(Bos Aires, 1 de maio) – Coa intención de abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten, o colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata organiza este sábado a segunda xuntanza dos seus obradoiros “Cousas de Mulleres”. A segunda cita será na Asociación Residentes de Vigo o vindeiro sábado 3 de maio ás 15 horas na rúa Quintino Bocayuva 522, da cidade de Bos Aires.
Os obradoiros vivenciais están a percorrer as institucións da colectividade galega en Bos Aires, alí onde cada centro ou asociación abra as súas portas. “Unha vez ao mes abrimos estes faladoiros onde o que buscamos é escoitarnos, é falar do que nos pasa como mulleres, como emigrantes, como nais ou fillas ou avóas ou netas, como traballadoras ou como personas no paro. Falar, ou sexa, do noso vivir como mulleres”, detallaron dende Herbas de Prata.
Ademáis destes obradoiros, Herbas de Prata organiza xunto coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta o programa de capacitación, de formación, e encontro e reflexión para as mulleres da diáspora galega Tempos de Mulleres, que foi presentado na Delegación Exterior da Xunta de Galicia o pasado luns 28 de abril. Máis información: herbasdeprata@gmail.com (Herbas de prata)
Maio na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña
A Xunta Directiva da Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa das actividades previstas para o mes de maio.
* Martes 6: Conferencia dentro do ciclo do Día das Letras Galegas, a cargo de Henrique Rabunhal, intitulada “Xosé Álvarez Blázquez na súa canle secreta”, ás 20:30 h, no salón de actos da ACAB.
* Xoves 8: Conferencia dentro do ciclo do Día das Letras Galegas, a cargo de Xosé Ramón Freixeiro, intitulada “Os prexuízos lingüísticos”, ás 20:30 h, no salón de actos da ACAB.
* Martes 20: Conferencia dentro do ciclo do Día das Letras Galegas, a cargo de Pilar García Negro, intitulada “O decálogo que a lingua galega precisa”, ás 20:30 h, no salón de actos da ACAB.
* Mércores 21: Presentación do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de Dna. Begoña Álvarez Bravo, acompañada polo presidente da Asociación, D. Roberto Catoria e do Vicepresidente da Deputación, D. Pablo Villamar, ás 20:30 h, no local da asociación.
* Xoves 29: Conferencia A destrucción do patrimonio na Coruña e bisbarra, a cargo do arqueólogo e historiador Manolo Díaz, e presentación da páxina web da asociación de Denuncia da destrucción do patrimonio na Galiza.
* Sábado 31: Gala final do I certame de composición coral en galego Alexandre Bóveda, no Teatro Colón da Coruña, ás 20:30h, con entrada de balde.
Participarán o Coro Alexandre Bóveda, Coral Polifónica de Bergantiños, Coral Viladauga de Cenlle (Ourense) e o Coro Cantabile da Coruña defendendo as composicións finalistas.
Durante a semana das Letras galegas, do 12 ao 16 de maio, repartiranse de balde exemplares do libro Historia da A. C. Alexandre Bóveda, recentemente editado e que se presentara na semana seguinte.
Darío Xohán Cabana en Ourense
O luns 5 de maio, ás 20:15 no Salón nobre do Liceo de Ourense, terá lugar unha conferencia de Darío Xohan Cabana sobre Xosé María Álvarez Blázquez.
Francisco X. Fernández Naval na Sargadelos da Coruña
O martes 6 de maio, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Francisco X. Fernández Naval cunha intervención titulada “Auga crebada –poemas de río e mar- (dos libros Mar de Lira e Miño)”, nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
VII Maratón de Lectura en Galego na Coruña
O Centro Cívico Municipal dos Mallos da Coruña organiza o VII Maratón de Lectura en Galego. Seró o 13 de maio no salón de actos do centro de 17:00 a 20:30. Consistirá nunha lectura pública dun fragmento dun autor ou autora: Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Manuel Rivas, Lino Braxe, Castelao… ou dun texto de creación literaria propia.
Ás persoas interesadas facilitaráselles quenda de lectura durante a celebración do Maratón. Para isto é preciso porse en contacto co centro cívico.
Día das Letras Galegas en Ferrol
A Galería Sargadelos Ferrol celebra un ano máis o Día das Letras Galegas organizando unha lectura dos diferentes textos do homenaxeado este ano para os días 15 e 16. Será na Galería a partir das 20 horas deses días. Aqueles de vós que vos queirades anotar, chamade de 9 a 21 horas ao 981 353 714.
Recibide un moi cordial saúdo do Consello Directivo da Aelg.
17 de maio en Compostela
Co gallo do día das Letras Galegas, a Concellaría de Cultura e a Concellaría de Rehabilitación e Casco Histórico de Santiago de Compostela están a organizar un evento para celebrar esta data coa proposta dunha serie de actividades participativas durante os días 16 e 17 de maio, e para o que queren contar coa colaboración das Socias e Socios da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Unha das accións consiste en convidar os escritores a realizar intervencións en diferentes locais de Santiago. Así pois, se desexades participar, chamade á maior brevidade aos teléfonos do Auditorio de Galicia:
981 574152 /53 en horario de 9:30 a 14:00 horas ou nos enderezos electrónicos
subdireccion@auditoriodegalicia.org
exposicions@auditoriodegalicia.org
para poder organizar as intervencións dos escritores voluntarios/as e, en colaboración coa Asociación da Cidade Vella de Santiago, coordinar os lugares e horas dos actos.
Dada a proximidade das datas do envento necesitaríase unha resposta o máis rápida posíbel. O programa inclúe a invitación aos libreiros para sacaren as librerías á rúa, actividades festivo culturais etc, comezaría a desenvolverse na xornada de tarde – noite do día 16 de maio, ata as 22:00 horas e o día 17 de maio ata as 21:00 horas.
Recibe un cordial saúdo,
O Consello Directivo da Aelg.
Número 26 da revista Foeminas
Xa está disponíbel o número 26 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.
Primeiras 200 propostas para os Premios Nacionais da Cultura Galega
Premios AELG 2008
«A Cea das Letras serviu, un ano máis, de escenario para que a Asociación de Escritores en Lingua Galega presentase os seus premio anuais. Como xa se anunciara, a cubana Nancy Morejón foi declarada escritora galega universal. Pola súa banda, Justo G. Beramendi levou o premio de ensaio pola súa obra “De provincia a nación”. “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz, foi considerado o mellor traballo de Literatura Infantil e Xuvenil. “Sextinario: treinta e seis + tres”, de Marica Campo Levou o premio de Poesía e “O soño da febre” de Miguel Anxo Murado, o de Narrativa. O seu traballo cos “Poemas canónicos” de Kavafis valeulle a Yolanda Vilarchao o premio á tradución, mentres Millán Picouto facíase co de teatro por “Ciclo de Marte”. Finalmente, a traxectoria xornalística recoñecida nesta ocasión foi a de Xosé Luís Méndez Ferrín. […]» (culturagalega.org)