A Coruña: III Congreso As outras protagonistas da Transición, o 30 de setembro e 1 de outubro

Historias da Coruña. A memoria da cidade, organizadas por A. C. Alexandre Bóveda e a AS-PG, do 27 de xaneiro ao 8 de febreiro

HISTORIAS DA CORUÑA. A MEMORIA DA CIDADE
Días 27 e 31 de xaneiro, 5 e 8 de febreiro de 2018
Lugar: A. C. Alexandre Bóveda (Olmos 16. A Coruña)

Programa
Sábado 27 de 11:30 a 13:00 h.
Roteiro: As mulleres das Irmandades da Fala. CEN anos marcando o camiño. Guían o roteiro Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG e María Xosé Bravo, presidenta da A. C. Alexandre Bóveda.
Hai 100 anos nacía na Coruña a primeira Irmandade da Fala, considerada por moit@s a primeira iniciativa consciente de normalización do idioma galego mais as Irmandades  non se ocuparon só da lingua, crearon un xornal, fundaron o Conservatorio Nazonal de Arte Galega,  crearon as Escolas do Insiño Galego, impulsaron a creación de coros, traballaron arreo para a creación do Partido Galeguista… Á Irmandade da Coruña pertenceron máis de 200 mulleres e o seu papel foi básico no teatro, na creación de editoriais, nas escolas… Lembraremos neste roteiro a Micaela Chao Maciñeiras, a Elvira Bao Maceiras, a María Miramontes, a Amparo López Jean…

Mércores 31 de 19:30 a 21:30 h.
María Barbeito. Unha vida dedicada á escola e aos escolares. Ana Romero Masiá, historiadora, investigadora e ensinante.
María Barbeito Cerviño (1880-1970) foi unha destacada mestra e pedagoga coruñesa que desenvolveu o seu traballo nas Escolas da Garda desde 1901 ata que foi desposuída de todos os cargos a raíz do levantamento do 18 de xullo de 1936. O seu recoñecido prestixio estaba baseado nas experiencias que levou a cabo e na introdución de novos métodos pedagóxicos, ademais do labor que realizou en favor dos nenos e nenas das escolas públicas a través das cantinas e comedores escolares. A República destacouna nomeándoa un dos 10 mestres seleccionados en toda España co título de inspectora, o que concitou envexas que non a desanimaron  a continuar co seu labor. Retirada forzosa do ensino, refuxiouse no traballo de traducir autores franceses.

Luns 5 de 19:30 a 21:30 h.
Da Cidade da Ilustración ao Polígono de Elviña: unha historia urbana da Coruña. José María Cardesín Díaz, sociólogo, profesor da UDC e investigador do Grupo Estudos Territoriais.
Entender as transformacións que experimentou a nosa cidade no curso de máis de dous séculos esixe combinar dúas perspectivas: a macro, encadrando as mudanzas no proceso de transición da cidade moderna a contemporánea en Europa; a micro, desenvolvendo unha metodoloxía baseada na cartografía histórica que nos permita analizar como aquel proceso cobrou corpo na Coruña.

Xoves 8 de 19:30 a 21:30 h.
Umha panorámica geral da historia do movimiento obreiro na cidade e as greves. Carlos Velasco, historiador, investigador e profesor da UDC.
No início da década de 1870 surgem na Corunha os primeiros gromos organizativos da classe operária  vencelhados à Internacional (AIT), no contexto do Sexénio Democrático (1868-1873). Ultrapassada a fase mais duramente repressiva decorrente da implantaçom do regime da Restauraçom, o sindicalismo proletário de cariz mormente anarco-sindicalista consolida-se a partir da década de 1890, momento em que se produzem as primeiras greves de importância. Será na II República que o obreirismo corunhês alcance a sua maturidade, vertebrado maioritariamente em torno da Federaçom Local Obreira da CNT. Depois virá o desmantelamento por conta do fascismo e a recuperaçom na década de 1970.

Solicitada a homologación á Concellaría de Educación por 8 horas lectivas.
A actividade é de entrada libre para todo o público. Os/ as ensinantes terán dereito a certificado homologado e para iso deben inscribirse na web www.as-pg.gal apartado de formación. Hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoas que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.

Organizan: AS-PG e A. C. Alexandre Bóveda

A Coruña: Roteiro polos lugares de Memoria de Monelos

O sábado 18 de marzo haberá un Roteiro polos lugares de Memoria do barrio coruñés de Monelos, organizado por un grupo de veciñas e veciños do barrio, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
– Este Roteiro comezará contra as 13:00 h. e sairá da Praza Rafael Dieste (homenaxe ao escritor nacido en Rianxo e figura senlleira do Exilio Republicano), coas seguintes paradas:
– No comezo do Parque de Oza (detras do palco do Liceo Monelos), homenaxe ao guerrilleiro “Foucellas”, que estivo nunha casa alí curándose dunhas feridas de combate. Sobre Rafael Dieste falarános Henrique Rabuñal, poeta, dramaturgo e ensaista, autor do traballo Rafael Dieste: a franqueza e o misterio (1995).
– Avenida Salvador de Madariaga (diplomático e escritor coruñés, Republicano Exiliado, que ocupara o cargo de Ministro de Instrucción Pública na 2ª República, en 1934). Para ilustrarnos sobre a vida e obra de Salvador de Madariaga, intervirá Tino Fraga, director do Instituto José Cornide de Estudios coruñeses, Instituto que é albacea de dous legados fundamentais: os fondos manuscritos e bibliográficos de Salvador de Madariaga.
– Fronte ao Bar Trotamundos, onde estivera a antiga Escola Nacional nos anos 30 do século pasado, homenaxe a Mercedes Romero Abellá, mestra salvaxemente asasinada polos franquistas. Tomará a palabra nesta parada a profesora, historiadora e arqueóloga galega Ana Romero Masiá, especialista nos estudos da represión polo franquismo ás mulleres socialistas coruñesas.
– Praza de Luís Seoane. Homenaxe a este escritor, debuxante e pintor, morto na Coruña en 1979, e á súa obra no Exilio Republicano en Buenos Aires. Sobre Luís Seoane basará a súa intervención o membro da Real Academia Galega de Belas Artes, Xosé Díaz.
– Praza de Casares Quiroga, para lembrar a figura do único presidente da República nacido na Coruña. Como remate do Roteiro, será o historiador e profesor de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña, Carlos Velasco, quen nos conte algo sobre este Presidente republicano coruñés.
Todo o traxecto estará amenizado pola música do gaiteiro Moncho do Orzán.
Na praza de Casares Quiroga serán os artistas Xosé Taboada e César Morán quen pechen o acto coa interpretación de algunhas pezas musicais.”

A Coruña: presentación de Bolxeviques/Bolcheviques, coordinados por Teresa Moure

A terza feira 14 de febreiro, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32), na Coruña, terá lugar a presentación dos libros Bolxeviques. 1917-2017 e Bolcheviques 1917-2017 coordinados por Teresa Moure (coord.), e publicados por Xerais e Através. No acto participan, xunto á coordinadora dos volumes, Carlos Velasco e Mario Regueira, coa presenza dos editores.