Desde o Concello da Estrada:
“É o segundo ano consecutivo que o escritor noiés resulta o gañador, e o xurado elixiu o seu poemario “pola súa orixinalidade” entre os 38 traballos presentados.
O galardón entregarase nun acto público no Teatro Principal a finais do outono e inclúe 2.000 euros e a publicación do poemario por Edicións Fervenza.
O xurado da XXVI edición do Premio de Poesía Avelina Valladares vén de galardoar ao escritor noiés Manuel López Rodríguez polo seu poemario O cemiterio. A néboa, presentado baixo o lema de “Martirio”.
O fallo do xurado, outorgándolle a victoria ao poeta noiés por segundo ano consecutivo, deuse a coñecer esta mañá na sala de xuntas do Concello unha vez aberta a plica elixida por unanimidade entre os 38 traballos presentados este ano.
O xurado desta edición estivo composto por Rosalía Morlán, Dolores Carbajal, Sindo Villamayor, Esteban Folgar e Dolores Araújo -esta última actuando como secretaria-. Folgar xustificou a elección dos membros do xurado pola súa orixinalidade, xa que “o poemario está dividido en tres partes e a súa parte principal está feita polo sistema de escolle a túa propia aventura, na que os poemas permítenlle ao lector escoller o camiño que quere seguir”. O traballo, ambientado nun cemiterio, lembra figuras ilustres que xa morreron “dirixíndose con frecuencia ao receptor” e empregando figuras metapoéticas, engadiu Folgar.
Unha vez coñecida a identidade do gañador, a edil de Educación, Amalia Goldar, foi a encargada de comunicarlle a noticia. O premio está dotado con 2.000 euros e inclúe a publicación do poemario por Edicións Fervenza. O galardón entregarase a finais de outubro nun acto público no Teatro Principal da Estrada, coincidindo coa Festa da Poesía.”