Os premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía coñecéronse durante a cerimonia celebrada durante a noite do venres 13 de maio en Arteixo. Durante o acto de entrega, que foi comandado polo profesor e escritor Henrique Rabuñal, o novo coordinador do certame, Alfredo Ferreiro, presentou o volume A garza insomne, que recolle os nove relatos finalistas das anteriores tres edicións, e sobre o que valorou “a colaboración do fotógrafo Xacobe Meléndrez, cuxa garza real destaca na portada do libro; e tamén, desde logo, o traballo esmerado e rigorosamente profesional de Galaxia, editora que nos honra colocando o noso libro na súa colección literaria principal, o que asegura a súa máxima divulgación”. O escritor Xavier Alcalá falou en representación da editorial e confirmou o interese da de Galaxia en apoiar os criadores e as criadoras do país dentro e fóra do mesmo, para o que está empeñada na actualidade na súa modernización e internacionalización, especialmente nos mercados hispanófono e lusófono.
A continuación o coordinador leu a acta do xurado, composto polos escritores Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador que asistiu como secretario, con voz e sen voto), en que se revelaba que por unanimidade debían os tres premios ás seguintes obras:
– 1º Premio, con 4.000 € e a publicación da obra, para o relato “Hai patios de luces tristes”, de Diego Giráldez.
– 2º Premio, con 500 € e a publicación da obra, para o relato “O mérito da chuva”, de Carlos Quiroga.
– 3º Premio, con 300 € e a publicación da obra para o relato “A aranha de Sidney”, de José António Lozano.
O evento contou coa actuación musical do grupo 4 jazz, que interpretou temas con letra de Manuel María así como outros do canon lírico galego, portugués e brasileiro.
A velada, que tiña comezado coa plantación dunha árbore conmemorativa do 25 aniversario do Certame, luce unha placa en que pode lerse: “Con raíces na Terra / a lingua medre / e a literatura floreza”. Como fin de festa, celebrouse un ágape na sala de exposicións do Centro Cívico.
A esta edición do certame presentáronse 72 orixinais, dos que 60 foron seleccionados para a valoración do xurado por cumpriren debidamente as bases.
A foto dos autores premiados é de Nifunifa.
Arquivos da etiqueta: A garza insomne
Arteixo: entrega dos premios do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
O venres 13 de maio, ás 19:30 horas, no Centro Cívico de Arteixo entréganse os premios do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, que ten como finalistas a Carlos Quiroga, Diego Giráldez e José António Lozano. O acto de entrega, conducido por Henrique Rabuñal, ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o volume A garza insomne, consistente nunha edición dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, a actuación musical do grupo 4 jazz, a plantación dunha árbore conmemorativa do 25º aniversario e un viño de honra como fin de festa, así como unha lembranza musical e literaria da figura de Manuel María, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Para tal fin contarase durante toda a semana no recibidor do CCC cunhas láminas sobre a súa vida que remitiu a Xunta de Galicia e que foron completadas con outras elaboradas no Concello nas que se mostra a súa relación con Arteixo dende o ano 1996. O día 13 tamén estarán a disposición do público asistente algúns dos libros do autor da Terra Cha.
Finalistas do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
“Reunido o xurado do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, composto por Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):
– O mérito da chuva, de Carlos Quiroga.
– Hai patios de luces tristes, de Diego Giráldez.
– A aranha de Sidney, de José António Lozano.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia de entrega, que se celebrará o próximo venres 13 de maio, ás 19:30 h., no Centro Cívico do Concello de Arteixo, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o volume A garza insomne, consistente nunha edición dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, a actuación musical do grupo 4 jazz, a plantación dunha árbore conmemorativa do 25º aniversario e un viño de honra como fin de festa.
O evento incluirá ademais unha lembranza musical e literaria da figura de Manuel María, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Para tal fin contarase durante toda a semana no recibidor do CCC cunhas láminas sobre a súa vida que remitiu a Xunta de Galicia e que foron completadas con outras elaboradas no Concello nas que se mostra a súa relación con Arteixo dende o ano 1996. O día 13 tamén estarán a disposición do público asistente algúns dos libros do autor da Terra Cha.”