela de Carlos Reigosa, en Xerais, que tamén puxo nas librarías a vixésimo terceira edición das Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, un dos fitos do sistema editorial galego con perto de setenta mil exemplares vendidos.