Desde o Consello da Cultura Galega:
“A prestixiosa publicación Asymptote -unha das principais revistas literarias online mundiais que conta xa con traballos de 121 países e 103 idiomas nos ámbitos da poesía, ficción, non ficción, drama e entrevistas a persoas da creación literaria e tradución- faise eco da poesía galega contemporánea. Así, vén de publicar unha escolma de poemas de 8 poetas galegos coas súas traducións verquidas ao inglés. Podes ler os versos de Manuel Rivas, Chus Pato, Gonzalo Hermo, Eva Veiga, Luz Pozo, Alba Cid, Lara Dopazo e Ismael Ramos e as súas versións inglesas realizadas por Jacob Rogers, Jonathan Dunne, Lorna Shaughnessy, Kathleen March, Laura Cesarco Eglin, Erin Moure, Neil Anderson, Harriet Cook e Patrick Loughnane. Moitos deles podes mesmo escoitalos nas súas propias voces. Non é o caso de Luz Pozo Garza, a quen a morte veu visitar antes da publicación desta revista. Mais non quixemos deixala sen voz. Nove voces amigas len a súa escolma poética en galego e a tradutora fai o propio coas traducións ao inglés publicadas na revista. Pepe Cáccamo, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Gonzalo Vázquez Pozo, Olivia Rodríguez, Eva Veiga, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xesús Alonso Montero, Carme Blanco e Kathleen March conforman estes dez raios de Luz para unha memoria solar. Ao fío da saída de Asymptote e con este especial, o Consello da Cultura Galega quere homenaxear a Luz Pozo Garza, unha poeta xa canónica da literatura galega de todos os tempos. Os seus versos servirán para alumear este verán de nubes e claros.”
Pode accederse aquí.
Arquivos da etiqueta: Asymptote
Chus Pato, Manuel Rivas, Luz Pozo: poetas galegas no portal internacional ‘Asymptote’
Desde Nós Diario:
“Escritoras recoñecidas como Chus Pato, Luz Pozo ou Manuel Rivas conforman unha selección de autoras e autores galegos entre os que tamén figuran algunhas voces máis novas da literatura galega. É o caso de Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo.
As súas obras, traducidas ao inglés, pódense consultar no portal internacional de poesía Asymptote, coa colaboración do Consello da Cultura Galega.
Baixo a etiqueta Galician Poetry Feature e a coordinación do tradutor Jacob Rogers, a entidade cultural destaca que coa achega destas escritoras o sitio web “ofrece una mostra ampla de temas, contidos e estilos que amosan a riqueza” da poesía galega.
O Consello da Cultura salienta, ademais, que Asymptote é un dos espazos en liña “de referencia mundial” da literatura de tradución, nun momento de incremento da lectura en soportes dixitais. Trátase dun escaparate mundial de novas traducións que conta con cinco millóns de seguidores. Desde su creación, en 2011, a web recompila obras de 121 países en 103 idiomas diferentes.
Na mesma plataforma, á escolma das escritoras galegas súmase tamén a tradución ao inglés dos poemas de autores como Kathleen March, Erin Moure, Jonathan Dunne ou o propio Jacob Rogers.”