Xosé Manuel Fernández Castro: “Recoñecer a Vidal Bolaño é recoñecer a importancia do teatro na normalización cultural do país”

Entrevista a Xosé Manuel Fernández Castro en Praza:
““Ter no país unha figura como a de Vidal Bolaño e mirar cara a outro lado é unha inxustiza”. Está é unha das conclusións que transmite Xosé Manuel Fernández Castro (Santiago, 1963). A finais do ano pasado este profesor publicou en Laiovento A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, libro que fura na traxectoria vital e profesional do dramaturgo. Praza aproveita a campaña que promove as Letras Galegas para Vidal Bolaño para recuperar o libro e falar con Fernández Castro.
– Praza: Cales son os motivos polos cales as Letras Galegas homenaxee a Vidal Bolaño?
– Xosé Manuel Fernández Castro: Pois é que algún ano haberá que lle dedicar o 17 de Maio a un autor dramático, porque non queda outra que recoñecer o importante papel do teatro na normalización da nosa cultura. Esa homenaxe ao teatro é necesaria e, seguramente, hai que recoñecer a súa relevancia a través dunha persoa moi significativa e, realmente, non hai ninguén máis significativo que Roberto Vidal Bolaño. Algunhas veces cométese un erro enorme ao deixar nun segundo termo formas de creación que vaian por outras canles que non sexan as estritamente editoriais. A experiencia literaria que hai detrás das obras dramáticas non teñan unha presenza tan clara nas librerías, mais non por iso son menos importantes ca outras formas literarias. Hai moito tempo que non vemos un dramaturgo homenaxeado coas Letras Galegas (…)”.

Santiago: presentación de A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro, publicado en Laiovento. Intervirán Luciano Rodríguez (profesor da UDC), Manuel Vieites (director da ESAD Galicia), Francisco Pillado (director de Laiovento) e o propio autor.