SELIC (Semana do Libro de Compostela) 2026

Toda a información aquí.

Obradoiro de creación literaria Non sei o que vou escribir, con Carlos Callón, en Compostela

Destacado

O Obradoiro de creación literaria Non sei o que vou escribir é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Libraría Couceiro, de Santiago de Compostela.

Será impartido por Carlos Callón, contando cunha sesión especial a cargo de Antón Lopo.

“Este é un obradoiro que parte dunha idea de Marguerite Duras que acompañou e continúa a acompañar o relator na súa traxectoria como poeta e ensaísta: «Escribir é tentar saber o que escribiriamos se escribísemos». Ao longo das sesións abordaremos a escrita non só como expresión dunha idea previa, senón tamén como ferramenta de descubrimento e, mesmo, como forma de nos achegarmos a algo que poidamos chamar verdade, con aspas ou sen elas.
A través dun percurso pola obra do relator, desde os primeiros proxectos até os máis recentes, exploraranse cuestións como o nacemento dun libro, a procura dunha voz propia, as relacións entre documentación e creación, a escolla da forma, a reescrita e os procesos polos que textos dispersos acaban conformando unha unidade, ou talvez un enxame. As sesións combinarán exposición, lectura comentada, conversa e prácticas breves.”

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, enviado un correo electrónico a oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada. A inscrición de cada persoa participante entenderase feita para o conxunto da actividade.

Horarios e calendario:
De 17:00 a 19:00 h. nas seguintes cuartas feiras/mércores:
– 14, 21 e 28 de outubro
– 4, 11, 18 e 25 de novembro
– 2, 9 e 16 de decembro

Todas as sesións terán lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2026

Feira do Libro da Coruña 2026

O programa pode consultarse aquí.

Afonso Becerra recolle nun libro a súa obra sobre as historias agochadas do Reino da Galiza

Entrevista de Antón Escuredo a Afonso Becerra en Nós Diario:
“Que é, ou que pode ser para nós, hoxe, o Reino da Galiza? Que hai das mulleres, de artistas e das persoas e amores homosexuais, tan proscritos como o propio Reino da Galiza na historiografía oficial? Estas son algunhas das preguntas que se fixo o dramaturgo Afonso Becerra (Becerreá, 1973) cando iniciou a aventura de crear unha proposta teatral a modo de “viaxe no tempo” pola historia galega nos seus primeiros séculos. A obra, premiada no III Certame Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza da Deputación da Coruña, estreouse no Auditorio Municipal de Ribeira (O Barbanza) en outubro de 2025 dentro da mostra de teatro dese municipio. Agora chega como libro mais cun contido especial, moi distinto.
“Non fixen unha obra para publicar mais si que trouxo consigo un libro”, explica a Nós Diario o autor. “En realidade pariuno o propio escenario”, agrega. Así, nas súas páxinas recolle apartados que quedarían fóra dunha obra teatral ao uso. “O libro sae despois de todo o proceso de ensaios que tivemos, da propia estrea e de ver se funcionaba ou non”, admite. Becerra está satisfeito do resultado e de conseguir relatar “non só desde a imaxinación e desde a folla en branco, como cando escribimos en soidade un texto para despois levalo ao escenario”. Pola contra, no libro aparecen as mudanzas realizadas polas propias actrices e actores para conseguir o resultado final.
A outra historia da Galiza
“Desde pequeno sempre me gustaron moito os castelos e os castros”, afirma Becerra. “Cando me saíu a oportunidade de escribir sobre o Reino da Galiza para o certame vin que era a miña oportunidade”, engade. Comezou a afondar na bibliografía sobre o tema cando a publicación da obra Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais, 2025). “Daquela vin a luz. Decidín tratar a historia non desde a perspectiva que sempre se fixou, senón desde a das mulleres poderosas que houbo na Idade Media ou dos personaxes marxinais”, relata.
Así, Becerra opta por tratar pequenas historias, como o amor de Sancha e María, no século XIII; ou o de Pedro e Munio, que casaron en 1061, lembrando tamén a relación de Urso e Rufino do século II ou os desexos do Adiantado Maior do Reino da Galiza Fernám Diaz (Estevo Fernández de Castro), no século XIII, da liñaxe descendente do Rei Don García. (…)”

Compostela: Xornada VII Pensar con Orgullo, o 18 de xuño

Máis información e inscricións aquí.