Arquivos da etiqueta: Bretemada
Continúa a recuperación da obra literaria de Gonzalo López Abente
“Con só un ano de actividade, a Fundación Gonzalo López Abente está a lograr unha visibilidade inédita da obra deste escritor muxián. Deste xeito, a entidade acaba de anunciar que asinou a un acordo coa editora Espiral Maior para tirar do prelo a poesía completa deste autor en 2013, a coincidir co 50 seu cabodano. A edición farase na colección Ópera Omnia e será coordinada por Miro Villar. Xa este mesmo ano, Xerais publicará A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, un volume que recolle seis relatos do escritor canda a un estudio de Xesús Sambade. Estas publicacións súmanse aos do poemario Bretemada, que da man de Alvarellos é finalista aos Premios da Edición deste ano.” Vía Cultura Galega.
Miro Villar: “López Abente, como Manuel Antonio, era un poeta do mar”
Entrevista a Miro Villar en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Vostede xa escolmara en 1995 unha antoloxía de López Abente. ¿Que engade Bretemada ao conxunto da súa obra?
– Miro Villar (MV): Complementa perfectamente a súa variedade temática. Trátase dunha obra cunha visión máis política e, ao mesmo tempo, máis histórica do feito galego. Na presentación en Muxía, Ferrín dixo que era un libro de poemas fondamente nacionalista. No tempo en que o escribiu López Abente participaba nas Irmandades da Fala, que entón abandonaban o culturalismo para configurarse como opción política. O que non cheguei a dilucidar aínda é a razón pola que permaneceu inédito, quizais porque no 23 empezou a ditadura de Primo de Rivera, aínda que segundo Ferrín iso non foi óbice para que se realizasen importantes iniciativas culturais.
– LVG: ¿O uso dos mitos en Bretemada vincula a Abente con Pondal alén do seu parentesco?
– MV: É certo que hai un vencello, non só de parentesco familiar, aínda que sen quitar iso que di, neste libro máis que a pegada pondaliana está a de Ramón Cabanillas e Na noite estrelecida. Pero non era algo exclusivo de López Abente, senón que estaba no ambiente poético no que se movía, formaba parte do humus.
– LVG: Ferrín destaca o emprego a fala da súa terra, a Costa da Morte, que eleva de variantes dialectais a lingua de ouro.
– MV: O mar está presente na súa obra. Sempre que se fala de poesía e mar se pensa en Manuel Antonio, pero tamén está presente na de López Abente, que tamén era un poeta do mar, só que dende unha perspectiva distinta. Manuel Antonio víao como mariño mercante, mentres que Abente está máis próximo á xente do traballo no mar e iso nótase no léxico. O propio Risco, en Nós, chamouno o poeta do mar.
– LVG: Dedicóuselle o Día das Letras do ano 1971, pero aínda hai moito que pescudar nel.
– MV: Penso que o Día das Letras non debe ser un punto final, senón un punto e seguido. Abente tivo a desvantaxe de que foi homenaxeado cando os estudos literarios en galego non estaban tan desenvolvidos. Gustaríame que hoxe se estudase con máis profundidade porque seguro que o situaba noutra dimensión.”
A Coruña: presentación de Bretemada, de Gonzalo López Abente
O venres 20 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, terá lugar a presentación do poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, publicado por Alvarellos editora. No acto, coorganizado pola Fundación Gonzalo López Abente, intervirán X. H. Rivadulla Corcón, Xosé Luís Axeitos, Olivia Rodríguez, Miro Villar e Henrique Alvarellos. Crónica posterior en La Voz de Galicia.
Muxía: presentación do poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente
O sábado 22 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa do Voluntariado (Rúa Camposa, s/n.) de Muxía, preséntase o poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente, publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. No acto participan Félix Porto, Xosé Luís Méndez Ferrín, Miro Villar, Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos. Reseña posterior en La Voz de Galicia.
Chegou xa ás librerías Bretemada, poemario inédito de Gonzalo López Abente
Chegou xa ás librarías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. O manuscrito orixinal do ano 1922, integrado por cen poemas, atopábase na Real Academia Galega, que permitiu a edición a cargo de Miro Villar con limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín. Gonzalo López Abente, escritor e activista cultural a quen en 1971 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, escribiu os poemas de Bretemada (unha metonimia de Galicia) entre os anos 1917 e 1922.
Un libro inédito de Gonzalo López Abente chegará ás librerías o próximo mes
“A Fundación López Abente e a editorial Alvarellos porán nas librerías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente. Trátase dunha obra escrita en 1922 e que, por causas que se descoñecen, o autor non chegou a editar en vida. O manuscrito gardábase na Real Academia Galega, que permitiu o acceso ao documento para a realización dunha edición a cargo de Miro Villar e cun prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG. A obra será presentada en Muxía a mediados do mes próximo. En outubro chegará tamén ás librerías. Ademais, antes de que finalice o ano, sairá á luz a reedición de seis novelas curtas do mesmo autor, impulsada tamén pola fundación que leva o seu nome. Baixo o título A narrativa mariña de López Abente, agrúpanse seis relatos que, cun estudo introdutorio de Suso Sambade, porá nas librerías a editorial Xerais recuperando obras hoxe descatalogadas.” Vía La Voz de Galicia.