Entrevista de Tucho Calvo a Agustín Fernández Paz en Biblos Clube de Lectores:
“- Biblos Clube de Lectores (BCL): ¿Qué representa esta obra [Non hai noite tan longa] para vostede no conxunto da súa creación?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Aínda que parece unha novela distinta, o certo é que está feita cos mesmos criterios e técnicas cás anteriores. Cando o escrito estaba relativamente acabado, paseillo como fago sempre a Manolo Bragado e suxeriume publicalo na colección de adultos. Xa non era a primeira vez, e sempre me negara. Pasara por exemplo con Aire negro. Pero esta vez aceptei. Quizais porque ao mellor a literatura xuvenil xa non está tan oculta como estaba, porque moitos adultos se achegan a ela e hai moitos mozos que len coleccións de adultos. Agora estou expectante por saber se realmente vou conservar os meus seguidores de sempre e se gaño outro público. (…)
– BCL: A obra evoca moitos dramas silenciados. ¿Seguen existindo a día de hoxe?
– AFP: Onte mesmo escoitei a noticia da exhumación de tres corpos na Línea de la Concepción que tiñan relación cos casos de nenos roubados. Este é un drama arrepiante coma outros moitos que seguen aparecendo. O que conto na novela, que socialmente é un caso menor en comparación con moitos sucesos da guerra e da postguerra, é un feito que estraga a vida de toda unha familia, e cousas así houbo moitas: desde o profesor represaliado que tivo que dedicarse a outros mesteres aos que quedaron marcados como roxos… grandes dramas para quen os sufren. Os acontecementos, as reaccións, a inxustiza, as enormes diferenzas de clases sociais, sobre todo nas vilas… Quixen narrar, en definitiva, o clima daquela época. (…)”
Arquivos da etiqueta: Biblos Clube
Santiago: presentación de Pacto de cabaleiros, de Raúl Veiga
Elena Veiga presenta en Betanzos Morto en fucsia
(Xornal)
A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, de Xavier Castro, gaña o premio Gourmand best in the world na categoría de mellor libro de historia gastronómica en galego
O libro de Xavier Castro A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, publicado en Biblos Clube de Lectores, mereceu a atención dos xurados do pretixioso premio Gourmand best in the world que o consideran o mellor libro escrito en galego sobre a materia e que, como tal, participará na fase final do galardón que se fallará a comezos de marzo en París. A obra de Xavier Castro representará a Galicia na categoría de mellor libro de historia gastronómica (Best Culinary History Book) cos gañadores en outras linguas e os resultado coñecerase o vindeiro 3 de marzo no teatro Le 104 de París. A Feira do Libro de Cociña de París é o maior evento do mundo dedicado aos libros de cociña e o viño. Cimentada sobre unha vasta e sólida rede de contactos de editoriais de máis de 50 países, a feira xunta sen problemas negocio e pracer. Editores, autores, fotógrafos, deseñadores, impresores, distribuidores, libreiros; todos se reúnen nesta feira para negociar ps seus proxectos.
A Estrada: presentación de Malas cartas, de Manuel Pereira Valcárcel
O martes 4 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, na Estrada, preséntase a segunda novela de Manuel Pereira Valcárcel, Malas cartas, publicada pola editorial Biblos, dentro da súa colección Mandaio. No acto participarán, co autor, o escritor Miguel Lousazo, e o director de Biblos, Tucho Calvo.
Vigo: presentación de A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, de Xavier Castro
O xoves 23 de decembro, ás 20:00 h., no Salón do Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Vigo, preséntase o libro de Xavier Castro A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, publicado por Biblos. Participarán ademais do autor, o escritor, profesor e crítico literario Estro Montaña e o xornalista Fernando Franco.
A Coruña: presentación do libro A néboa amarela, de Rubén Ruibal
O venres 3 de decembro, a partir das 20:00 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), da Coruña, Rubén Ruibal presenta o seu libro A néboa amarela, editado por Biblos, coa participación, ademais do propio autor, do editor Tucho Calvo e de César Candelas.
Convocado o VII Premio de Creación Literaria Biblos-Pazos de Galicia para mozas e mozos 2011
Biblos Clube de Lectores, co propósito de contribuír ao achegamento e a participación das mozas e mozos na cultura galega, e de descubrir aqueles creadores máis novos que poidan ter unha obra de interese necesitada de apoio para a elaboración final e a súa proxección pública, convoca o 7.º PREMIO DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-PAZOS DE GALICIA PARA MOZAS E MOZOS, nesta sétima edición dirixido á novela, co copatrocinio de Pazos de Galicia, e de acordo coas seguintes
BASES
1. Poderán participar neste Premio todas as mozas e mozos que ao rematar o ano 2011 non teñan cumprido os 25 anos e que, con independencia do lugar onde nacesen ou residan, amosen o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver nel unha obra narrativa de calidade.
2. Os/as autores/as deberán presentar unha memoria de entre 30 e 40 folios na que incluirán:
a) Unha exposición precisa das características que terá a futura novela, aportando a maior información posible sobre o argumento (trama, época e lugar en que se desenvolve a acción, personaxes, etcétera) e as técnicas narrativas que prevé utilizar.
b) Un capítulo ou fragmento que permita valorar o estilo do autor/a. O/a gañador/a terá liberdade no seu caso para intruducir as modificacións que estime oportunas no proxecto e no texto de mostra e adaptalos ás esixencias da novela no seu desenvolvemento, así como aos consellos que reciba do escritor titor.
3.- Cada traballo será presentado co nome e apelidos do autor/a, así como as indicacións necesarias para poder localizalo (dirección, teléfono, correo electrónico). Non se admitirán obras baixo pseudónimo nin colectivas.
4. Os traballos serán enviados a Biblos Clube de Lectores. Quintá, 8-MANDAIO. 15391 Cesuras (A Coruña).
5. O premio conlevará:
a) Unha escultura conmemorativa deseñada expresamente polo escultor Luís Loureira.
b) A estancia dun mes, incluída a manutención, nun dos establecementos de Pazos de Galicia, nun lugar singular que reúna as condicións necesarias para que, se o escritor/a o desexa, desenvolva a última fase do seu proxecto.
c) Un ordenador portátil que, unha vez concluída a obra, quedará da súa propiedade.
d) A tutela dun escritor de renome, designado por Biblos coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que asesorará ao gañador/a en xuntanzas periódicas durante ese mes.
e) A publicación do libro en galego na colección Mandaio de Biblos nas mesmas condicións que os autores precedentes, coa percepción dos correspondentes dereitos de autor.
f) A tradución da novela ao castelán de cara a unha edición destinada aos clientes non galegos de Pazos de Galicia. Neste caso, o premio considérase un anticipo dos dereitos de autor da primeira edición. 6.- A admisión dos traballos pecharase o 16 de marzo do 2011.
7.- Un xurado integrado por persoas de acreditada valía seleccionará os traballos finalistas que serán dados a coñecer a semana previa á do Día das Letras Galegas.
8.- As/os autoras/es finalistas deberán presentar antes do 13 de xuño do 2011 as súas novelas cunha extensión non superior aos 150 folios no estado máis avanzado posible de acabado.
9.- O xurado elixirá a obra gañadora, que dará a coñecer a semana previa á do Día da Patria Galega.
10.- O/a autor/a gañador/a dedicará o mes de outubro a traballar na súa novela, seguindo un plan que acordará co titor.
11.- O/a autor gañador/a comprométese a entregar a novela totalmente finalizada antes de rematar o ano 2011 para a súa publicación por Biblos.
12.- Os outros autores/as finalistas recibirán como premio unha fin de semana para dúas persoas en habitación dobre nun dos establecementos integrados en Pazos de Galicia.
13. A presentación ao Premio dentro do prazo indicado leva implícito o compromiso do autor/a de non retirar o seu orixinal antes de facerse público o fallo do xurado. Asimesmo, o autor/a garante que deica o momento do devandito fallo, a obra non concorrerá a ningún outro premio ou concurso.
14. Co obxectivo de acadar a maior difusión do premio, o/a autor/a comprometerase activa e persoalmente na promoción que Biblos estime necesaria da obra gañadora.
15.- Biblos contempla a posibilidade de chegar a acordos cos autores/as das obras finalistas para a súa publicación.
16. Cada autor comprométese a subscribir cantos documentos sexan precisos para que a edición da súa obra sexa inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual.
17. Os orixinais presentados na primeira fase que non estean entre os finalistas, serán destruídos.
18.- A participación neste premio conleva a aceptación das súas bases e da interpretación de Biblos en cantos puntos non se recollan explicitamente nelas.
19. Para calquera diferenza que deba ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao fuero propio e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais da cidade da Coruña.
A Coruña: presentación de Con acuse de recibo, de Alberto Ramos
O 12 de xullo celebrouse no Club do Mar de San Amaro a presentación de Con acuse de recibo, de Alberto Ramos, publicado en Biblos. No acto participaron Tucho Calvo, Iago Martínez e o propio autor. Máis información pode verse aquí.