Quico Cadaval, Cándido Pazó e Teresa Moure, candidatos aos Premios María Casares

O próximo mércores 25 de marzo entréganse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña os premios María Casares, que outorga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Na categoría de mellor texto orixinal os candidatos aos premios son Quico Cadaval, por Obra -No Comment, Teresa Moure por Unha primavera para Aldara e Cándido Pazó, por E ti quen vés sendo?. A obra que acumula máis candidaturas é Unha primavera para Aldara, con nove, seguida de Obra con sete.

Finalistas do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico

O Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico xa ten finalistas. O xurado elixiu as pezas presentadas baixo os lemas Peter Buckley, Servizo de Información e Xou mas gou on, que agora serán adaptadas polo director e actor Cándido Pazó. As obras van ser emitidas en diferentes programas da Radio Galega ao longo do mes de marzo. Máis información, no blog do Diario Cultural

Cándido Pazó, Eduardo Alonso e José Luís Prieto Roca, finalistas aos Premios Max

Xa coñecemos os nomes dos candidatos aos Premios Max das Artes Escénicas convocados pola Sociedad General de Autores y Editores e a Fundación Autor. Na categoría de Mellor Autor Teatral en Galego a terna de finalistas está formada por Candido Pazó, coa obra E ti quen vés sendo?; Eduardo Alonso, por Extrarradios (comedia das mulleres desamparadas), e José Luís Prieto Roca, por O ridículo desamor dun home máis ou menos normal. A gala de entrega de premios da edición número doce dos Premios Max celebrarase o vindeiro 30 de marzo, luns, no Teatro Cuyás das Palmas de Gran Canaria.