Xusto Beramendi recibe a Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego

Desde Nós Diario:
“Coincidindo coa asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego (MPG), o sábado 27 de maio entregóuselle ao historiador Xusto Beramendi, un dos seus fundadores, a Insignia de Ouro da entidade.
O padroado, na súa intervención, recoñeceulle que “os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso do Dr. Beramendi González”.
Lembraron, ademais, por unha parte, que, “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente.”
Por outra, recordaron que “ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no propio MPG, primeiro como secretario, logo como presidente da Xunta Reitora, e finalmente como presidente do padroado”.
Tiveron en conta desde o padroado, tamén, que “até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento” polo que “coherente coas súas ideas, en maio de 2022 para non perpetuarse no cargo renunciou á presidencia do padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección”.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986.
Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
En abril de 2022 anunciou a súa decisión de retirarse e escolleuse á profesora Concha Losada, daquela vicepresidenta, como nova presidenta.”

Ourense: actividades do 7 de xuño da Feira do Libro 2023

Eva Mejuto: “A realidade actual do colectivo só é posíbel pola xente que puxo antes a cara e o corpo por nós”

Entrevista de Laura Veiga a Eva Mejuto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Finalista en tres categorías e con dous premios Follas Novas. Cales son as sensacións?
– Eva Mejuto (EM): Evidentemente hai unha satisfacción enorme como autora, mais hai algo que está por enriba. O que me satisfai é a visibilidade que conseguen este tipo de proxectos grazas a estes premios, porque non deixan de ser unha maneira de pór o foco na produción e nas distintas iniciativas de mediación lectora. Ás veces, acontece nas librarías que o que xa non é novidade deixa de estar visíbel, polo que hai obras que pagan moito a pena que pasan desapercibidas. E non o digo polas miñas, falo en xeral, é unha reflexión sobre o ritmo de produción editorial.
Un libro non é un produto de consumo breve e rápido e, ao final, este tipo de premios axudan a parar, a facer unha reflexión, a botar unha ollada e a ler os que quedaron atrás. Por iso tamén me gusta acompañar os libros. Escribir e publicar está moi ben, mais estar nunha escola, ir a unha asociación cultural ou a un centro de día dá algo máis importante: estar presente e manter un diálogo coas lectoras.
– ND: Ao final, tanto A ladroa da biblioteca de Meirás como Memoria diversa tratan a liberdade e a represión, mais con enfoques diferentes.
– EM: Claro, é un non estar a gusto co mundo no que estás e procurar a liberdade de distintas maneiras. A protagonista do primeiro rouba libros como maneira de vingarse, mais tamén porque ve os libros como ese espazo para mudar a túa vida, que é o tema de Cando leo, o outro libro que quedou finalista. Eu son a mesma e o que quero contar dalgunha maneira busca distintas formas, mais os meus intereses e as miñas inquedanzas están aí. Creo que dentro do meu proxecto como autora é central o tema da memoria e da realidade LGBTIQA+ e nos dous libros premiados hai unha conxunción das dúas cousas.
A idea de A ladroa da biblioteca de Meirás partiu cando vin Carlos Babío presentar Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, un libro cunha documentación magnífica que foi utilizado para o xuízo que axudou a gañar o pazo para o pobo. Cando vou a institutos vexo que hai pouco coñecemento sobre esa parte da historia e é fundamental que se coñeza para entender como é hoxe o noso país. Nós somos a causa de, por culpa de ou a consecuencia da historia dos últimos anos.
O franquismo condiciona enormemente o que é hoxe a nosa sociedade, é cuestión de como eramos, como somos e como queremos ser. E creo que a literatura serve para encher os ocos que deixa a historia oficial ou a dos libros de texto, sobre todo no que se refire ás persoas.
– ND: Un dos problemas é que as persoas que gardan esa memoria ou que participaron dela van falecendo.
– EM: Penso que é importante ver a memoria como unha forma de estabelecer pontes. No día do Orgullo temos o referente de Stonewall ou Madrid e esquecemos a manifestación tan potente que houbo en Vigo en 1981.
A xente nova dos colectivos ten que saber que o que se está a facer agora é posíbel grazas a que hai quen o fixo antes, que hai quen puxo a cara e o corpo por nós. Memoria diversa recolle as historias desas persoas que viviron a ditadura e a transición, que foron á cadea por ser, pola súa identidade ou a súa orientación, porque creo que a conexión entre xeracións non existe de maneira directa e é importante para que estas persoas vexan o seu esforzo recoñecido.
Unha das entrevistas que máis me impactou foi a de Trinidad Falcés, unha muller trans da Galiza que estivo fóra e volveu. Estivo na primeira manifestación do Estado español, en Barcelona, e era memoria viva do colectivo. Foi unha muller que levou unha vida moi dura e ela estaba moi orgullosa de saír no libro, mais por desgraza faleceu ao pouco de saír publicado.
Creo que hai moita dignidade que devolverlle a persoas como ela e creo que este tipo de iniciativas axudan á reparación mínima do que se lles roubou.”