Desde
Sermos Galiza (imaxe da propia autora):
“Vanesa Santiago é a gañadora da I edición do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos, convocado por Galaxia. A vida sinxela de Marcelo Firmamento, a obra gañadora, é unha “reinterpretación das novelas de viaxes” cunha “comunión moi marcada co universo do mar e das lendas”.
O xurado valorou a construción tanto da mecánica interna como global da novela, a elaboración de imaxes de “gran potencial evocador” e a creación dun universo con elementos máxicos que está “perfectamente integrado e consegue fuxir dos estereotipos”. A novela resalta “polo coidado da procura da palabra exacta, con imaxes moi potentes”, indican. O xurado estivo composto por Mario Regueira, Inma López Silva, Berta Dávila, Nuria Piñeiro e Ismael Ramos. O premio, ademais da contía económica de 3.000 euros, leva aparellado a publicación da obra.
A editorial Galaxia presentaba en xaneiro as bases do Premio Illa Nova de Narrativa 2017 e explicaba que se creaba “coa finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria”.
A entrega do premio tivo lugar na Fundación Barrié, en Vigo, nun acto que contou coas intervencións de Francisco Castro, director xeral de Galaxia, Antón Vidal, presidente da editorial, e Xosé L. Méndez Ferrín, escritor.
Nada en Fontán en 1983, Vanesa Santiago é bibliotecaria e documentalista. Ten publicado un libro Ninguén Lembra (2013) en Urco editora e publicou relatos e poesía. Colabora coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. (…)”
Arquivos da etiqueta: Antón Vidal Andión
Vigo: entrega do Premio de Narrativa Illa Nova 2017
Nomeamentos en Galaxia
Editorial Galaxia S.A.,
Merlín Comunicación S.L. e algunhas das Fundacións relacionadas coa editora están a proceder a un proceso de restruturación e actualización dos seus consellos. Unha das primeiras medidas foi o nomeamento de Xaime Isla Couto como Presidente de Honra das devanditas empresas e da Fundación que leva os apelidos da súa familia. Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol, asume asemade a Presidencia de Honra da Fundación Penzol.
Benxamín Casal, ata agora vicepresidente de Galaxia e de Merlín Comunicación, foi nomeado presidente de ambas as dúas empresas no último consello de administración das mesmas, e Alfonso Zulueta de Haz asume a presidencia executiva da Fundación Penzol, que dende o falecemento de Francisco Fernández del Riego dirixe Francisco Domínguez.
Ao mesmo tempo, Xavier Martínez Cobas, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo e vencellado dende hai anos a estas institucións, foi nomeado tamén novo Conselleiro Delegado de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, empresas que segue dirixindo Víctor Fdez. Freixanes.
O anterior Conselleiro Delegado, Manuel Meixide, foi nomado Vicepresidente Segundo destas empresas. O Vicepresidente Primeiro segue a ser Alfonso Zulueta de Haz, e o Secretario Xeral de todas elas, así como das Fundacións, Antón Vidal Andión.
Os actuais nomeamentos responden a un proceso de renovación e incorporación de novos conselleiros que se irá facendo pública segundo se vaian confirmando oficialmente. Tanto Xaime Isla Couto como Blanca Jiménez Alonso pasan a ser Presidentes de Honra por razóns de recoñecemento e saúde. A presidencia da Fundación Isla Couto asúmea Cristina Novoa, esposa de Xaime Isla Couto.
