XVI Premio de Poesía Espiral Maior

Edicións Espiral Maior convoca en Galicia e Portugal o XVI Premio de Poesía Espiral Maior. Na actual convocatoria, o premio, patrocinado por Ámbito Cultural El Corte Inglés, pasa de estar dotado con 12.000 € a 15.000 €, converténdose así no premio mellor dotado economicamente de Galicia.
Poderán presentarse ao Premio libros escritos en galego e en portugués, inéditos e cun mínimo de 600 versos e o prazo de admisión dos mesmos rematará o 20 de xuño de 2008.
O libro premiado, cunha tiraxe de 2.000 exemplares, verá a luz na Colección Poesía de Edicións Espiral Maior. Aquí poden consultarse as bases.

Preséntase na Coruña Corpo baleiro, de Berta Dávila

A Galería Sargadelos e Edicións Espiral Maior organizan a presentación do libro Corpo baleiro, de Berta Dávila. O acto, que contará coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio López Valcárcel e Berta Dávila, terá lugar o venres 9 de maio ás 20:00 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56).

Bookcrossing no Val Miñor por Espazo Lectura

O colectivo Espazo Lectura promove a partir deste próximo sábado unha campaña de bookcrossing no Val Miñor, que conta coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. A iniciativa suporá a liberación de 120 libros en diferentes espazos públicos dos tres concellos para que a xente poida collelos, lelos e volver a deixalos ceibes co obxectivo de que outras persoas poidan atopalos. O acto de prensentación da campaña terá lugar o próximo sábado, 10 de maio, ás 11 da mañá, nos xardíns do parque da Ramallosa, ao lado da antiga estación do tranvía, e contará coa presenza de representantes de Espazo Lectura e dos tres alcaldes e outros representantes das corporacións municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Esta iniciativa, que bota a andar na Semana das Letras Galegas, ten como obxectivo achegar o libro galego aos veciños e veciñas do Val Miñor, fomentar a lectura e divulgar a iniciativa do bookcrossing na nosa zona. Os 120 libros rulantes que se van liberar foron rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e están etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar onde os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros vai acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explica o espírito da campaña e o que hai que facer se se atopa un destes libros e serán distribuídos a través de centros de ensino, bibliotecas, asociacións culturais e veciñais, etc.
Máis información aquí ou no 619292991.

Presentación na Coruña do libro/cd/dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro

A Galería Sargadelos e Sons Galiza Comunicación organizan a presentación do libro/cd /dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro. O acto, que contará coa participación de Celso Álvarez Cáccamo, Miguel Mato e Eloi Caldeiro, terá lugar o xoves, 8 de maio, ás 20:00 na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña.

Presentación do libro Safo: cantos e fragmentos

A presentación do libro Safo: cantos e fragmentos terá lugar o próximo día 8 de maio, ás 19:00 na biblioteca Anxel Casal de Santiago (Rúa Xoán XIII). Intervirán Francisco Macías, de Edicións Positivas, Mª Teresa Amado, profesora de Grego da USC e tradutora, Pilar Buela, escritora, e Raúl Gómez Pato, tradutor desta obra e escritor. Poranlle calor, arte e música ao acto Carmen Dor e Tino Baz.

Xosé Ramón Freixeiro Mato impartirá na Coruña unha conferencia sobre os prexuízos lingüísticos

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 8 de maio, ás 20:30 no salón de actos da entidade (R/ Olmos 16-18, 1º), terá lugar a segunda das conferencias adicada este ano á conmemoración do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión estará con nós D. Xosé Ramón Freixeiro Mato, que impartirá unha conferencia intitulada Os prexuízos lingüísticos.

Presentación do libro Dicionario Xosé Mª Álvarez Blázquez, de Ana Acuña

Ana Acuña, estudosa da obra de X. M.ª Álvarez, preséntanos neste manual da colección «Dicionario» (a dedicada ós autores das letras galegas), e a través das diferentes «entradas» perfectamente clasificadas, un completo estudo, con todos os datos e a análise debullada da súa obra, sobre a escritor ó que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2008. Conta ademais con cadros sinópticos, recursos e actividades para traballar cos alumnos na aula (tanto cos de primaria como cos de secundaria), selección de textos e sección de imaxes. O poético limiar é da académica Luz Pozo Garza. Será o venres 9 de maio, ás 8 da tarde, na librería «O Trasno Viaxeiro» de Cacheiras.

O filme de Margarita Ledo Liste, pronunciado Líster poderá verse por primeira vez na Arxentina

O filme de Margarita Ledo Liste, pronunciado Líster poderá verse por primeira vez na Arxentina co gallo do X Festival Internacional de Cine de Derechos Humanos (DerHumALC) que terá sitio entre o 8 e o 14 de maio en diversas salas da cidade de Bos Aires. A propia directora do documental, catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e que ven de ser incorporada á Real Academia Galega, estará na capital arxentina ata o sábado 10 de maio para presentar esta, a súa última producción. O filme, de 111 minutos de duración, poderá verse o próximo venres 9 de maio ás 21 no Cine Gaumont da avenida Rivadavia 1635, fronte á praza dos Dous Congresos.