Desde a Xunta de Galicia:
“O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, entregou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o Premio de Investigación e Ensaio sobre a arte cuxo obxectivo é, a través dun premio único de 3.000 euros, promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como favorecer a comunicación social das artes plásticas.
Nesta terceira edición o premio impulsado pola Xunta de Galicia recaeu sobre Laura Calvo, graduada en Historia da Arte, pola obra orixinal Memoria do Azul, un texto no que a autora traza un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul como monocromo que establece simbolismos e sinestesias. Deste xeito, Laura Calvo súmase ao artista Rosendo Cid, gañador do I Premio CGAC e a María Marco, galardoada na pasada edición. (…)
O xurado, presidido por Santiago Olmo, director do CGAC, e integrado por Alberto Ruíz de Samaniego, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidad de Vigo) crítico de arte e comisario; David Chao, profesor da Facultade de Historia da Arte de Santiago de Compostela; Natalia Poncela, critica de arte e comisaria, e Elena Expósito, coordinadora do departamento de publicacións do CGAC, valorou a capacidade de Laura Calvo para abordar algúns dos momentos estelares da cultura visual do século XX como o azul de Yves Klein, o cinema de Derek Jarman, as cores de Fromanger, o Picasso Azul e Rosa como duplicidade, o Deserto Rosso de Antonioni ou as luces e Skyspaces de James Turrell, para rematar con Hito Steyerl.”
Arquivos da etiqueta: Alberto Ruíz de Samaniego
Santiago: presentación de Formas da indefinición, de Ignacio Castro
O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala de Conferencias da Fundación Araguaney (Rúa Montero Ríos, 25-47), preséntase o libro Formas da indefinición, de Ignacio Castro, publicado por Axóuxere, xunto á reedición de Roxe de Sebes, publicada pola Fundación Luís Seoane. No acto, acompañando ao autor, participan Rafa Xaneiro, Alberto Ruiz de Samaniego e Alberto Sucasas.
A Coruña: exposición Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro
Do mércores 20 de xullo ao domingo 25 de setembro, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, con horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., domingos de 11:00 a 14:00 h. (luns pechado), a exposición, comisariada por Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro repasa a intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos, a iconografía xerada por Lois a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Andrés Panaro e Manuel Vilariño. Tamén se contén un impactante retrato expresionista de Lois realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño. A inauguración terá lugar o mércores 20 de xullo ás 20:00 horas.