A Coruña: actividades destacadas do sábado 4 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do sábado 4 de agosto son:

20:00 h.: Presentación De Xente Nova a Brais Pinto, de Xosé Fernández Ferreiro, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
20:45 h.: Presentación de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde, publicado en Xerais. Participan: Fermín Bouza, Manuel Bragado e o autor.
21:15 h.: Presentación de A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, publicado en Xerais. Participan: Suso Sambade, X. H. Rivadulla Corcón e Manuel Bragado.

Continúa a recuperación da obra literaria de Gonzalo López Abente

“Con só un ano de actividade, a Fundación Gonzalo López Abente está a lograr unha visibilidade inédita da obra deste escritor muxián. Deste xeito, a entidade acaba de anunciar que asinou a un acordo coa editora Espiral Maior para tirar do prelo a poesía completa deste autor en 2013, a coincidir co 50 seu cabodano. A edición farase na colección Ópera Omnia e será coordinada por Miro Villar. Xa este mesmo ano, Xerais publicará A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, un volume que recolle seis relatos do escritor canda a un estudio de Xesús Sambade. Estas publicacións súmanse aos do poemario Bretemada, que da man de Alvarellos é finalista aos Premios da Edición deste ano.” Vía Cultura Galega.

Un libro inédito de Gonzalo López Abente chegará ás librerías o próximo mes

“A Fundación López Abente e a editorial Alvarellos porán nas librerías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente. Trátase dunha obra escrita en 1922 e que, por causas que se descoñecen, o autor non chegou a editar en vida. O manuscrito gardábase na Real Academia Galega, que permitiu o acceso ao documento para a realización dunha edición a cargo de Miro Villar e cun prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG. A obra será presentada en Muxía a mediados do mes próximo. En outubro chegará tamén ás librerías. Ademais, antes de que finalice o ano, sairá á luz a reedición de seis novelas curtas do mesmo autor, impulsada tamén pola fundación que leva o seu nome. Baixo o título A narrativa mariña de López Abente, agrúpanse seis relatos que, cun estudo introdutorio de Suso Sambade, porá nas librerías a editorial Xerais recuperando obras hoxe descatalogadas.” Vía La Voz de Galicia.