Pilar Pallarés: “Para Carvalho Calero a poesía é catarse, nace da verdade”

Entrevista a Pilar Pallarés na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Como definiría a poesía de Carvalho Calero? Ata que punto está presente en toda a súa obra poética esa ollada existencialista de quen se definiu como fillo de Eva?
– Pilar Pallarés (P): É difícil definir univocamente a poesía dun relativista, a enxergar sempre o ser humano e a si propio como múltiplo e contraditorio. É a poesía dun fillo do século XX, tal como indica mui fermosamente no poema de Futuro condicional “A Álvaro Cunqueiro, 1980”. Lela significa percorrer os camiños que levan da vangarda de carácter racional (criacionista, hilozoísta, cubista) predominante na nosa literatura ao existencialismo, mui evidente en Saltério de Fingoi (1961). Entre vangarda e existencialismo, dúas obras que reflexionan sobre a procura do Absoluto dos simbolistas, con certa conexión co que na mesma época fai Pimentel: Anjo de terra (1950) e Poemas pendurados dun cabelo (1952). A distancia entre Pimentel e Carvalho é a que hai entre o poeta visionario capaz de “ler” o tecido de símbolos que nos rodea e enxergar baixo o aparente caos un sentido, e o poeta racionalista e especulativo incapaz de acreditar realmente no Absoluto simbolista.
Fillo do século XX tamén na medida en que a súa poesía ilustra o proceso de desmitificación e desacralización operado polas vangardas racionais e agravado polas traxedias colectivas, e un retorno ao mito como vía de salvación, algo xa adiantado en Saltério, mais presente sobre todo nos poemarios da década de oitenta.
Tamén salientaría que sendo a poesía de Carvalho mui heteroxénea, con rexistos que van do ludismo e a intranscendencia vangardistas á reflexión existencial, dun certo culturalismo ao prosaico e mesmo antipoético, da esgrevieza propositada á beleza, do íntimo ao político, hai nesa poesía unha enorme coerencia e unhas liñas de forza que lle dan unidade desde o primeiro poemario en galego (Vieiros, 1931) ao xa póstumo Reticências… [1986-1989] (1990). Si, desde os poemas iniciais aos derradeiros, é un “fillo de Eva” quen fala, aínda que con voces diversas; un ser humano baixo o peso da razón e da culpa, alguén finito que aspira á infinitude e que se debate nos seus límites. (…)
– RAG: Como recibiron a propia xeración de Carvalho Calero e a de vostede a súa poesía? Que pegada deixou nelas? E nas posteriores?
– P: Semella que, cando menos durante boa parte da súa vida, non acadou o recoñecemento merecido como poeta. O poema que pecha Fillo de Eva parece que reflicte a consciencia deste feito. El mesmo expresou tamén que nunca tivera interese en se guiar polas modas. Ese poema, “Verdadeiro poeta foi”, que pertence a Reticências… aínda que aparece deslocado na escolma como homenaxe, pon sobre a mesa varias cuestións. Por unha banda, a transcendencia do labor poético para alén das modas, dos tecnicismos dos especialistas e do recoñecimento público. Para Carvalho a poesía é catarse, e non un instrumento para facer carreira literaria. Nace da verdade, e desde esa verdade dialoga con outros seres humanos que nela se recoñecen.
Por outra banda, Carvalho é consciente de que a escasa repercusión da súa poesía ten a ver co silenciamento xeral de que foi obxecto toda a súa obra, de criación ou de investigación e análise. No limiar á escolma Beleza, verdade, editada por Chan da Pólvora o ano pasado, teño en conta outros factores que poden explicar por que alguén que na preguerra era alcumado O Poeta e que aínda nos momentos máis adversos continuou a facer poemas, chega a ser case un poeta oculto: a relegación das publicacións poéticas, que non da criación, nas décadas de 60 e 70, nas que se consagra á docencia, á elaboración da Historia da literatura galega contemporánea (1963), da Gramática elemental del gallego común (1966) e de abundantes estudos literarios e lingüísticos; o décalage entre a fasquía transcendente e existencial da súa poesía de posguerra e a poesía social predominante a partir dos sesenta. Cando nos oitenta recompila a produción poética anterior, escolmándoa bastante severamente, e dá a coñecer novas obras, podería ter exercido unha enorme influencia nos poetas novos, ao que o unen tantos intereses, mais ese é o tempo do Carvalho silenciado polo holding, como el dicía. E para os que o admiraban e seguían era sobre todo o profesor, lingüista e historiador da literatura. (…)
– RAG: Como lle gustaría que sexa coñecido e recoñecido publicamente neste ano dedicado a el?
– P: Dada a imposibilidade de o homenaxear como merece a causa da crise sanitaria, querería que a celebración se prolongase no 2021. É imprescindíbel difundir a súa obra nas aulas, algo agora mesmo imposíbel. E sobre todo, habería que reeditala. Non ten sentido homenaxear un autor se os seus textos son inaccesíbeis. Para alén dos romances A gente da Barreira e Scórpio, da escolma de ensaios literarios e lingüísticos de María Pilar García Negro e das de poesía, unha delas de Paulo Fernández Mirás, nada máis poden coñecer, que eu saiba, os novos leitores e leitoras. (…)”