Sábeme a salamántiga o ceo da boca gaña o Premio Torrente Ballester en lingua galega da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O xa coñecido “Cónclave de Mariñán” reuniuse hoxe para elexir as obras gañadoras do Premio Torrente Ballester nas modalidades de lingua galega e lingua castelá. Ambos xurados analizaron as 374 obras presentadas e decidiron conceder o galardón a Sábeme a salamántiga o ceo da boca, de César Cequeliños, na modalidade de lingua galega, e El silencio de las palabras, de Anna M. Blasco Rovira e Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo, de Jesús María Antón Ávila, gañadoras ex aequo na modalidade de lingua castelá.
O xurado da modalidade en lingua galega estivo formado por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro. O da modalidade en lingua castelá formárono Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez – Andrade, e Mario Beramendi. Presidido pola deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, actuou como secretaria a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz.
Sábeme a salamántiga o ceo da boca foi a obra gañadora por maioría do Premio Torrente en galego. O xurado salientou que é un texto ben escrito, áxil, divertido e con diálogos inxeniosos. A novela contén un elemento fantástico que está ben encaixado na trama. Debuxa moi ben a burguesía viguesa de comezos do século XX. (…)”

“Hoxe lemos: Furia, de María Reimóndez”

Entrevista a María Reimóndez no Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos con María Reimóndez a propósito do seu último libro, Furia, premio Jules Verne de literatura xuvenil. Unha novela sobre a adolescencia, a perda, os afectos e o boxeo como vía de reconexión individual e colectiva. Escoitamos tamén as impresións lectoras de Adela Dios, unha das integrantes do xurado do premio. Bárbara G. Vilariño, do club de lectura Queeruña, comparte as súas achegas sobre a triloxía de ciencia ficción feminista que Reimóndez comezou coa novela Cobiza e que culminará en 2024. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2023. A dramatización na formación da identidade lectora, con Carlos Labraña, o 15 de novembro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A dramatización na formación da identidade lectora é unha actividade coordinada por Isabel Mociño, Carla Míguez e Verónica Pousada Pardo (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Vaise desenvolver o 25 e 31 de outubro e o 8 e 15 de novembro, ás 18:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. O programa pode descargarse aquí.

A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O programa é o seguinte:

15 de novembro
Carlos Labraña
Non dramatices!!! Censura e autocensura no teatro infantil