Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Este vindeiro martes 14 de abril, e no seo das actividades abertas ao público que se desenvolverán na cidade de Pontevedra por mor da reunión do xurado dos Premios da Crítica, organizados pola “Asociación Española de Críticos Literarios”, que neste ano se celebrarán en Pontevedra do 16 ao 18 de abril, terá lugar unha mesa redonda coordinada por Olivia Rodríguez González, vogal da crítica galega na AECL, baixo o título de Diálogo sobre a crítica literaria hoxe en Galicia.
Neste acto, que se celebrará na Casa das Campás pontevedresa, ás 19:30 horas, participarán, alén de Olivia Rodríguez, Isabel Mociño -secretaria da Asociación Galega da Crítica-, María Xesús Nogueira -presidenta da Asociación Galega da Crítica- e quen isto escribe. Será un pracer dialogar e debater sobre a nosa crítica nesta actividade, insisto, aberta a todas as persoas interesadas.”
Arquivos da etiqueta: Asociación Española de Críticos Literarios
Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza e O cabo do mundo, de Xabier Quiroga, premios da Asociación Española de Críticos Literarios
Hoxe, día de 17 de abril, pasadas as 12 horas foron comunicados á prensa, na cidade de Barcelona, os gañadores dos Premios da Crítica Española, concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios, que cada ano salientan os mellores títulos de poesía e narrativa en cada unha das linguas do estado español, e están considerados entre os máis prestigiosos do estado español.
En lingua galega, Xosé M. Eyré fixo público que os premiados eran O cabo do mundo, de Xabier Quiroga, en narrativa, e Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza, en poesía.
En lingua castelá, José María Pozuelo Ybanco, anunciou que os galardóns correspondían a El viajero del siglo, de Andrés Neuman , en narrativa, e a Fämulo en poesía, poemario do autor Francisco Javier Lerín.
Javier Rojo comunicou que en lingua vasca correspondían a Autokarabana, de Fermín Etxegoien, en narrativa, e a Eroriaren logica, de Juanra Madariaga, en poesía.
Pola súa banda Álex Broch fixo públicos os correspondentes á lingua catalá, que recaeron en Contes Russos, de Francesc Serés, en narrativa, e a L´ombra dels dies vermells, de Carles Miralles, na modalidade de poesía.
Velaquí as palabras coas que Xosé M. Eyré facía públicos os premiados en lingua galega:
Deter o día cunha flor (A Coruña, Baía Edicións) presenta un diálogo artístico entre a poesía de Luz Pozo Garza e os grabados de José Valentín Díaz, diálogo harmonizado polo deseño de Xosé Tomás. Un intenso ton de misticismo sincretista abre o poemario coa serie “Aleph”, en complicidade intertextual cos autores admirados, de Borges a Dante; e péchao tamén con ese clima a serie “Carta de Beatrice Vía-Láctea” . Unha vez máis, o libro envíase como ofrenda ao amigo/amado ausente, Eduardo Moreiras (“Lotus no corazón”), por quen cobra sentido o desenvolvemento lírico do motivo tomado dunha poeta chinesa do s.XI que se lamentaba de que a beleza dunha flor recén nacida no ía poder reter o tempo de amor nun instante de eternidade (“Li Yian pide deter o día”).
Luz Pozo Garza deuse a coñecer coa insólita sensualidade erótica de Ánfora (1949) na poesía española de posguerra, e desde 1976, tras o precedente de O paxaro na boca de 1952, é poeta monolingüe en galego, con títulos como Códice Calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) e As arpas de Iwerddon (2005), nos que se revela como neo-simbolista de impronta musical e interartística. Profesora, ensaísta e directora de revistas poéticas como Nordés e Clave Orión, desde hai tempo está consagrada como escritora galega universal.
……………………………………………………….
Era 2002 e Xabier Quiroga sorpendía na narrativa galega con Atuado na braña, unha historia ben trabada y traballada, complexa e poliangular, na que se plantexaba que a procura da identidade individual non se pode realizar fóra do ámbito social; por moito que os poderes mediáticos sacralicen o individuo, o certo é que a historia de cada un está intimamente ligada á dos demais. Esta orientación temática mantívoa dous años máis tarde, en Era por setembro, novela máis breve que a anterior. Posteriormente chegou Se buscabas un deus (2006, sempre en Edición Xerais de Galicia), outra novela de fondo alento, que complementa Atuado na baraña, en canto que a primeira incursión se proxectaba sobre o pasado resultando afectado o presente e nesta segunda partindo do futuro acaba por afectar as tres dimensións temporararias (presente, pasado y futuro).
Esta O cabo do mundo, que hoxe premiamos, combina a extracción de personaxes da Historia da vida cotidá nun pobo do sur da provincia de Lugo (Escairón), coa doación a esa mesma Historia de personaxes que son logradas creacións literarias. De forma e maneira que ambas (extracción e doación) encaixan á perfección no puzzle, ese enorme puzzle que construímos, con toda a vontade e dignidade de que somos capaces, todos os que non queremos que sexan esquecidas tantas traxedias como o Alzamento militar franquista de 1936 provocou e que algúns pretenden desactualizar interesadamente.