Arquivos da etiqueta: Alonso Caxade
Culturgal, a feira da imaxinación
Desde Sermos Galiza e Praza:
“Son tempos de agudizar o enxeño para sobrevivir ou buscar novas vías no mundo da cultura e en Culturgal xuntáronse unha morea de iniciativas que sorprenderon a un público que asistiu de forma masiva á feira. Con poucos medios, agudizar o enxeño, era a consigna que se apreciaba en moitos dos proxectos, talvez como a propia organización da feira, que conseguiu manter o nivel de actividades e público cun 55% de apoio institucional. (…)
Cada edición con máis forza, as industrias culturais agardan por Culturgal para mostrar as súas novas producións. Desta maneira, á feira chegaron recén saídas do prelo, algunhas novidades editoriais agardadas e tamén discográficas, en especial para público infantil, aproveitando as datas próximas ao Nadal nas que a Feira se desenvolven. Por Culturgal pasaron nestes días Manuel Rivas -con dobrete coa Revista Luzes, recén impresa e coa venda do primeiro exemplar no Pazo da Cultura, e co seu novo libro para a infancia O raposo e a mestra-, Anxos Sumai, Berta Dávila, Francisco Castro, Manuel Gago, Luís Rei Núñez, Manuel Lourenzo González, Marcos Calveiro, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello, Pedro Feijóo, Anselmo López Carreira e Diego Ameixeiras. Da música fixéronse públicos os novos discos de Caxade, Lydia Botana, o CoraSons promovido por Uxía, o de 2naFronteira ou o novo espectáculo de Davide Salvado (…)”
As novidades da cultura danse cita en Culturgal
Desde Sermos Galiza:
“O 29 e 30 de novembro máis o 1 de decembro, o Culturgal desenvolverase en Pontevedra e nel daranse cita a presentación de proxectos e iniciativas que o mundo da cultura depara para este remate do ano. En papel chegará ao recinto feiral do Pazo da Cultura a Revista Luzes con Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro na dirección ou a revista Oink e proxectos infantís como CoraSons de Kalandraka ou Toc Toc de Galaxia. Ademais, a feira acollerá importantes novidades discográficas como o agardado disco de Caxade ou o de Mónica de Nut ademais da presentación en exclusiva o 30 de novembro do disco Galiza de Kepa Junkera acompañado dun grupo de músicos galegos colaboradores do proxecto.
No marco do Culturgal, mais na sala Karma, celebrarase o concerto de 25 aniversario de Zënzar nun programa que inclúe tamén o singular concerto para 111 bicicletas ideado polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), recente gañador do Premio da Crítica, no que son as buguinas de ciclistas as encargadas de poñer o son.
O programa de Culturgal 2013 foi presentado en Pontevedra por parte de representantes institucionais e dos gremios que participan na organización da feira, coordinada por vez primeira por Xosé Manuel Aldea. O novo coordinador defendeu a “corresponsabilidade” como lema desta edición que incorpora a posibilidade de pagamento dunha entrada con carácter voluntario. Un 25% do programa resérvase para propostas emerxentes.
Como novidades da presente edición defínense os distintos espazos como Espazo libro, Espazo carpa, Espazo infantil, Espazo libro, Espazo tecnoloxía e Espazo cinema. A sala de cinema e unha carpa externa para espectáculos son dous dos principais cambios con respecto a anos anteriores en canto articulación do espazo.”