Obradoiro de creación literaria Sen marxes. Poesía expandida, con Silvia Penas, en Vigo

Destacado

O Obradoiro de creación literaria Sen marxes. Poesía expandida, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Biblioteca Municipal Neira Vilas de Vigo e a Asociación Cultural Évame Oroza.

Será impartido por Silvia Penas, cunha sesión especial a cargo de María Lado.

Ten 15 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando nome, apelidos e o nome deste obradoiro. ACTUALMENTE ESTÁN XA TODAS AS PRAZAS CUBERTAS, POLO QUE AS SOLICITUDES QUE SE ENVÍEN A PARTIR DE AGORA ENTRARÍAN NUNHA LISTAXE DE RESERVA.

Calendario, horarios e emprazamentos
– Biblioteca Municipal Neira Vilas de Vigo (Avenida Emilio Martínez Garrido, 21):
Sábados 10, 17, 24 e 31 de outubro de 2026, de 10:00 a 14:00 h.
– Asociación Cultural Évame Oroza (Subida Costa, 5):
Sábado 7 de novembro de 2026, de 10:00 a 14:00 h.

“A poesía non entra nun DIN A4. Sen marxes é un convite a desbordar o papel para levar a escrita directamente ao corpo, á sonoridade e ao espazo.
Neste obradoiro sentaremos á mesa da creación poética sobre catro patas fundamentais: voz, corpo, música e obxectos. Con estes elementos hibridaremos o poema para darlle sabor e colocalo no centro do taboleiro, alimentando a nosa fame simbólica e artística, e a necesidade de resignificar o mundo desde o código poético.
Ao romper os límites do folio, a escrita feita corpo habitará o espazo, gañará sonoridade e cambiará de cor.”

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

O Mapa Literario de Vigo permite percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras

Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo presentou o “Mapa Literario de Vigo” para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios da cidade olívica marcando os fitos literarios das obras.
Trátase dun mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Jules Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.”

Vigo: inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas

O xoves 24 de marzo, ás 18:00 h., na Avenida Martínez Garrido, 21, de Vigo, a Concellaría de Cultura do Concello de Vigo inaugura a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Neste acto participan o autor que dá nome á Biblioteca e Cándido Pazó, que representará un extracto do seu monólogo Memorias dun neno labrego.