A Coruña: presentación de Bandeiras negras, de Ana María Galego Gen

O mércores 3 de abril, ás 12:30 horas, na Libraría Lume (Rúa Fernando Macías, 3), preséntase a obra de Ana María Galego Gen, Bandeiras negras, gañadora do 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil, publicado en Baía Edicións. No acto de presentación, no que se servirá un pequeno almorzo, a autora, que, como gañadora da obra publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, recibirá neste acto 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio, tamén intervirá Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións, que farán unha aproximación crítica da novela. Deixamos aquí unha foto de dita entrega:

Finalistas do I Premio Muíño do Vento de textos de contraportada

“Reunido o xurado do I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, formado por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Candela Lobeiras Barro, Marisol Soto Prieto e Antonio Yáñez Casal, que actúa en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas os textos das obras Bandeiras negras, de Ana María Galego Gen; O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, e Verdedades, de Yolanda Castaño.
A entrega do premio, que consiste nun cadro do pintor ferrolán Poldo Rapela, terá lugar o día 4 de maio no transcurso dun acto músico-festivo ao que fai referencia o punto 10 das bases do premio.”

Ana María Galego Gen gaña o 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2012

“O xurado do 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2012, formado polas escritoras Marica Campo, Andrea Maceiras, gañadora do 4º Premio Meiga Moira coa obra Violeta tamurana, a profesora de ensino medio na Coruña Dores Fernández López, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, reunido o venres día 21 de setembro de 2012 resolveu conceder por unanimidade este Premio á obra presentada baixo o lema Mago Chalupa.
Abertas as plicas, a mesma resultou corresponder a presentada pola escritora ferrolá Ana María Galego Gen, que leva como título Bandeiras negras, e proposta para o tramo de idade de 12 a 16 anos. O Xurado destacou na obra gañadora, entre outros aspectos, que:
1) Supón a recuperación para a literatura galega do xénero clásico de aventuras e máis en concreto o da narración de piratas.
2) Incorpora unha perspectiva nova na voz narrativa feminina dunha escrava negra, reutilizando o recurso clásico da muller transvestida de home.
3) Dálle nova vitalidade ás personaxes d’A Illa do Tesouro, completando os contornos e a personalidade da figura do John Silver.
4) Emprega unha lingua axustada, expresiva e rica no desenvolvemento da historia.
5) Sérvese dos mellores recursos da técnica narrativa da page-turner, ao facilitar unha lectura continuada e implicar os lectores e as lectoras no narrado.
A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio.
Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade e cantidade das obras presentadas, das que alcanzaron a selección final 27, o que evidencia o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

A Coruña, 24 de setembro de 2012.”

Desde Baía Edicións.