María Solar: “Escribir é unha necesidade vital, sempre fun moi fantasiosa”

Entrevista de Ana Baena a María Solar en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): O libro sairá en novembro, pero xa deu a coñecer que aborda unha relación entre dúas mulleres.
– María Solar (MS): Son dúas tramas temporais, a central sobre unha amizada mantida no tempo entre dúas mulleres, que comeza cando son rapazas. Unha faille un favor moi grande á outra que lle queda en débeda toda a vida. Establécese unha relación de dominación, case enfermiza, entre elas. A segunda trama é a actual, protagonizada por una moza quen investiga estes feitos.
– AD: Está inspirada en feitos reais ou é todo ficción?
– MS: Non se basea en nada real. Fíxome nesas relacións centradas no control e na manipulación. A novela fala das culpas por ausencia ou por presencia. Nalgúns casos os que se sinten culpables son responsables, pero noutros cárgase co que pensa ou valora a contorna. As mulleres sabemos moi ben o que é cargar con culpas que impón a sociedade como ir con minisaia ou non facer o que se espera dunha boa nai. (…)
– AD: Do seu perfil persoal, chama a atención a súa formación tan diversa. Custoulle atopar a vocación?
– MS: Din moitas voltas ata chegar ao xornalismo. Comecei maxisterio, mentres facía de actriz de dobraxe. Na escola tiven un profesor marabilloso de Bioloxía e pola súa culpa decidín estudar a carreira. Nestas chamáronme para facer unha proba na radio e aí descubrín un mundo que me encantou. Cando me licenciei, colléronme e estiven con contratos temporais. Fixen xornalismo porque realmente tiña o currículo máis raro do mundo, pero voltaría a o facer. Ser de ciencias e letras é marabilloso. É un erro que os rapaces teñan que escoller tan cedo.
– AD: Mentres non sae A culpa, ten algún proxecto en vistas?
– MS: Estou inmersa na escrita dunha novela xuvenil e xa teño pensado unha infantil. Cando veño dunha historia tan forte, con tanto ritmo, preciso un tempo para meterme na seguinte e que non se pareza a anterior, a literatura xuvenil axúdame.
– AD: Escribir é unha adicción?
– MS: É unha necesidade vital crear mundos. Sempre fun moi fantasiosa.”

Francisco Castro: “O importante é que a mocidade lea, tanto me ten que sexa en papel ou en libro”

Entrevista de Ana Baena a Francisco Castro en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Este libro [O cemiterio de barcos] destila moita añoranza.
– Francisco Castro (FC): Si, no comezo tenta ser un recordo de aqueles veráns intensos que duraban meses. Para escribir tiven que recordar moitos os veráns da mocidade.
– AD: Mais tamén reflicte como cambia a percepción das cousas dunha xeración a outra, o que supón voltar á vila segundo a idade que se teña.
– FC: Todos os que temos fillos adolescentes sabemos o que é que se nos cuestione sempre. O protagonista, David, entende que o seu pai sexa feliz na vila, pero non o comparte. Non conta que vai descubrir o amor e tamén que vai aparecer unha persoa do pasado que o vai embarullar todo.
– AD: Como xa fixo na súa novela Iridium, aquí volve a tratar temas que afectan a mocidade como machismo, a sexualidade. É importante que os rapaces reflexionen sobre estos temas?
– FC: É importante que reflexionen os rapaces e o público adulto. Lucía gravita entre o seu mozo de sempre, un maltratador de manual, e David, que representa a nova masculidade, a que eu reivindico, a do home feminista, sensible, capaz de apuntarse o bo trato. Para min, a imaxe más masculina, de maior virilidade dos últimos días foi a de Pau Gasol chorando coa filla no colo; hai que ser moi home para iso. Lito, o mozo de Lucía, representa o orgullo testicular. Eu quero ser como David e todos deberían querer esa masculinidade que debería ser a do século XXI. As relacións non teñen que ser de dominio. Nótase na política, mentres os homes queren gañar, as mulleres queren conseguir acordos.
– AD: A recuperación da memoria histórica é o segundo aspecto que aborda, xa tratado na súa anterior novela Tantos anos de silencio. Que coñecemento teñen os menores do tema?
– FC: É terrible que moitos acaben o ensino obrigatorio descoñecendo o que aconteceu na guerra civil e todo o que pasou despois, algo que non aparece nos libros. A diferencia con democracias como a chilena ou a arxentina que asumiron a súa memoria e redimiron ás vítimas, en España non se fixo. O franquismo segue aí e no ensino non se fala. Din que houbo dous bandos que pelexaron, unha trola. Se contra Pedro Sánchez se levanta unha rebelión militar non se contaría así. A II República foi un réxime que se instalou sen violencia, mentres o franquismo logrou impoñer pola forza 40 anos de catecismo e abusos. Algúns políticos da dereita din que non hai que reabrir feridas, pero como vai ser iso entregar a unha señora de 90 anos os restos do seu pai fusilado para que lle dea sepultura? Iso é facer xustiza. (…)”