A Coruña: presentación do libro A frecha azul do teixo, de Eva Veiga

O venres 11 de febreiro, a partir das 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Teresa Seara, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Anxo Fernán-Vello, e finalizará cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).

A Coruña: Elas falan, espectáculo poético-musical do grupo Ouriol

O venres Elas falan26 de novembro, a partir das 20:30 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, o grupo Ouriol, formado por Eva Veiga (interpretación e elección dos poemas), Fito Ares (frauta traveseira) e Bernardo Martínez (clarinete e percusións), presentan este espectáculo poético-musical, Elas falan, no que se fan valer a voz de todas as mulleres. A través dos seus poemas –estarrecedores, lúcidos, valentes, fermosísimos– revélannos algo que, máis aló das circunstancias históricas e biográficas nas que se producen, atinxen aos homes e ás mulleres de toda época e condición. Elas son Anna Ajmátova, Marina Tsveitáieva, Sylvia Plath, Alejandra Pizarnik, Nazik Al Malaika, Luísa Villalta, Clarice Lispector, Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza e Wislava Szymborska. Organizado pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña.

Santiago: presentación do número VIII da revista Arraianos

O xoves 16 de setembro ás 20:00 h., preséntase na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela o número VIII da revista Arraianos Vivir na raia. No acto participan Juan José Moralejo, o director da revista Aser Álvarez e o editor Henrique Alvarellos. Despois Olalla Cociña e Baldo Ramos farán un breve recital con música a cargo de Bernardo Martínez.

Santiago: recital poético-musical Camiños de amor e lúa, no CGAC

O venres 2 de xullo, ás 22:45 h., no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), terá lugar o acto de clausura do espectáculo poético Camiños de amor e lúa, que visitou 30 concellos dos distintos camiños de Santiago en Galiza. No acto recitaran os poetas: Xosé Carlos Caneiro, María Canosa, Olalla Cociña, María Lado, e X. H. Rivadulla Corcón. Acompañados polos músicos: Bernardo Martinez, Willy Mondeja, Xosé Manuel Salgado, Miguel Seoane e Franky Valencia. Camiños de amor e lúa é unha experiencia poética patrocinada pola Sociedade de Xestión Xacobeo 2010, e encadrada dentro do programa do Ano da Lectura desenvolvido pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural, coa que se buscou que no ano xacobeo a poesía tamén fose protagonista. Máis información aquí.

A Coruña: recital do Grupo Ouriol para celebrar o Día Mundial da Poesía

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés celebra o Día Mundial da Poesía o 21 de marzo co espectáculo poético-musical De amor e morte a cargo do grupo Ouriol formado por Eva Veiga, Bernardo Martínez e Fito Ares. Será o próximo venres 20 de marzo a partir das 20:30 no Salón de Actos da Biblioteca. A entrada é libre.