A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, por Ánxela Lema París

DesdeMarga do Val A Sega:
“Aínda que existen moitos poemarios que recollen poemas máis que reveladores, poemas que se meten no corpo ou que asaltan a túa cabeza, sempre hai un poema con que cada lectora dá e que pensa: “Só por este texto este libro tiña que publicarse”.
No medio da situación actual en que nos encontramos, onde o ser muller está a baleirarse de signficado e onde o corpo semella pertencer a un mundo ao que miramos desde o sofá crendo velo dentro dunha película de serie B, ás veces unha encóntrase cunha sucesión de versos que paga a pena espallar. Pois ben, desta vez foron os versos de Marga do Val proxectados en A cidade sen a roupa ao sol e, máis concretamente, os versos pertencentes ao seu poema “Kahlschlag”. Quizais non sou eu a persoa máis indicada (en fin, quizais non, senón que seguramente non) para reflexionar sobre estas palabras, mais o importante da poesía, penso, é transmitir, facer estoupar e mover os corpos, mais da forma que nós mesmas decidamos e non da forma que deciden desde ese outro mundo guionizado e patrocinado por deus-sabe-quen.
e lustramos os zapatos/que gardan as pegadas do andado/e así procuramos/que sea máis doado cada día/mentres agardamos outro día/coa mesma tranquilidade/con que dobramos as sabas!

Unha, despois de ler isto, busca os zapatos que ten no armario e comeza a debater con eles sobre as historias que viviron, cales lembran e cales non, sobre os pasos que a trouxeron até o agora… Todo isto sen deixar de pensar que vivimos co terrible costume de alterarmos a estética dos pés cada mes, ou quizais cada semana, semellando que con cada calzado novo esquecemos as pisadas realizadas co anterior. Coa data de caducidade que cada elemento que nos rodea ten a día de hoxe chegamos ao punto de non manter ningunha relación de confianza, ningunha relación real. Conseguen/-imos que sintamos a necesidade de renovarnos mais nun proceso en que o baleiro está continuamente presente, é dicir, nun proceso que non avance e que apenas enfatiza o baleiro sen deixar que proxectemos ningún recordo ou que deixamos algunha mínima pegada na memoria. (…)”

Tui: tertulia con Víctor Freixanes e Marga do Val, Premios da Crítica 2010

O venres 28 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala Félix Rodríguez da Biblioteca Municipal de Tui terá lugar unha tertulia cos Premios da Crítica 2010 en lingua galega: Víctor F. Freixanes, con Cabalo de ouros e Marga do Val, con A cidade sen roupa ao sol.

Pontevedra: presentación de A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val

O martes 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos ((Rúa Oliva, 24) de Pontevedra, preséntase o libro de poemas A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, publicado en Espiral Maior, recente gañador do Premio da Crítica de Poesía en lingua galega.

Santiago: actividades do martes 3 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do martes 3 son as seguintes:
– 18:00 h. Actividades para nenos. Contacontos a cargo de Brétema Animación.
– 18:30 h. Presentación do libro O meu gato é un poeta, de Fran Alonso, publicado por Xerais. Intervirán no acto Xurxo Souto e o autor.
– 19:00 h. A escritora Mª José Viñas Tobío asinará exemplares dos eu libro El planeta Dragón, publicado por Editorial La Plana.
– 20:00 h. Presentación do libro de Marga do Val, A cidade sen roupa ao sol (Premio da Crítica Española 2010), publicado por Espiral Maior. Participan no acto a propia autora, Anxos Sumai, Elias Torres Feijó e Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

Premios da Crítica 2010: Marga do Val e Víctor F. Freixanes

En representación da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados deste ano en lingua galega:

Poesía: A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, poemario publicado en Edicións Espiral Maior en 2010. “Trátase dun poemario vital e reflexivo. A voz poética mergúllase en significativos episodios biográficos a xeito de particular educación sentimental”.

Narrativa: Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, novela publicada en Editorial Galaxia. “Parte do interesante artificio do cantar de cego a ofrece un estilo envolvente, compensado e denso”.

Laura Caveiro foi este ano a representante da Sección da Crítica Literaria enviada a Cáceres para propor os títulos galegos decididos oito días antes en Compostela.

Vía Crítica literaria. Tamén se recolle esta nova en Galicia Hoxe, Xornal, Cultura Galega e Galaxia.

A Coruña: presentación de A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val

O venres 17 de decembro, a partir as 20:00 h., no Salón de Actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro de poemas A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello e Carme Fernández-Pérez Sanjulián.

Tui: presentación de A cidade sen roupa ao sol

O xoves 16 de decembro, a partir as 20:30 h., na Biblioteca Pública (Rúa Colón, 2) de Tui, preséntase o libro de poemas A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafael Sánchez Bargiela e Julián B. Baso, ilustador.