I Congreso Internacional do Teatro Galego, co 2030 no horizonte

“O teatro desde as súas orixes, e as artes escénicas en xeral, teñen esa capacidade transformadora da sociedade, porque nacen en, de e para a sociedade desde o amplo espectro do desenvolvemento humano; por iso e para contribuír á transformación social adecuándose aos novos valores e retos, e tendo como obxectivos: a convivencia, a igualdade, a sustentabilidade, a diversidade ou o carácter inclusivo; sendo conscientes da capacidade de influencia social do teatro, é polo que organizamos este congreso que pretende a posta en común da situación actual e problemática do teatro galego coa situación e problemática doutros modelos internacionais de creación, produción, xestión e distribución; para, con esas conclusións, contribuír así á transformación social da nosa contorna inmediata e daquelas sociedades que desexen poñer a súa mirada neste proxecto que servirá de guía para profesionais, xestores e público desde aquí e agora e co 2030 no horizonte. O Primeiro Congreso Internacional do Teatro Galego nace paralelamente e como un dos seus obxectivos fundamentais coa Academia Galega de Teatro, quen na súa presentación pública no Consello da Cultura Galega o 27 de marzo de 2018, expón e argúe as liñas básicas da súa necesidade e dos seus obxectivos fundamentais, entre os que se atopa o I Congreso Internacional do Teatro Galego.
Xorde esta iniciativa necesaria, tras corenta anos de exercicio profesional, con vocación de pluralidade aberta a todas aquelas experiencias e manifestacións teatrais que lle dan forma ao teatro en Galicia; e polo tanto todos os esforzos se concentraron en procurar os apoios necesarios dun amplo abano de sectores con implicación directa.
Este congreso ten a súa única referencia histórica no Primeiro Encontro do Teatro Profesional celebrado en Ferrol en xuño de 1988 co apoio de diversas persoas e entidades e coa participación dun sector importante da profesión e dos representantes políticos; cuxos resultados, publicados en 1991 polo Ateneo Ferrolán co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, foron o activador de políticas teatrais que hoxe precisan ser revisadas e renovadas.
Mais a sociedade evoluciona constantemente e a realidade teatral, a social e mais a política cambian co paso do tempo; e por iso, trinta anos despois da celebración daquel primeiro encontro do teatro profesional, consideramos que é necesario revisar profundamente todo aquilo que afecta ao teatro, á sociedade e ás políticas teatrais; para o que dispoñemos a celebración deste Primeiro Congreso Internacional do que, co compromiso de todos, deberá saír o plan estratéxico de futuro para o Teatro Galego.”
Toda a información aquí.

Bases do II Premio Laudamuco para Textos Teatrais

Desde Erregueté:
Laudamuco, señor de ningures foi a obra coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional. Aconteceu o dezaseis de maio de 1978. Van alá corenta e un anos. Detrás daquela audaz iniciativa estaba a “Compañía Antroido” e, dirixindo ese proxecto escénico, o noso ilustre veciño Roberto Vidal Bolaño. Aquela decisión foi determinante para o o conxunto do sistema teatral galego e sen ela non se podería explicar a historia posterior do noso teatro.
Coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega, contribuír ao recoñecemento de Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura, o Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convoca, o IIº Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2020, de acordo coas seguintes

BASES
Primeira.- Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega.
Segunda.- A dotación económica do premio será de 7.000 euros e a edición da obra gañadora, que correrá a cargo de Edicións Positivas. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables. Asemade, entregaráselle ao/á gañador/a unha obra artística conmemorativa.
Terceira.- O tema e a extensión da obra será libre. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remitente, dirixido á Casa da Cultura de Brión, Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión (A Coruña).
Deberase indicar no exterior do sobre IIº Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais, 2020.
Nun sobre anexo pechado deberá figurar, no exterior, o lema e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor.
Cuarta.- O prazo de admisión de orixinais rematará o día 14 de febreiro de 2020.
Quinta.- O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral; será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo Alcalde de Brión. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
Sexta.- Na proposta de resolución do premio haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente; en dito acto farase pública a composición do xurado. O veredicto do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Brión, que é o órgano competente para resolver o premio.
Sétima.- A entrega do premio terá lugar nun acto organizado polo Concello de Brión o 16 de maio de 2020, corenta e dous aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Oitava.- Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.
Novena.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.”

Inma António Souto: “O teatro é de todas e debemos defendelo como as pensións, a sanidade ou a educación”

Entrevista Alberto Ramos a Inma António Souto en Praza (foto CC BY-SA Praza Pública):
“O pasado martes 27 de febreiro, coincidindo co Día Mundial do Teatro, a nova Academia Galega do Teatro (AGT) presentou o seu Programa básico para o teatro galego, unha serie de 21 puntos esencias que abordar no futuro. Nesta relacións de propostas, atópanse necesidades como a ampliación, tanto cualitativa coma cuantitativamente, do apoio institucional ás compañías profesionais; a adscrición da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) á universidade, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a reestruturación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou a reforma do Centro Dramático Galego para que a institución conte cunha autonomía xurídica. Ademais, a AGT anunciou a organización dun gran congreso en 2020 e fixo un chamamento para que todas as entidades do sector se impliquen. O obxectivo do encontro será a creación dun plan estratéxico do teatro para a década 2020-2030. Entrevistamos a Imma António, presidenta dunha academia que de momento conta con 28 membros, entre os que se inclúen nomes da escena como son Manuel Lourenzo, Luma Gómez, Eduardo Alonso, Rosa Álvarez, Manuel Guede, Inma López Silva, Xúlio Lago, Gustavo Pernas ou Manuel Vieites.
– Praza (P): Que é a Academia Galega do Teatro?
– Inma António Souto (IAS): A Academia Galega de Teatro é un proxecto de futuro. A presentación que fixemos o Día Mundial do Teatro levaba por nome Tendo presente o futuro. Ese nome xa é toda unha declaración de principios e intencións. Somos un grupo de profesionais de diferentes oficios teatrais que vimos a necesidade de buscar espazos de debate, de reflexión, de encontro. Sobre todo neste momento tan estraño socialmente onde os valores da cultura e da arte parecen estar completamente devaluados por parte da sociedade e sobre todo por parte das administracións e os medios de comunicación. Nós consideramos o teatro como un servizo público e un dereito. Esta é unha academia de barricada na defensa, pero tamén no estudo e no feito de querer compartir, que é como se medra realmente.
– P: Neste 2018 cúmprense 40 anos de teatro profesional en Galicia. Neste tempo creáronse compañías privadas, entidades como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ou Escena Galega, institucións públicas como Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) ou a súa substituta a Axencias Galega das Industrias Culturais (Agadic), festivais como o de Ribadavia ou o FITO Carballo… Por que a Academia Galega non xurdiu até este momento e por que agora resulta necesaria?
– IAS: A maior parte da xente fundadora somos xente que leva moito tempo traballando dende e para o asociacionismo en distintos ámbitos. Vimos a necesidade de crear unha entidade, non tanto sindical ou laboral, senón máis de estudo e posta en valor do noso patrimonio. Vimos que había un oco que cumpría cubrir por este empeño que temos de que o noso teatro sexa un feito normalizado e cada vez sexa máis de todos e todas.
– P: E o teatro é un feito normalizado? Pregúntoo porque se vemos a lista de propostas que presentan, poderíase asinar hai corenta anos, hai trinta ou hai dez, non si?
– IAS: Si. No propio acto, Antonio Simón facía referencia ao primeiro encontro profesional celebrado en Ferrol en 1988. Eu lembro que naquela altura discutiamos asuntos que están agora neste documento que elaboramos como unha relación de puntos básicos. A verdade, podemos dicir que eses 21 puntos son o abecedario. Hai que dicir, tamén, que nestes 40 anos, fomos construíndo estruturas, tecidos, profesión. Pero a crise foi demoledora, especialmente para o sector cultural. O que construímos en moito tempo, destruíuse rapidamente. E agora, aprendendo da experiencia, queremos seguir construíndo, pero cunhas bases que non sexan tan fráxiles. E tamén queremos inculcar na sociedade que a cultura é de todas e debemos defendela como as pensións, a sanidade pública ou a educación.
– P: Neses 21 puntos hai referencias a institucións que existen ou que existiron, pero que se perderon. Primeiro comezamos coa Agadic. Piden a súa reforma e reestruturación. Parece mesmo que botan de menos o Inaem.
– IAS: Non é que o botemos de menos, é que sinxelamente das experiencias apréndese. E que pasa coas construcións de determinadas estruturas? Pois que co tempo vemos se son eficaces ou non. Creo que gran parte da profesión comparte a idea de que a eficacia da Agadic pode e debe ser bastante mellor. (…)”

A Academia Galega de Teatro preséntase cunha proposta de reestruturación do sector

Desde Erregueté:
“O Día Mundial do Teatro foi a data escollida para presentar publicamente a Academia Galega de Teatro, nun acto que se celebrou no salón de actos do Consello da Cultura Galega. A Academia, constituída o pasado mes de outubro en Rianxo por un grupo de 17 persoas vinculadas ao mundo do teatro profesional, responde á necesidade –segundo explicou o seu vicepresidente, Eduardo Alonso– de crear un espazo de debate e reflexión sobre o teatro que supere o ámbito das asociacións de carácter profesional –máis centradas en superar os problemas e atrancos do día a día–, unha ferramenta que posibilite a creación dun corpus doutrinal e a comunicación pausada coa sociedade galega.
Na actualidade, a Academia conta con 28 membros pero o número incrementarase proximamente nas próximas semanas, xa que o obxectivo é incluír a persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados coas artes escénicas sen exclusións de ningún tipo.
A presidenta da nova Academia, Imma António, explicou que a súa fundación en Rianxo explícase polo profundo respecto pola tradición –“a carón de Dieste, de Castelao, de Manuel Antonio e da compañía máis veterana de Galicia: Teatro Airiños”–, pero coa mirada posta no futuro, co obxectivo de estimular na sociedade o amor polo teatro e de poñer en valor a súa relevancia social. Neste sentido, António salientou a validez do teatro como elemento identitario que contribúe a “facer país”. O teatro debe ser considerado como un sistema –dixo– no que podemos e debemos intervir.
Un programa de reestruturación do sector
A Academia preséntase cun programa de vinte e un puntos básicos que visan a que o teatro sexa considerado como un servizo público. Luma Gómez foi a encargada de debullar ese programa, dirixido na súa meirande parte ás institucións públicas e que inclúe propostas históricas do sector como a autonomía xurídica do Centro Dramático Galego, a adscrición da ESAD Galicia ao sistema universitario, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a creación dun Centro de Documentación Teatral, a posta en marcha dun Festival Internacional de Teatro nalgunha das cidades de Galicia ou a creación dun circuíto de exhibición que permita o intercambio continuado con Portugal.
A Academia Galega de Teatro propón, igualmente, a reestruturación –e mesmo a reconsideración– da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), por considerar que talvez non representa o modelo de xestión que precisa o teatro galego. En palabras de Eduardo Alonso, trátase de cambiar a perspectiva puramente mercantil dende a que se contempla agora a cultura. Dende a Academia cren que estas medidas deberían ir implementándose a partir do ano 2020.
Congreso do Teatro Galego
Como proposta máis inmediata, Antonio Simón presentou o proxecto de organizar un gran Congreso do Teatro Galego, que se celebrará no ano 2020. Unha comisión integrada polo propio Simón, xunto a Gustavo Pernas, Miguel Pernas e Manuel Guede está xa a traballar para artellar un evento que teña como fin “estruturar teatralmente Galicia”: elaborar un diagnóstico da situación e elaborar un plan estratéxico que permita intervir no sistema de xeito eficiente ao longo da década 2020-2030.
Simón destacou que moitas das reivindicacións históricas do sector das artes escénicas permanecen vixentes despois de moitos anos de reivindicación continuada e que, nalgúns aspectos, non se fixo nada para mellorar a situación de hai vinte ou trinta anos.
A Academia fixo unha invitación ao resto de institucións e organizacións relacionadas co teatro, e coa cultura en xeral, para que se impliquen na organización dun congreso que busca cambiar unha realidade claramente deficitaria en canto ao estado das artes escénicas, como demostra o informe presentado hai só uns días polo Consello da Cultura Galega no que se lle solicita á Xunta “unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos a fin de contribuír á recuperación do sector” cultural.”