As manías d@s escritor@s de noso (II), no blog Trafegando Ronseis

Continuación do artigo no blog Trafegando Ronseis: As manías d@s escritor@s de noso (II):
“Celso Emilio Ferreiro: Antes de escribir o poema xa o elaboraba con anterioridade mentalmente e de xeito concienciudo. A súa muller era sempre a súa primeira lectora e crítica (a pedra para constatar a realidade, a emoción que pode espertar).
Yolanda Castaño: Con silencio total, pechada e con luz artificial, acode primeiro á súa cabeza antes de deixar pegadas no papel.
Antón Riveiro Coello: Merca cadernos en branco que logo non utiliza e asina sempre cun bolígrafo vermello. Un pouco de licor café axúdalle a enfeitizar as musas.
Elena Gallego Abad: Cando está en pleno proceso creativo non le outras literaturas, aínda que si se documenta moito para os seus escritos. Cociñar é o xeito que ten para desbloquearse.
Manuel Núñez Singala: Non fala do seu traballo ata telo rematado. Cambiou o caderniño e un cabo de lapis polo iPhone: sempre anda a anotar para non esquecer as ocorrencias.
María Canosa: A orde é fundamental para poder efectuar este labor que nos ocupa, algo que adoita realizar descalza e cunha vela porque lle relaxa mirar a lapa. Prefire escribir con lapis, e sempre a man.
Miro Villar: Nunca se pon á escrita de noite e faino en papel necesariamente. Adoita traballar intermitentemente e repousar a súa creación literaria.
Marta Dacosta: Acostuma utilizar as mesmas ferramentas, un vello caderno cheo de folios soltos e un bolígrafo agora extraviado. Obrígase asemade a utilizalas cando menos unha vez ao mes.
Antón Fortes: Utiliza uns pequenos cadernos de 10 por 15 centímetros nos que escribe cun Pilot de tinta líquida negra con letra minúscula (o propio autor asegura que é “de formiga”).
Marica Campo: Cómprelle a soidade e escoitar música de violonchelo, preferentemente Mischa Maisky ou Jacqueline du Pré.”

Celanova: actos de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O domingo 29 de agosto varios poetas das Redes Escarlata, entre os que figuran Claudio Pato, Alberto Lema e Elvira Riveiro, Rafa Balado, Xabier Xil Xardón, Brais González, Aitor Rivas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Oriana Méndez e Silvia Penas, desenvolverán a súa Acción de ferreiro, acto que coincide coas celebracións de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que cada ano teñen lugar en Celanova, a súa vila natal. Con esta acción pretenden manifestar as posibilidades dos individuos como unidades dun proxecto común. Durante o percorrido dos membros da asociación pola vila, que manteñen en segredo para manter o efecto sorpresa, recitarán textos de Celso Emilio ou doutros poetas que os participantes seleccionen. Todos eles confluirán nun punto predeterminado no que recitarán, “en efusión polifónica”, o poema do poeta celenovés Lingua proletaria.
Ese mesmo domingo 29, a partir das 11:00 h., no cemiterio de San Breixo de Celanova, onde está enterrado o autor de Longa noite de pedra, organizouse unha homenaxe colectiva ao poeta, impulsada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, o Colectivo Arraianos e as propias Redes Escarlata. No transcurso do acto, presentarase a nova entrega da revista Arraianos, un número especial titulado Vivir na raia, co que a publicación, segundo os seus impulsores, pecha un ciclo comezado hai seis anos nese mesmo espazo e como homenaxe tamén ao poeta. A continuación haberá un recital poético e musical onde intervirán Anxo Angueira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, e músicos como MC García -da formación Dios Ke Te Crew-, Leo e Arremecághona ou os Labregos no tempo dos Sputniks, que interpretarán cancións con letras de Celso Emilio en clave contemporánea. O acto pecharase co gaiteiro de Lobeira, Daniel Romero.

VI Ciclo de conferencias visións de Galicia: ”Poetas Galegos da Posguerra”

Continuando co VI Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, con título “Poetas Galegos da Posguerra”, organizado pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense, co patrocinio da Universidade de Vigo -Vicerectorado do Campus de Ourense e a Diputación Provincia, o 15 de maio as oito e cuarto da tarde, no Salón Noble da Entidade, será o turno de Ramón Nicolás Rodríguez, quen falará da obra e a vida do poeta celanovense Celso Emilio Ferreiro. O ciclo finaliza o vindeiro luns 19 coa conferencia de Marcos Valcárcel sobre Antón Tovar. (Liceo de Ourense)