Literatura e filosofía centrarán as residencias do Pazo Mariñán, da Deputación da Coruña

Desde Nós Diario:
“A actividade da área de Cultura da Deputación da Coruña anunciou as oito autoras e autores que participarán nas residencias que terán lugar durante catorce días os meses de xullo e decembro.
Vanesa Martínez, María Esther Fernández Carrodeguas, Andrés Sanjurjo, María Soraya Lema, Paula Domínguez, Judith Ruso, Xosé Xerardo Pereiro e Abraham Pérez, son as oito autoras e autores que participarán na primeira edición das Residencias Artísticas Mariñán dedicadas a Literatura e Pensamento.
O xurado desta selección estaba formado polo videocreador Rafa Xaneiro, pola poeta Alba Cid e pola filósofa e ensaísta Rebeca Baceiredo.
Tamén participaron o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, como secretaria. Na xuntanza tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.
Tras a encontro do xurado, Xurxo Couto explicou que “o obxectivo fundamental desta iniciativa é ir máis aló dos resultados finalistas, apoiando os procesos de creación e atendendo a unha demanda histórica das creadoras e creadores do país”.
O deputado de Cultura tamén salientou a “diversidade de propostas que concorreron a esta primeira convocatoria das Residencias que, ao igual que ocorrera nas de música, confirma a pluralidade de temas e intereses que hai actualmente nas investigacións e na literatura de noso”.
Quendas en xullo e en decembro
No mes de xullo desenvolverán a súa estadía en Maríñán Andrés Sanjurjo e Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Mentres, en decembro será a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo en Literatura, e de Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández na de Pensamento. Cada estadía terá unha duración de 14 días.”

A “pulsión” de Xela Arias e Luísa Villalta ao vivo

Desde Sermos Galiza:
““Pulsión”, foi o termo escollido pola escritora Ana Romaní, unha das coordinadoras do encontro Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, para definir o ánimo que se viviu durante toda a xornada no CCG. “Demostra que a cultura galega é un río, non unha lagoa”, concluíu o profesor Arturo Casas despois de que a escritora Iolanda Zúñiga canda o grupo musical Dous puxeran o ramo ás conferencias e mesas redondas cun espectáculo sobre Intempériome, de Xela Arias, que a propia autora estaba a preparar antes da súa morte. Con Fernando Abreu, membro do grupo musical, Xela Arias ideaba no fin da súa vida, levar os seus poemas ao escenario e só onte a súa voz se volveu escoitar nunha gravación que se combinaba coa de Zúñiga no remate da xornada.
Durante a tarde, en dúas mesas redondas, novas creadoras e creadores deron conta da vitalidade da memoria de Luísa Villalta e Xela Arias, das súas arriscadas apostas poéticas, da modernidade das súas propostas e da pegada que deixan en autores e autoras cos que compartiron espazos literarios. Sigue lendo

Santiago: presentación de Formas da indefinición, de Ignacio Castro

O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala de Conferencias da Fundación Araguaney (Rúa Montero Ríos, 25-47), preséntase o libro Formas da indefinición, de Ignacio Castro, publicado por Axóuxere, xunto á reedición de Roxe de Sebes, publicada pola Fundación Luís Seoane. No acto, acompañando ao autor, participan Rafa Xaneiro, Alberto Ruiz de Samaniego e Alberto Sucasas.

Santiago: presentación de TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e Chamamento

O xoves 16 de xuño, ás 19:30 horas, na Gentalha do Pichel (Rúa Santa Clara, 21) de Santiago de Compostela, preséntanse dous ensaios: TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e o anónimo Chamamento, os dous publicados en Axóuxere Editora. No acto intervirán Manu Cebral, Manuel del Río, Rafa Xaneiro e Roberto Abuín.