Xurxo Alonso: “Non hai temas que escapen da luz poética, sempre hai unha fenda por onde pode entrar”

Entrevista de Laura Veiga a Xurxo Alonso en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como se embarcou no proxecto de ilustrar Rosalía para as crianzas? De onde saen estas cartas que conforman o poemario?
– Xurxo Alonso García (XAG): Hai unha parte ficticia e unha parte real. Eu normalmente fago un tipo de poesía que ten compoñentes como de materia escura na que vou desvelando cousas. É como se houbera un cristal embazado que vou limpando para ver, pouco a pouco, a paisaxe que hai detrás. Parto do descoñecido para chegar a certas cousas que ao final se desvelan no poema e, neste caso, partín dunha idea moi concreta.
O poemario trata de dúas irmás que envían cartas sobre o que está pasando durante os primeiros días da Guerra Civil. Unha destas é interceptada pola Garda Civil polo que ambas as irmás son enviadas ao psiquiátrico de Conxo, desde onde seguen enviando estas misivas que nunca chegan ao seu destino -familiares, amizades- porque hai unha monxa que as vai interceptando. Varios dos feitos que se contan son reais, aconteceron, e eu vounos convertendo en cartas.
O resto é ficticio, o que ocorre é que son moi verídicas porque aluden a cousas que pasaron en moitos puntos da Galiza de maneira similar a como eu as conto. Son temas moi achegados para todo o mundo. Ademais, como dicía antes, cando teño que definir un dos meus libros de poesía é complicado porque normalmente desenvolvo tramas moi tupidas onde non se sabe moi ben a quen me dirixo, mesturo moitos temas e moitas situacións de maneira que queden abertos.
Deixo moito espazo para que a persoa que me lea poida recrear o poema. De feito, no que respecta á historia das irmás non se expresa demasiado desde que ingresan no psiquiátrico, déixase ver que pasan alí moitos anos e que acaban por morrer sen saír das súas paredes, pero a maior parte da súa historia queda á imaxinación de quen le.
– ND: Por que escolleu contar esta historia a través dunha poesía epistolar?
– XAG: A cuestión das cartas parecíame a maneira máis directa de presentar as situacións e os temas: unha persoa que mira e conta o que ve ou o que lle contan á súa vez. A moita xente sorpréndelle que trate a Guerra Civil no eido da poesía, aínda que xa teño escrito un libro sobre a guerra de Iraq, Cidades de area (Espiral Maior, 2005) e outro sobre a pandemia e o confinamento, As vaidosas agonías (Xerais, 2021). Para min non hai temas que escapen da luz poética, sempre hai unha fenda por onde pode entrar a poesía. Levo moitos anos pintando, pero á poesía cheguei máis tarde, arredor dos 40 anos e por unha sorte de emulación. Cando comecei a escribir notei tamén que a poesía para min era un agasallo que me veu visitar, como dicía Czeslaw Milosz, poeta polaco premiado co Nobel, e por iso tamén esta historia ten forma de poesía, porque eu non toco outros xéneros da escrita.
Tamén quixen que fosen dúas mulleres as que estiveran ao fronte do poemario porque estas eran, en xeral, as que tiñan que aguantar cando os seus homes estaban fuxidos, agochados ou na fronte. Evidentemente moitas veces acababan por sufrir as represalias ou as presións para que delatasen. (…)”

Xurxo Alonso gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía

Desde Nós Diario:
“O gañador desta novena edición do Premio Manuel Lueiro Rey resultou ser o escritor e pintor galego Xurxo Alonso, co seu traballo As vaidosas agonías.
Caracterizado polo verso longo, a habelencia rítmica e o gran abano de voces e citas, o poemario resulta ser, segundo o propio xurado, unha obra de elaborada arquitectura e dunha gran ambición estética. As vaidosas agonías fala da loita do eu ante a ruína dun mundo que se desfai no que se demostra a importancia da palabra.
Xurxo Alonso, pintor fundamentalmente de paisaxes abstractas e conceptuais, é tamén recoñecido polo seu labor de escritor, o cal se viu premiado en numerosas ocasións.
O Premio Manuel Lueiro Rey nace como homenaxe ao ilustre poeta que lle dá nome ao propio premio e ten como obxectivo promover a poesía galega. Na súa novena convocatoria, o xurado destacou o bo nivel dos 37 traballos presentados, así como a gran diversidade temática destes.
O xurado, conformado por Luís Cochón, Emma Pedreira, Xerardo Quintiá, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, xunto coa coordinadora do premio Carmen Carreiro, decidiron outorgarlle o premio a Xurxo Alonso pois, aseguran, o seu traballo impúxose sobre os demais.”