Yolanda Castaño lanza o seu primeiro audiolibro, Materia

“O pasado xuño e tras oito anos sen publicar un novo libro de poesía para público xeral adulto, vía a luz en Edicións Xerais Materia, o sétimo título de Yolanda Castaño. En poucas semanas esgotábase a edición de mil exemplares e o poemario da autora compostelano-coruñesa alcanzaba unha segunda edición, un feito pouco usual para as cifras da poesía culta en Europa.
Como vén sendo habitual na traxectoria da tamén xestora cultural, o poemario está a piques de saír do prestixioso selo de Visor Libros para o resto de España e Latinoamérica. Farao nunha edición bilingüe galego-castelán que inclúe a tradución da propia autora e unha fermosa portada dos artistas galegos de puxante proxección internacional Los Bravú.
Pero, ademais, o libro –que trata en verso o tema da familia na súa proxección pretérita, presente e futura– alcanza agora unha edición en Audiolibro: un formato baseado na escoita dos poemas que o compoñen, recitados pola propia Castaño sobre suxestivas atmosferas sonoras expresamente creadas para cada peza polo seu irmán, Alberto Castaño, a carón doutros colaboradores.
Este formato audible é de acceso libre e gratuíto a través da propia páxina da poeta. O proxecto recibiu a finais do pasado ano unha Axuda á Creación Artística do Concello da Coruña cuxo resultado agora poden gozar todas aquelas persoas interesadas en escoitar os poemas.”