Roberto Salgueiro gaña o XVII Premio de Teatro Rafael Dieste con Como mil cachiños de vidro que a dor escurece

DesdeRoberto Salgueiro a Deputación da Coruña:
“A obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece, de Roberto Salgueiro, é a gañadora do XVII Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña.
O xurado composto polo autor, director e actor Cándido Pazó, as actrices Belén Constenla e Mónica García, o Profesor de Arte Dramático Óscar Codesido e o xornalista Alfonso Hermida co actor e dramaturgo Xoán Mexuto como comisario e presidido polo deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, como presidente, sen voto, decidiu premiar a obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece na XVII edición do Rafael Dieste de obras teatrais.
O xurado, reunido na sede da Deputación este mércores 11 de novembro, destaca da obra de Roberto Salgueiro a “potencia da súa escrita, expresada no ambiente, ton e confección de personaxes, polo que constitúe unha aportación singular ao repertorio da literatura dramática galega”. Valora tamén o xurado no seu fallo que a obra é “absolutamente factíbel para a súa representación”.
Roberto Salgueiro é escritor e director teatral. Está á fronte da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Da súa ampla obra destacan títulos como O arce no xardín, Historia de Neera, Eliana en ardentia ou Bernardo destemplado, Matanza, Apnea, Molière final, Historia da chuvia que cae todos os días, Memoria de Helena e María, Valentino Rufini ou Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can). (…)”

Esther Carrodeguas gaña o Abrente de Textos Teatrais con Voaxa e Carmín

DesdePREMIO ABRENTE 2015 La Voz de Galicia:
“O xurado encargado de fallar a décima edición do Premio Abrente de Textos Teatrais anunciou onte a concesión do galardón da MIT de Ribadavia á obra Voaxa e Carmín, que foi remitida á convocatoria baixo o pseudónimo Noite estrelada. Unha vez aberta a plica a autora premiada resulto ser Esther F. Carrodeguas.
O xurado baseou a súa decisión, segundo consta na acta, na gran capacidade «de escenificación do texto, a súa teatralidade, o seu carácter poético, actual, composto por voces de dúas personaxes femininas locais e ao mesmo tempo universais, cunha caracterización moi esencialista e ao mesmo tempo expansiva, na liña dos personaxes de Samuel Beckett».
O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura de Ribadavia, María López Touza, e como secretario actuou o director da Mostra, Roberto Pascual. Fabrice Corrons, profesor da Universidade de Toulouse, a actriz Belén Constenla e o actor e pedagogo Alfredo Rodríguez exerceron como vogais.
Á hora de referise a Voaxa e Carmín, o xurado fixo referencia a «unha obra minimalista, cun ritmo pendular, coma o fluxo e o refluxo, as ondas ou a respiración. Salientar, así mesmo, a compoñente ritual da peza, que se manifesta no carácter simbólico das figuras dramáticas, coma un facho de liberdade, dignidade, resistencia e solidariedade».
Esther F. Carrodeguas amosábase onte feliz polo premio: «Era a primeira vez que me presentaba e foi un texto moi pensado e moi traballado, con referencias ás coñecidas popularmente como as dúas Marías de Compostela, as irmás que lembra a escultura da Alameda de Santiago». Carrodeguas ten acadado outros premios, como o Modesto R. Figueiredo de relato curto, e xeralmente os seus textos represéntaos a compañía Airiños.”

Santiago: presentación de Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia

O mércores 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Igrexa da Compañía (Praza da Universidade, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, editado por Xerais. No acto interveñen, xunto aos autores, Manuel Bragado e Marco García Quintela. Tras a presentación, realizarase un espectáculo teatral baseado nos textos de Vento e chuvia a cargo de cinco destacados actores e actrices de Galicia: Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González.