O Pleno da Real Academia Galega oficializa a proposta de Ana Romaní para ocupar a vacante da cadeira de Xohana Torres

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega someterá a votación no próximo Pleno ordinario a candidatura de Ana Romaní para cubrir a cadeira vacante polo pasamento, o pasado 12 de setembro, da académica de número Xohana Torres. A proposta, a única presentada para ocupar esta cadeira, foi oficializada no Pleno celebrado esta tarde na sede da institución.
A vacante fora proclamada o pasado 6 de outubro no primeiro Pleno ordinario celebrado tras a morte de Xohana Torres, de acordo co establecido no Regulamento de réxime interno da Real Academia Galega. As candidaturas de novos membros de número poden presentarse por escrito ata 24 horas antes do Pleno posterior ao da proclamación de cada vacante e cada unha delas debe estar avalada pola sinatura de tres académicos de número. Unha vez oficializadas, procédese á súa votación na seguinte xuntanza ordinaria.
Ana Romaní (Noia, 1962) dixire desde o ano 1990 o programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos da radiodifusión española no seu eido. O seu labor fíxoa merecedora de distintos premios xornalísticos, aos que hai que sumar os galardóns outorgados ao propio programa. Interesada na permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea, desde este espazo nas ondas promoveu proxectos como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a 41 obras de teatro radiofónico e que propiciou a revisión do xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía poético-sonora con poemas inéditos de 36 poetas arredor de versos de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión durante un ano.
Como escritora, tras publicar poemas en revistas, en 1987 saíu do prelo o seu primeiro libro de versos, Palabra de mar. O último ata o momento é Estremas, que recibiu varios premios. A súa poética está tamén presente en volumes colectivos e, alén do papel, desenvolveu proxectos vinculados á oralidade do poema e á súa expresión no espazo público da man doutros creadores. O traballo de Ana Romaní abrangue tamén outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos e un continuado traballo para visibilizar as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos.
Proposta de Carme Pazos
No pleno desta tarde tamén se oficializou a candidatura de Carme Pazos Balado para o seu nomeamento como académica correspondente. A profesora, experta no estudo do léxico galego, foi durante moito tempo peza fundamental do Seminario de Lexicografía da Academia, ao que estivo vinculada durante case 25 anos.”