Luz Campello: “Miña nai sempre me di ‘aínda non creo que esteas viva'”

Entrevista a Luz Campello en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Cal é o botín das piratas?
– Luz Campello (LC): Ufff… Foi difícil buscar o título… O botín das piratas é a ganancia das derrotas. Hai que pasar por naufraxios para conquerilo, de aí a referencia ás piratas, en feminino, que tamén me custou. O botín é ese beneficio entre comiñas, iso que sacas e aprendes co feito de vivir. Porque vivir é realmente moi arriscado. Como vulnerables que somos, os seres humanos estamos sometidos a moitos riscos e moi sós, moi na intemperie. Nese camiñar esta é unha obra máis de madurez, porque xa tes un percorrido. Nese camiñar tento sacar certa estratexia, situarme nun sitio onde non me arrastre. Ao final é a procura da supervivencia e da resistencia para sobrevivir.
– LVG: Con dous cancros nas costas dende moi nova, a perspectiva cambia, non?
– LC: Si. O primeiro cancro foi con 33 anos. Ó traballar en saúde xa estás máis preto do sofrimento e a fraxilidade. No meu caso logo pasou por min e de forma repetida. Curiosamente, chegas a esquecerte, pensas «foi un episodio e xa está», e ocórrenche cousas moi bonitas, vidas, fillos… Pero en calquera momento te volve sorprender. Os temas de saúde son os máis difíciles de afrontar, pero logo hai outros…
– O seu poemario é de esperanza?
– LC: É un libro esperanzador e con moita forza, saes adiante pasando por eses camiños. É posible saír e saes feliz. Esta non é só a miña experiencia, é a de miles de persoas, practicamente de todas as persoas, unhas dunha forma máis consciente e outras non. Isto pódese vivir coma unha completa desgraza ou dicir «eu estou aquí e estou viva». Miña nai recórdamo todas as veces que a chamo. Sempre me di «aínda non creo que esteas viva». Vivimos e non somos conscientes da sorte de estar vivos. Miña nai é como un testemuño que me recorda que puiden non estar aquí. E claro que tiven moitísmo medo, por perdas familiares, pero miña nai me recorda o feliz que teño que ser, e a sorte que teño eu, que ten ela e que teñen os meus fillos. Sempre mo di. Non, o libro non é negativo. É moito máis. Nun poema falo das vendas que imos poñendo, das cousas que temos que construír, de facer casas… Pero se non percibimos as feridas tampouco percibimos os bicos. (…)”

“De resiliencia e resistencia”

Desde El Progreso:
“A vida sempre dá unha de cal e unha de area, aínda que existe a convicción de que a primeira é sempre a máis habitual, sendo a referida ás cousas malas, ao que fai sufrir ás persoas. Porén, chega outro dito, o que di que a toda cousa mala lle podes sacar a súa parte boa. Moitas veces, de feito, é o conseguir saír desa situación o satisfactorio e o positivo que levas.
Luz Campello tivo en conta todo isto cando xuntou varios dos seus poemas, “algúns escritos cando tiña 20 anos, e o resto dispersos polos días da miña vida”, para crear e acabar sacando á luz Ben sabe o mar que posúo o botín dos piratas, unha obra “de longo percorrido”, ao tratarse dun poemario que abarca temas moi diversos baixo a mesma premisa, a de “reflexionar sobre a resistencia e a resiliencia”, e estar escritos nun espazo longo de tempo.
“Este poemario é froito das fracturas e das arestas do noso transitar, que non é doado”, conta, deixando claro así que o libro navega por acontecementos esparexidos no tempo e que fala de cousas que poden acontecer na vida cotiá de calquera persoa.
Aínda que expresa que non son todas experiencias propias e non é cometido do libro reflectilas, Luz Campello admite que experimentou consigo mesma: “Úsome como traballo de campo, así como ás miñas experiencias”. Isto dálle ao contido un extra de intimismo e de profundidade presente na totalidade das follas.
Porén, aínda que o sufrimento sexa un dos temas por excelencia dun poemario que penetra nos sentimentos e vai da man con eles, a ollada do mesmo é “alegre e optimista, de afrontar os problemas e saír deles, da vulnerabilidade humana e tamén da fortaleza coa que se afrontan os retos e as dificultades”, explica a poetisa guitiricense.
“Serve para os tempos que vivimos, onde hai que mirar adentro e fortalecernos ante unha sociedade esixente e apurada, afondando na ferida e facendo que cicatrice”, prosegue sobre o contido e o significado do poemario, o terceiro da súa carreira literaria.
O proceso creativo e a elaboración do mesmo foi unha carreira de fondo onde os diferentes textos foron aparecendo segundo lle ían acontecendo ou se lle ían poñendo diante cousas á autora, o que a motivaba a sentar a escribir.
“Entre a inspiración hai situacións como a miña primeira separación, poblemas diversos relacionados coa saúde ou co mobbing… Foi un proceso de vivir, ver e escoitar moito”, relata Luz Campello. (…)”