O Día do Libro máis crítico

Artigo de Irene Pin desde Nós Diario:
“O Día do Libro chega este 23 de abril en pleno confinamento, coas librarías fechadas nunha das datas máis representativas do ano. Algunhas, con todo, manteñen abertos os envíos. É o caso de Bahía (Foz), que ofrece servizo sobre todo na zona da Mariña, procurando manter a relación máis persoal cos clientes habituais.
Outras empresas tomaron a decisión de paralizar tamén esta actividade. A Libraría Paz (Pontevedra), a Libraría Pedreira (Santiago de Compostela) ou a Livraria Suévia (A Coruña) non atenden pedidos. O dono da primeira, Cano Paz, explica que non consideran “imprescindíbel” que a xente reciba libros nestas datas, sobre todo pensando nos riscos que implicaría para as persoas encargadas de facer o reparto. “Sería inxusto”, considera a dona de Suévia, Ermitas Valencia. “O libro é un ben esencial, pero é o momento de subir aos faiados e abrir as caixas, de redescubrir o que temos, non de pór un capricho persoal por diante das vidas humanas”, argumenta.
O que si están a manter é a actividade en redes, sobre todo de cara ao Día do Libro. A libraría Paz, inspirada na campaña estatal “Todos tus libros”, facilita descontos de compra anticipada ou cheques-regalo para “cando todo pase”. Do mesmo modo, procura dinamizar a oferta con distintas suxestións baixo a tópica #oquenosquedaporler. Igualmente, Suévia anima as súas clientas habituais a facer unha listaxe e agardar a que a situación se normalice.
A libraría Pedreira tamén puxo especial énfase no virtual esta semana coas “lecturas fuxidas”, nas que xa participaron autoras como Marta Dacosta, Gonzalo Hermo ou Aurora Marco. O seu dono móstrase sorprendido polo éxito da iniciativa, así como “orgulloso” da extraordinaria acollida que tivo por parte das creadoras. Doutra banda, a aposta de Bahía foi implicar as lectoras, convidándoas a partillaren fotos cun libro que estean a ler ou que as acompañase especialmente durante o confinamento, co cancelo #DiadoLibronaCasa, conta Cielo Fernández.
Para as libreiras galegas o Día do Libro constitúe unha data importante, se ben non pode compararse á relevancia que ten para o sector noutros países, con outra tradición. “Xa nos gustaría que fose coma o Sant Jordi”, comenta Pedreira, “o certo é que aquí supérao o Día das Letras”. “Como gremio poderiamos facer máis”, opina Paz. Con todo, os ingresos desta celebración, que adoita estenderse durante toda a semana, son importantes tanto no libro adulto como no infantil, apunta Valencia, cun “volume de venda que supera entre 60% e 70% a un día calquera”, concreta Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías da Galiza. Malia terse adiado ao 23 de xullo, considera que “cada cousa ten o seu momento”, e a resposta das lectoras non vai ser a mesma.
Isto súmase “á perda doutras datas importantes, como é a Semana Santa” para Bahía, explica Fernández, que ademais do económico destaca o valor simbólico do evento. Moitas librarías saen ás prazas, procurando a visibilidade e un contacto coa sociedade que non é posíbel nestes momentos.
A tendencia doutros países apunta cara ás librarías como uns dos primeiros comercios en subir de novo as persianas na desescalada. “Que volvamos abrir non significa que vaiamos vender”, advirte Paz resumindo a desesperanza do sector. “Aínda que é mellor estarmos abertas, a economía vai ficar moi feble”, observa Valencia. “Nós aínda non nos recuperamos da crise”, engade. Nese senso, Paz, Fernández e Rodríguez consideran fundamental unha inxección de capital na sociedade, para garantir a liquidez. (…)
Pedreira móstrase preocupado por como se poida ver afectado o libro de texto: “Non é o noso caso, mais hai moitas que sobreviven grazas a el”. De facto, Valencia coloca aí as súas esperanzas. Desde a AELG, Cesáreo Sánchez convoca a xente a acudir ás librarías “en canto sexa posíbel”. Apela á memoria para “non esquecer a súa importancia como elementos dinamizadores determinantes na construción do noso sistema literario”, agora especialmente o “elo máis fráxil nunha cultura sen normalizar coma a nosa”.”

Polafías Polavida, “O home, o burro, o can e o mono”, contado por Pepe “O Caramuxo”

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos o conto “O home, o burro, o can e o mono”, relatado por Pepe ‘O Caramuxo’ na polafía que tivo lugar en Moaña, no Centro Sociocultural Daniel Castelao, o 30 de outubro de 2010.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

Luz Pozo Garza nas nosas voces

Desde a AELG queremos homenaxear a figura excepcional de Luz Pozo Garza lendo varios poemas da súa autoría, traspasando deste xeito a enerxía da súa palabra a través de todas e todos nós, nun diálogo fértil e permanente co seu legado creativo, que constitúe, sen dúbida, a súa máis fermosa achega á nosa literatura común.

Aquí podedes escoitar os poemas nas voces de:

Daniel Asorey (“Primeira memoria”):

Marta Dacosta:

Xoán Carlos Domínguez Alberte (poema publicado no libro colectivo Mulher a facer vento):

Montse Fajardo:

Anna R. Figueiredo (“Far Blues”):

Xavier Queipo (“Cantiga para ler en tempo de penumbra”,  do volume colectivo Poetas e narradores nas súas voces):

Mercedes Queixas (“Souben amar”):

Antonio Reigosa (“Fábula de fontes”, de Pazo de Tor):

Cesáreo Sánchez Iglesias (poema de Prometo a flor de loto):

Polafías Polavida, inicios coa gaita, memoria de Pablo Quintana

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos esta curiosa anécdota contada por Pablo Quintana (Vilanova de Oscos, 1956) sobre os seus inicios coa gaita, Mestre da Memoria 2019.
Esta gravación realizouse no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, o de maio de 2019.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

A AELG lamenta a perda da nosa Socia de Honra Luz Pozo Garza

A AELG lamenta a dolorosa perda da poeta Luz Pozo Garza, Socia de Honra desde 2001, cando recibiu a Letra E desta entidade, proposta ao longo de todos estes anos desde a nosa asociación como candidata ao Premio Nobel de Literatura.

A intensidade do seu magnetismo poético, que trasladou tamén á súa produción ensaística e dramática, atravesa a súa vida e obra cun fulgor unanimemente recoñecido, sendo unha das primeiras mulleres que abriu camiños, desde a posguerra, no corpus literario galego e que, atenta ás novas promocións líricas, conseguiu ser un referente para todas as xeracións.

As seguintes fotos pertencen ao acto de entrega dos Premios AELG 2010:

Aquí pode verse tamén esta fotografía da Homenaxe A Escritora na súa Terra 2001, en Ribadeo:

Divulgamos tamén estas fotos pertencentes a varios actos da nosa entidade onde estivera presente Luz:

Polafías Polavida, ‘Andando os camiños de Galicia’, memoria de Dorothé Schubarth

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos a memoria da musicóloga Dorothé Schubarth “Andando os camiños de Galicia na década dos 80 do século XX”, Mestra da Memoria 2019.
Esta gravación foi realizada na Biblioteca do Instituto da Lingua Galega o 25 de outubro de 2019.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

Xosé Ballesteros: “A industria editorial xa deixou de facturar uns catro millóns pola crise da COVID-19”

Entrevista de Manuel Xestoso a Xosé Ballesteros en Nós Diario:
“(…) Xosé Ballesteros é presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), que xunto á Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) trasladáronlle á Consellaría de Cultura da Xunta un paquete de medidas esenciais para incentivar a demanda do libro galego. O prognóstico para o libro galego é de extrema gravidade polos efectos económicos da pandemia.
– Nós Diario (ND): Antes de nada, como valora a resposta que están dando o Ministerio e a Xunta ante a crise da industria cultural?
– Xosé Ballesteros (XB): A recente intervención do ministro de Cultura foi pouco afortunada. Estamos nunha situación na que os problemas son transversais e que hai que ir enfrontando por fases, pero ademais de atender a cuestión sanitaria –que é a prioritaria e que imaxino que estará consumindo moitísimos recursos e moita atención– hai que preparar o terreo para o que virá. E todas as administracións teñen que ser sensíbeis, cada unha na responsabilidade que lle toque.
A nivel de Estado, o gremio de editores, as librarías, os distribuidores… estamos traballando en interlocución directa coa Dirección Xeral do Libro e hai unha boa relación, co deseño dunha serie de medidas para cando se levante o estado de alarma, que son as mesmas que lle propuxemos á Xunta de Galiza.
Canto á Xunta, parece que hai boa disposición para ir afinando prazos para as medidas que estamos reclamando: un bono de lectura, unha liña de apoio á edición –que de momento non existe e da que si gozan en Catalunya e Euskadi–, unha liña de axudas para a adquisición de libros por parte das bibliotecas… Estamos nun mercado moi competitivo e se outras comunidades gozan destas axudas, o libro galego parte con desvantaxe. Nesta reunión, insistimos moito en reforzar moito o apoio ás librerías –cremos que ten que ser a través delas por onde se movan os libros– e ás bibliotecas, garantindo que teñan acceso ás novidades galegas no prazo máis curto posíbel.
– ND: Todo o que se move arredor do libro é a principal industria cultural de Galiza e, nunha primeira avaliación, vostedes falaron dunhas perdas causadas pola crise da COVID-19 dun 30% como mínimo.
– XB: A día de hoxe xa sabemos o que deixamos de facturar entre marzo e o que vai de abril: como mínimo van perdidos catro millóns de euros. Hai que ter en conta que a facturación total do libro galego é duns 25 millóns de euros anuais e que esta é unha época, tradicionalmente, de moitas vendas: xúntanse o Día do Libro, o Día das Letras… Pero o verdadeiro problema é o que vai vir: a demanda nos primeiros meses despois desta parada vai ser mínima e, sendo realistas, até que chegue o outono e a campaña de Nadal, imos vivir nunha situación desoladora.
– ND: Partimos da situación de febleza que deixou a crise de 2008. Moitos dos traballos relacionados coa edición foron daquela externalizados: corrección, maquetación, deseño… son labores que agora desenvolven, na súa maior parte, persoas autónomas. Fixeron algunha avaliación de en que medida vai afectar a crise a estas traballadoras?
– XB: Eu aquí faría fincapé na tipoloxía das empresas que conforman o tecido editorial. Formamos un ecosistema pequeno –son unhas corenta as editoras asociadas a AGE– pero no seu interior hai, atendendo ao número de traballadoras, entre cinco e oito que se poden chamar “grandes” –Kalandraka, Xerais, Galaxia…–, algunhas que poderían ser cualificadas de medianas –como Hércules ou Baía– e, a partir de aí, empresas moi pequenas ou microempresas, que en ocasións se sosteñen porque os seus propietarios teñen outros traballos que lles permiten sobrevivir, moitas veces realizando servizos editoriais para empresas máis grandes.
Agora mesmo creo que aínda non sufrimos o impacto porque, máis ou menos, todos estaban realizando encargos anteriores ao estoupido da crise. O impacto vai vir despois. Todas as editoras estamos atrasando ao máximo o noso plan editorial e moitos dos libros previstos para os meses vindeiros van quedar para o ano próximo; a carga de traballo, loxicamente, vai resentirse e todos eses servizos editoriais –maquetacións, corrección…– van ter menos demanda. (…)”

X Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

Inspiraciencia é  un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.

A AELG colabora con esta nova edición, a décima.

Aquí podes descargar as bases do concurso

“1. Pode participar calquera persoa que presente un relato orixinal, en calquera das linguas do concurso (catalán, castelán, éuscaro e galego), que estea inspirado nunha temática científica.
2. Os orixinais deben estar escritos en catalán, castelán, éuscaro ou galego. Deben ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados nun medio ou blog persoal.

Modalidade e categorías
3. O concurso ten unha única modalidade competitiva: Relato curto dunha extensión máxima de 800 palabras
4. Os participantes poden participar nunha das seguintes categorías:
Adulto (a partir de 18 anos), enténdese que os participantes son maiores de idade na data de peche do prazo de presentación de relatos.
Mozo (de 12 a 17 anos), é dicir, os participantes son menores de 18 anos na data de peche do prazo de presentación de relatos.
5. Cada participante pode presentar un máximo de catro relatos, sempre que estean escritos en linguas distintas. Os relatos dun mesmo participante deben ser orixinais e non se pode presentar o mesmo relato en linguas distintas.

Presentación dos relatos
6. Os orixinais deben presentarse a través do sitio web: inspiraciencia.es. Previamente, os participantes deben rexistrarse. A data de nacemento establece a categoría (Mozo ou Adulto) na que se participa.
7. Os participantes poden acceder á súa conta cun nome de usuario e un contrasinal. O pseudónimo é o nome co que asinarán os relatos. O nome do concursante non será público a non ser que resulte gañador ou finalista.
8. Cada participante pode enviar un relato en calquera das linguas do concurso. Os gañadores dunha edición, para unha categoría e lingua, non poderán presentarse para a mesma categoría e lingua nas dúas seguintes edicións.
9. O prazo de presentación de relatos pecharase o 21 de xuño de 2020.

Premios
10. O acto de entrega de premios terá lugar en Barcelona e anunciarase con antelación.
11. O concurso prevé un premio institucional para cada categoría e lingua, e un premio do público por categoría.
12. Os premios serán dispositivos electrónicos, libros de divulgación, cursos de escritura e a subscrición a revistas de divulgación.
13. A organización do concurso resérvase o dereito de declarar desertos un ou máis premio si se considera que os orixinais presentados non alcanzan a calidade mínima necesaria.

Xurado e criterios de valoración
14. Para os premios institucionais designarase un xurado para valorar as contribucións e propoñer as obras gañadoras. Estará formado por persoas do ámbito da ciencia, a literatura, a arte, a divulgación, e anunciarase previamente. A comisión organizadora traballa para que os relatos se publiquen na web. Encárgase tamén de facer a preselección de relatos que pasará ao xurado, mediante un sistema de dobre moderación.
15. Para valorar os relatos terase en conta a adecuación á temática, a calidade literaria, a orixinalidade na formulación, a estrutura e a coherencia da narración, así como o estilo, a creatividade e a imaxinación.
16. O premio do público decídese a través dunha votación en liña aberta a todas as persoas. O público premia o relato máis votado de cada categoría, con independencia da lingua na que se escribiu.
17. A votación faise sobre a mesma selección de relatos que pase ao xurado. Para votar haberá que rexistrarse. Cada persoa pode dar un voto por relato, sen restrición do número de relatos a votar, a través do formulario habilitado.

Participación
18. A participación neste concurso presupón a aceptación das bases.
19. Os relatos gañadores poderán ser publicados en medios físicos e dixitais, sempre mencionando a autoría.”

Polafías Polavida, ‘Rosiña do Estanqueiro’, interpretada por Mini e Mero

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos a interpretación do tema ‘Rosiña do Estanqueiro’ por Mini e Mero, Mestres da Memoria 2016.
Esta gravación foi realizada na polafía que tivo lugar en Xanceda, Mesía, o 22 de maio de 2010.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

O sector do libro galego urxe á Xunta de Galicia concretar as axudas fronte á crise do Covid-19

A Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia instan á Xunta de Galicia a concretar as medidas para o sector do libro galego solicitadas na carta-documento enviada o pasado 27 de marzo ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez e trasladadas de novo nunha xuntanza mantida o 6 de abril, convocada polo propio conselleiro, logo de recibir o documento. Na reunión por videoconferencia co conselleiro participaron, ademais das presidencias das tres entidades e doutras asociacións, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

As medidas trasladadas polas tres asociacións do libro galego concretábanse, principalmente, na posta en marcha dun bono libro familiar, o apoio á edición cunha convocatoria específica de axudas, campañas de fomento da lectura, incremento do 50% na dotación para compra de bibliotecas, un plan de choque para despois do estado de alarma para as librarías, e a redistribución do orzamento destinado ao Xacobeo 2021 coa finalidade de destinar máis recursos á edición, á actividade das/dos escritoras/es e ás librarías, entre outras medidas.

Na xuntanza mantida o pasado día 6 de abril co conselleiro Román Rodríguez as entidades tamén incidiron nas especiais dificultades polas que pasan as pequenas editoriais e as librarías que funcionan baixo o réxime de autónomos e na situación editorial do libro educativo así como as entidades e asociacións vinculadas ao sistema literario, incluídas as escritoras e escritores.

AGE, FLG e AELG urxen pois ao Goberno galego a marcar xa un orzamento e un calendario de execución das axudas, como xa se está a facer noutros lugares, para tentar paliar esta situación de emerxencia.