O xornal Galicia Hoxe publica unha entrevista de Manuel Vidal Villaverde coa escritora galega Marina Mayoral, que presentará o próximo mes de febreiro a novela Quen matou a Inmaculada de Silva? dentro da colección Fóra de xogo de Edicións Xerais. Poden ler a entrevista completa picando neste enderezo.
Bonchul, conto de Xavier Alcalá
A Editorial Galaxia publicou no seu blog un relato de Xavier Alcalá, Bonchul, que aparecera en 1997 no Boletín Galego de Literatura editado pola Universidade de Santiago. O conto pode descargarse premendo nesta ligazón.
Os lectores de Fervenzas Literarias elixen o mellor de 2008
Fervenzas literarias deu a coñecer hai uns días o resultado da enquisa que fixo entre os seus lectores para elixir o mellor de 2008 no ámbito da literatura en galego. Velaquí os gañadores:
Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro.
Mellor libro de poesía adultos do ano: construcións (Positivas) de Eduardo Estévez.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos (Xerais) de Manuel O’Rivas.
Mellor libro para adultos traducido ao galego do ano: Lolita (Faktoría K) de Vladimir Nabokov.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.
Mellor libro infantil do ano: Das novas cousas de Ramón Lamote (Galaxia) de Paco Martín.
Mellor libro infantil e xuvenil traducido ao galego do ano: Un casoiro ben mal amañado (Sotelo Blanco) de Bali Rai.
Autor/a do ano: Marcos S. Calveiro.
Mellor ilustrador/a do ano: Xosé Cobas.
Mellor portada adultos do ano: Pan e coitelo (Galaxia).
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).
Mellor editorial do ano: Xerais.
Mellor crítico/a literario do ano: Ramón Nicolás.
Mellor iniciativa literaria do ano: Cultur.gal
O mellor acontecido no 2008: Premios Nacionais/Recoñecemento a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz.
O peor acontecido no 2008: Consellería de Cultura e Deporte.
Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña).
Mellor medio de comunicación: Diario Cultural da Radio Galega.
Mellor blog: As uvas na solaina.
A Coruña: Galiza, berço dos celtas da Europa atlântica, palestra de André Pena
O vindeiro martes 27 de xaneiro André Pena Graña intervirá dentro do ciclo Economia, História, e Realidade Social organizado pola Agrupaçom Cultural O Facho cunha palestra que leva por título Galiza, o berço dos celtas da Europa atlântica (Brigantia, Breogam, Berobreo e Hércules. Olhando trás-a lenda). Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela, André Pena Graña é Historiador, Arqueólogo e Arquiveiro do Concello de Narón, e está especializado en investigacións sobre a cultura céltica do atlántico europeo e a supervivencia de trazos culturais da antiga Gallaecia no reino galego medieval e no folclore galego contemporâneo. O acto celébrase ás 20 horas no local da Fundación Caixa Galicia, situado no Cantón Grande da Coruña.
Compostela: lectura dramatizada a partir de Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), de Rubén Ruibal
O 26 de xaneiro, dentro da programación de “ARTeria Noroeste” (unha iniciativa de SGAE / Fundación Autor), terá lugar ás 20:00 no Parque Vista Alegre (Rúa das Salvadas, 2A; 15705 SANTIAGO DE COMPOSTELA), a lectura dramatizada sobre a obra de Rubén Ruibal Limpeza de sangue (O sangue fai ruído). O ciclo de lecturas dramatizadas impulsado en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) debuta coa escenificación do Premio Nacional de Literatura 2007. Santi Prego dirixe e oito actores dramatizan. Acceso gratuíto.
Vigo: presentación d’ O Globo de Shakespeare (Xerais), de Santiago Jaureguizar
Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 na libraría Librouro de Vigo, presentarase a novela O Globo de Shakespeare (Xerais), de Santiago Jaureguizar. No acto o autor conversará sobre a obra con Manuel Bragado, director da editorial. Esta novela foi merecedora do Premio Terra de Melide 2008.
Estúrdiga materia, de Luís González Tosar, Libro Galego do Ano 2008 segundo os lectores de El Progreso
«Os lectores de El Progreso e do xornal dixital Galiciae escolleron como Libro Galego do Ano 2008 o poemario Estúrdiga materia (Galaxia), de Luís González Tosar. […]» (El Progreso)
Este mes rematará o prazo para o IX Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño
A finais deste mes rematará o prazo de presentación de orixinais para o IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño.
A Coruña: presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez
O próximo 12 de febreiro, xoves, ás 20:00 no centro Fonseca dos xesuítas, terá a presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez, con Modesto Vázquez e Joaquín Garcia de Dios. Falarase tamén do libro anterior do mesmo autor Más allá de la fragmentación de la teología, el saber y la vida. Raimon Panikkar.
Oleiros (A Coruña): presentación do libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950))
O vindeiro venres día 23 de xaneiro, ás 20,00 horas, vaise presentar na Casa do Pobo de San Pedro de Nós (Oleiros-A Coruña) o libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) (Editorial Trifolium), do que é autor o investigador e profesor na Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, Carlos F. Velasco Souto.
Estarán presentes no acto de presentación do libro Carlos F. Velasco Souto (autor, profesor de Historia Comtemporánea na Universidade da Coruña), Emilio Grandío (investigador, profesor no Departamento de Historia Contemporánea e de América na Universidade de Santiago de Compostel). (Editorial Trifolium)