A AELG gaña o XIII Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

A escritora María Canosa, na categoría de persoas; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na categoría de entidades; e o proxecto Brazolinda, para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres gañadoras dos XIII Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. O certame quere recoñecer cada ano a labor na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito da provincia como a nivel galego.

O xurado formárono María Muíño, deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos Vieito, de Twitter en galego. María Muíño presidiu o xurado, no que actuou como secretaria Dores Sánchez, técnica de Normalización Lingüística da institución provincial.

Á hora de outogarlle o galardón a María Canosa, o xurado valorou o “seu compromiso firme coa lingua galega e longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos: escritora, divulgadora etc.”. Da AELG salientou “a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica, traducións… ), fomentando o uso e a defensa pública da lingua”. E do proxecto Brazolinda, “non só ter como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza ata o momento”.

Desde a AELG agradecemos enormemente este recoñecemento, froito do traballo colectivo das escritoras e escritores da nosa literatura, e que nos dá folgos para continuar avanzando na posta en valor do labor das creadoras e creadores como parte activa da sociedade galega.