Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.

Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.

Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)

Presentación de “Haikús da Costa da Morte”, de Alfonso Armada e Antón Patiño

O venres 1 de xuño terá lugar ás 20:30 horas a presentación por parte de Juan Manuel Bonet do cartafol de gravados e poemas Haikús da Costa da morte, de Alfonso Armada e Antón Patiño, na Galería Antonio Machón (C/ Conde de Xiquena, 8, Madrid). O acto coincide coa mostra actual de Antón Patiño “Memoria líquida”, que se exhibe na Galería Antonio Machón até o día 7 de xuño de 2007.

Presentación d'”Os ríos pasan cheos de Deus”, de Victorino Pérez

A Galería Sargadelos albergará a presentación do libro de Victorino Pérez Prieto Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego, editado por Nume. No acto intervirán, ademais do autor, Xaime Bello e Martinho Montero Santalha. Será o martes 29 de maio ás 20:00 horas.

Ferreira Gullar en Compostela

“Na próxima terza feira, día 29 de maio, terá lugar unha tertulia-recital co poeta e crítico de arte brasileiro Ferreira Gullar, que será conducida polo xornalista Anxo Quintela, a profesora Mª Carmen Villarino Pardo e o profesor Luciano Paula de Melo, de Literatura Brasileira da USC, ás 20:00 horas no Paraninfo da USC na Facultade de Xeografía e Historia.”

Presentación do “Dicionario María Mariño” en Brión

O Dicionario María Mariño de Esperanza Mariño Davila será presentado no Centro Social Polivalente de Brión (A Maía) o martes 29 de maio ás 21:00 horas. No acto intervirán o escritor e poeta Miro Villar, o alcalde de Brión Xosé Luís García García, o director editorial de 3C3 Antonio Puentes Chao e a propia autora.