Lugo: acto de homenaxe a Benxamín Casal

O venres 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar un acto de homenaxe a Benxamín Casal, baixo o nome de A forza da intelixencia, organizado conxuntamente pola Editorial Galaxia, o Club Cultural Valle-Inclán e o Círculo das Artes. No acto intervirán:

Víctor F. Freixanes (Editorial Galaxia).
– Tonina Gay e Felipe Arias Vilas (Club Cultural Valle-Inclán).
– Jesús López-Domínguez López (Círculo das Artes).
Ramón Villares Paz (Consello da Cultura Galega).
– Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega).
– Xosé López Orozco (Concello de Lugo).
– Alberto Núñez Feijóo (Xunta de Galicia).
– Xulián Parga Rodríguez.
– Familia de Benxamín Casal Vila.
– Música a cargo de Najla Shami.

Finou Benxamín Casal, presidente de Galaxia

Desde Sermos Galiza e Galaxia:
“Finou Benxamín Casal, lucense da xeración do 35. Actualmente presidía a Editorial Galaxia. Casal era un galeguista cunha ampla traxectoria social e cultural. Foi deputado no Parlamento galego e dirixiu a Gran Enciclopedia Galega, aliás de publicar numerosos traballos e estudos sobre o mundo rural, que tan ben coñecía.”

A Editorial Galaxia, premio Fernández Latorre 2013

Desde Galaxia:
““O Padroado da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, constituido en xurado para fallar o LV Premio Fernández Latorre, instituido en memoria do fundador de La Voz de Galicia, acordou conceder por unanimidade o Premio Fernández Latorre na súa edición do 2013, dotado con 10.000 euros, á Editorial Galaxia”, di literalmente a acta da concesión.
“O Xurado valorou especialmente a contribución da editorial á recuperación e fomento da lingua e a cultura galegas e o seu compromiso inquebrantable co patrimonio cultural de Galicia, que se ten concretado na publicación dos autores máis destacados da comunidade ata formar un catálogo vivo de máis de mil títulos”.
Asemade, o texto salienta “o papel dinamizador de Galaxia na vida cultural galega e a posta en marcha de proxectos tan ambiciosos e fundamentais como a Fundación Penzol e a revista Grial“.
O anuncio do galardón faise público todos os anos o 25 de xullo, Día de Galicia, e entrégase o derradeiro trimestre do ano. Nese mesmo numero de La Voz de Galicia inclúese unha ampla crónica da historia da editorial, unha entrevista co presidente de Editorial Galaxia, Benxamín Casal, e un artigo do noso director xeral, Víctor F. Freixanes.”

Lugo: presentación de On a bender/A esmorga, de Eduardo Blanco Amor

O xoves 19 de abril, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de Santo Domingo, 4) preséntase On a bender, tradución para o inglés de A esmorga, Eduardo Blanco Amor. No acto participan o tradutor, Craig Patterson, xunto a Xaime da Pena e Benxamín Casal.

Lugo: presentación do libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina

O mércores 29 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina, editado polo Consello da Cultura Galega. Na presentación intervirán Ramón Villares, Benxamín Casal e Claudio Rodríguez Fer. Crónica posterior en El Progreso.

Nomeamentos en Galaxia

Editorial Galaxia S.A., Merlín Comunicación S.L. e algunhas das Fundacións relacionadas coa editora están a proceder a un proceso de restruturación e actualización dos seus consellos. Unha das primeiras medidas foi o nomeamento de Xaime Isla Couto como Presidente de Honra das devanditas empresas e da Fundación que leva os apelidos da súa familia. Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol, asume asemade a Presidencia de Honra da Fundación Penzol.
Benxamín Casal, ata agora vicepresidente de Galaxia e de Merlín Comunicación, foi nomeado presidente de ambas as dúas empresas no último consello de administración das mesmas, e Alfonso Zulueta de Haz asume a presidencia executiva da Fundación Penzol, que dende o falecemento de Francisco Fernández del Riego dirixe Francisco Domínguez.
Ao mesmo tempo, Xavier Martínez Cobas, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo e vencellado dende hai anos a estas institucións, foi nomeado tamén novo Conselleiro Delegado de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, empresas que segue dirixindo Víctor Fdez. Freixanes.
O anterior Conselleiro Delegado, Manuel Meixide, foi nomado Vicepresidente Segundo destas empresas. O Vicepresidente Primeiro segue a ser Alfonso Zulueta de Haz, e o Secretario Xeral de todas elas, así como das Fundacións, Antón Vidal Andión.
Os actuais nomeamentos responden a un proceso de renovación e incorporación de novos conselleiros que se irá facendo pública segundo se vaian confirmando oficialmente. Tanto Xaime Isla Couto como Blanca Jiménez Alonso pasan a ser Presidentes de Honra por razóns de recoñecemento e saúde. A presidencia da Fundación Isla Couto asúmea Cristina Novoa, esposa de Xaime Isla Couto.

Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O venres 14 de xaneiro, ás 19:30 h, na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 24-26) de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, organizada pola Fundación Penzol e a Editorial Galaxia. Participarán na homenaxe, para a que se están a recibir numerosas adhesións, Ramón Villares, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Bragado, os académicos Xosé Luís Franco Grande e Xesús Alonso Montero, a filóloga e investigadora Malores Villanueva, Marián Vidal, directora técnica da biblioteca e arquivo Penzol, Benxamín Casal e Alfonso Zulueta de Haz (vicepresidente da Fundación Penzol). Antón Pulido entregaralle á Fundación Penzol unha copia do retrato de don Paco que no seu día o pintor realizou para a Real Academia Galega. Tamén se proxectará un vídeo de carácter biográfico realizado por Félix Vidal, mentres que Rosa Aneiros, premio de xornalismo Fernández del Riego, escribiu Unha Alba de Gloria para Fernández del Riego. O acto estará conducido por Víctor Freixanes. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.