A AELG reivindica un Panteón de Galegos Ilustres para o pobo

Desde2016022115294464973 Sermos Galiza:
No acto que celebrou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) polo Día de Rosalía -que terá lugar esta cuarta feira (día 24)-, Cesáreo Sánchez pediu acabar coa ocultación e o secuestro ao que están sometidos os galegos ilustres, entre os que se atopa a propia Rosalía.
“Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”, apunta Cesáreo Sánchez en declaracións a Sermos Galiza, “máis cedo que tarde, Rosalía ten que ser rescatada do secuestro, os galegos e galegas non podemos tolerar esta situación ferinte”.
O presidente da AELG lembra que “no seu día o corpo de Rosalía foi traído aquí nun acto de voluntaria transcendencia cultural e política para o galeguismo de entón. Seguían a estrela que Rosalía levaba na fronte e que Curros cantou”. “Otero dixo: nesta hora estará a nacer algún recanto da nosa terra, o home ou a idea que transformará en pobo profundo o ritmo da nosa historia. Esa muller foi Rosalía de Castro”, engade o presidente da AELG.
Na conmemoración das escritoras e escritores galegos tamén interveu Suso de Toro, quen apelou a Rosalía como un crisol onde a cerna do pobo tomou forma e tivo alma e como a poeta das desposuídas que foi quen de construír un relato e de fundar todo un pobo. De Toro, que leu o manifesto da AELG, describiu Rosalía como unha persoa “verdadeira e libre”. “Debido ás circunstancias sociais da época, tivo que pagar esa liberdade, pechada na súa casa cos seus poemas”, apuntou o escritor, quen tamén lembrou a “xustiza social” que Rosalía pedía para os desherdados.
No acto da AELG, María Xesús Astrai, Afonso Becerra, Rosalía Fernández, Margarita Ledo, Celia Parra, Mercedes Queixas, Eli Ríos, Isabel Risco, Alba María e Francisco Susavila recitaron poemas da autora. Tamén participou a Coral da Asociación Solfa, que lle puxo voz a poemas da propia Rosalía, de Cabanillas e de Manuel María.”

Guitiriz: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O sábado 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Escola Habanera de Guitiriz, preséntase Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG, nun acto organizado pola A. C. Xermolos e a A. C. Rosalía de Castro de Barakaldo, e no que intervirá o propio autor.