Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.

Santiago: conferencia Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, de Ramón Nicolás

O luns 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conferencia de Ramón Nicolás baixo o título Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, organizada polo Ateneo de Santiago, dentro do seu ciclo Os luns do Ateneo. Vía Poesía galega.

Revista Arraianos 9

“A revista Arraianos, coordinada pola asociación do mesmo nome e publicada por Alvarellos, chega ao número 9 centrado no centenario de Celso Emilio Ferreiro. Co lema Celso Emilio fai 100 anos, o volume recolle unha serie de artigos sobre o poeta a cargo de nomes tan destacados como Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás ou Xaime Quessada entre moitos outros. Entre os contidos destacan dous poemas inéditos, un en galego e outro en castelán ou unha carta de Celso Emilio a Cunqueiro. A revista, da que se tiraron 500 exemplares, acompaña un CD no que Labregos dos tempo dos sputniks versionan o poema O meu reinado. Logo da presentacion oficial do volume, o pasado sábado 7 de xaneiro en Celanova, o vindeiro día 13 darase a coñecer esta entrega na libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, ás 20:00 horas.” Vía Cultura Galega.

Celso Emilio Ferreiro por si mesmo

“Máis dunha hora de gravación na que Celso Emilio Ferreiro fai un repaso da súa biografía. Esta é a achega que fai a Mediateca do Consello da Cultura Galega a coincidir, hoxe coa celebracón do centenario do nacemento do escritor. A súa infancia, a relación coa familia, a evolución política e ideolóxica poden coñecerse na propia voz de Ferreiro. A gravación que agora se publica fora editada polo Consello na serie As nosas voces en formato casete. O son procede das entrevistas que María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo realizaran para o seu libro Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas, e fora editado polo Arquivo Sonoro de Galicia. As limitacións tecnolóxicas do momento explican a relativamente escasa calidade do son. O material orixinal está na actualidade en proceso de restauración no propio Arquivo Sonoro e se publicará na rede en canto estea dispoñible. (…)” Vía Cultura Galega.

Celso Emilio Ferreiro, cen anos de resistencia poética activa

Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“A pesar das confusións biográficas, Celso Emilio Ferreiro naceu hai cen anos, un 4 de xaneiro de 1912, concretamente ás catro da tarde, horas antes de que, segundo a súa avoa, houbese fenómenos estraños no ceo. A literatura xogou, desde ese momento de feitos estelares, un papel fundamental na vida de quen, segundo os especialistas, foi un dos escritores galegos máis populares. Coincidindo con este centenario, o Parlamento Galego declarou este 2012 como ano dedicado a conmemorar a figura do escritor de Celanova, que cargou toda a súa vida poética coa responsabilidade de ser poeta civil. Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu o 4 de xaneiro de 1912. O seu pai tardou dous días en inscribilo no rexistro civil e por este motivo nalgunhas biografías aparece a data do 6 de xaneiro como a do seu día de nacemento. A perspectiva dos poetas novos sobre a obra de Celso Emilio resúmea María do Cebreiro, asegurando que o escritor volveu «imprevisiblemente antes desta conmemoración e quizais o mellor dela sexa que nos obrigue a relelo». Para a escritora, a poesía de Ferreiro «conecta cun momento de incerteza e precariedade e a súa lectura pode ser moi produtiva na circunstancia actual». Máis que conectada coa súa poesía, María do Cebreiro encontra ligazón entre o autor de Celanova e os poetas que comezaron despois do 2000, «como Daniel Salgado».”

Comeza o programa do Ano Celso Emilio

“O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentaba o martes 3 de xaneiro as propostas da Consellaría de Cultura para celebrar o Ano Celso Emilio. No programa que se adiantou destacan as iniciativas de divulgación a pé de rúa. A iniciativa 100 poemas para lembrar a Celso Emilio exhibirá mostras da súa poesía nos escaparates de Celanova, mentres a acción Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro repartirá poemas nas caixas de correo dos habitantes das rúas que leven este nome en todo o país. Tamén se desenvolverán dous concertos con versións musicadas das súas obras. Cultura apoiará tamén a edición en inglés de Longa noite de pedra, así como unha versión bilingüe en galego e castelán sobre o escritor e unha escolma dos artigos que realizou para ABC desde 1973 e ata o seu pasamento. Unha homenaxe na Cidade da Cultura completa, polo momento, as iniciativas presentadas.” Vía Cultura Galega.

Ramón Nicolás: Descubrir o iceberg Ferreiro

Artigo de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“Participo da idea de que un pobo que non honra a memoria dos seus escritores, que non espalla os valores que a súa achega supuxo leva camiño de perder a memoria de si mesmo. Por iso entendo como acaído que este novo ano que xa case asoma a cultura galega vaia centrarse en dous poetas que son símbolo do noso pasado máis recente: Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, irmandados os dous por protagonizaren, respectivamente, o Día das Letras o primeiro e o mais o Centenario do nacemento o segundo. Ambos os dous personaxes exhiben un perfil que vai alén do estritamente literario o que posibilita afondar nas vizosas vertentes de actuación cultural, xornalística ou política que representan. Respecto de CEF, ademais, cómpre non perder de vista que tamén se conmemoran, neste 2012, os cincuenta anos da primeira edición de Longa noite de pedra.
Alén dunha homenaxe que se lle tributou na súa vila natal, por volta dos anos cincuenta, con escasos documentos testemuñais, da que se lle rendeu en Pontevedra cando abandona a cidade para radicarse en Vigo no ano 1949 e a que tivo lugar en maio de 1966 nos baixos do Hotel Roma de Ourense, derivada da decisión de autoexiliarse por mor das duras circunstancias que o rodeaban, entre as que a persecución policial non era a menor (un banquete considerado como a primeira manifestación pública de oposición ao franquismo na posguerra ao acoller as reivindicacións dos labregos polo asolagamento do val de Castrelo de Miño), non sei de ningún outro recoñecemento que CEF recibira en vida, máis ou menos colectivo e á marxe do que lle puideran tributar pequenos círculos de amigos. Resulta rechamante en alguén que levou a cabo un intenso labor por Galicia en moitas e distintas ordes e, aínda máis cando, desde a súa morte para acó, foron e son torrenteira os recoñecementos dedicados á súa memoria. Non se cumpriu a sentenza que se recolle nunha nota final do epitafio de Ben-Cho-Shey e que de certo CEF asumiría: “Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”, mais ese “lume que alampea xamais o veredes morto” que se consigna no seu epitafio semella ser profético. (…)
E el sería precisa esta nova vaga –conxecturo- de recoñecementos á obra e á figura de CEF? Sen dúbida. Malia os actos, de filiciacón institucional ou non, que neste espazo de trinta e tres anos se viñeron sucedendo, o certo é que aínda hai tanto o traballo por facer, no que se refire á catalogación dos seus fondos, á divulgación da súa obra ou á investigación dos seus diversos perfís, que teño a firme convicción que será ben difícil que neste ano se esgote todo o que arredor da súa obra ou da súa personalidade se poida dicir. (…)
Queda por facer aínda moito máis: proxectar internacionalmente a súa poesía, rescatar prosas aínda dispersas en numerosas cabeceiras, a edición dun epistolario que considero un auténtico patrimonio pola súa riqueza e importancia documental -tamén porque é clave para coñecer máis intimamente ao home, quen foron os seus auténticos amigos, a quen recorría cando o precisaba e como foron os “traballos e os días” tal e como dicía o seu amigo X. Mª Álvarez Blázquez-; queda a edición de textos aínda descoñecidos –boa proba diso son os poemas rescatados neste xornal hai poucas datas, os dous de inusitada modernidade- e, sobre todo, hai moito que facer para teimar na popularización e divulgación da súa obra literaria, axudándose desas innumerables versións musicadas dos seus poemas. Iceberg Ferreiro, para este 2012.”

Manuel Bragado: Ano Ferreiro

Artigo de Manuel Bragado no Faro de Vigo, a través do seu blogue, Brétemas:
“Este ano 2012, que agardamos sexa ventureiro e sereno, será o do poeta Celso Emilio Ferreiro. Celebraremos o centenario do seu nacemento, o 4 de xaneiro 1912 en Celanova, e o cincuentenario da publicación na colección Salnés da editorial Galaxia da primeira edición de Longa noite de pedra, o seu poemario esencial e libro insignia da memoria cívica e literaria de varias xeracións. O poeta que reclamou voz e voto, o grande poeta político e social da Galicia contemporánea, o poeta galego do século XX, probablemente, máis querido e popular volverá ser lembrado e apupado en Galicia e fóra dela.
O primeiro obxectivo da celebración de ambas as dúas efemérides debe ser ampliar a divulgación e o estudo da obra ferreiriana. Tras a reedición anotada de case todos os seus libros en lingua galega dentro da Biblioteca das Letras Galegas de Xerais, de varias antoloxías ilustradas dedicadas ao público infantil e das novas edicións en Xerais da súa obra poética e narrativa en galego completas, así como parte da xornalística, aquela que inclúe os artigos publicados na sección La jaula de los pájaros raros, recuperada no volume titulado Semblanzas, crónicas e artigos, ao longo deste 2012 publicaranse os seus textos literarios no xornal ABC e unha edición bilingüe galego e castelá de Longa noite de pedra por parte de Auga edicións. No entanto, será a agardada publicación da monumental biografía literaria do poeta, que está preparando Ramón Nicolás, tras unha minuciosa consulta dos arquivos familiares, a que probablemente desvele aspectos até agora privados do autor de O soño sulagado. A descuberta recente por parte de Nicolás de dous poemas inéditos en libro, Mozo (un texto que data nos anos 60) e O atraco (publicado na revista Correo de Galicia de Buenos Aires en 1969), adianta algunhas das novidades que coñeceremos dun autor insuficientemente estudado do que faltan aínda por descubrir cuestións relevantes na súa actividade política ou no seu traballo como editor e promotor cultural.
Unha ferramenta esencial para a popularización da figura de Ferreiro no centenario será a nova páxina web na que por vez primeira se presenta cos recursos hipertextuais (arquivo fotográfico e fonoteca incluídos) a súa traxectoria biográfica e cronoloxía literaria. Un recurso didáctico moi valioso para achegarse a unha figura sempre moi valorada no eido educativo, que contará, ademais, cunha exposición multimedia que percorrerá centros escolares e bibliotecas e coa fermosa iniciativa didáctica Cen anos, cen poemas en Celanova, apoiada pola asociación de comerciantes da súa vila natal. Os concertos que se están preparando axudarán a poñer en valor os textos dun autor presente en máis de trescentas cancións, traducidas a máis de vinte linguas e musicadas por autores das máis diversas procedencias e estéticas. Non se pode esquecer que Ferreiro –o letrista máis prolífico da música de noso– continúa presente na conciencia da sociedade actual por medio dos ritmos rap de Dios ke te crew, como noutrora o fixera da man de Voces Ceibes, Benedicto, Bibiano, Fuxan os Ventos, Pucho Boedo, Luís Emilio Batallán, Amancio Prada, Jei Noguerol, Xocaloma, A Quenlla, Astarot, Pilocha ou Suso Vaamonde, entre outros.
Coa maior parte da obra traducida ao castelán, a celebración do centenario debería contribuír a proxección internacional de Celso Emilio. O goberno da municipalidade de Caracas aprobou colocar unha placa co texto El poeta que sintió a su pueblo na Cuarta transversal, a rúa onde Ferreiro viviu os sete anos da súa estancia en Venezuela. A publicación da edición en inglés de Longa noite de pedra, traducida por Jonathan Dunne, coincidindo no mes de agosto cos actos de celebracion en Vigo do cincuentenario da publicación deste poemario, suporá outro pequeño milagre nesa difícil estratexia de visibilizar a literatura galega no mundo.
Con todo, presinto que o máis importante deste centenario será volver a comprobar a actualidade dos poemas de Celso Emilio Ferreiro. Mergullada nas incertezas tremendas desta crise do capitalismo financeiro, sometida a retallazos dolorosos que amplían inxustamente as desigualdades, a cidadanía galega do século XXI precisa enxergar luces. Aí reside unha das funcións desa poesía necesaria, a que alenta na loita contra a inxustiza, o paro, a emigración, a guerra, a destrución da natureza ou a defender o tesouro da lingua de todos, temas fulcrais na obra deste noso poeta clásico, indignado e rebelde. Coma a de Rosalía, coma a de Curros ou a de Pondal, a de Ferreiro é a voz perenne do escritor nacional. Sei que neste seu centenario, a súa voz afouta continuará poñendo o dedo na chaga, investigando no coñecemento da verdade do seu tempo, do noso tempo.”

Ramón Nicolás: Celso Emilio Ferreiro: novos achados

Artigo de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“A cinco días da que se presenta como unha celebración case cabalística do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro -derradeiro de sete irmáns, naceu ás catro da tarde do día catro de xaneiro de 1912, un día no que a súa nai, Obdulia Miguez Buján lle dixera que o día que ti naciches / houbo estranas sinales no ceo, as páxinas de información cultural de La Voz de Galicia recollen, como achega previa á data de celebración, dous poemas como limiar dun artigo máis longo que aparecerá mañá publicado no suplemento Culturas do mesmo xornal baixo o título de Descubrir o iceberg Ferreiro. Un dos poemas é, na realidade, non compilado, e pódese consultar aquí e o outro é radicalmente inédito, tirado dun Libro de Notas de Celso Emilio e que reproduzo abaixo. Ao tempo Xesús Fraga, a quen lle agradezo o seu traballo, recolle algunhas das ideas que me suxeriron os dous poemas e que deixo aquí.

Mozo

Sai a rúa,
vai ós sindicatos,
asiste ós mitines,
forma nas manifestaciós,
insulta ás autoridás,
gaba á revolución cubana,
dalle vivas ó Che,
mais, por favor,
non lle chames «masa»
ó que é pobo.

Celso Emilio Ferreiro (circa 1970).

Achados dous poemas inéditos de Celso Emilio Ferreiro

Artigo de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“O 2012 será un ano destacado para os moitos lectores de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979): a celebración do seu centenario e do cincuentenario da aparición de Longa noite de pedra conforman un marco de actividades conmemorativas que deberían traducirse no mellor coñecemento dun dos poetas galegos máis populares, pero do que aínda quedan facianas por descubrir. Así o pon de manifesto o crítico Ramón Nicolás, especialista na obra de Celso Emilio, nunha ampla análise que publica mañá o suplemento Culturas de La Voz, e que sinala algunhas «necesidades perentorias»: «A catalogación definitiva dos fondos existentes nos arquivos familiares» e «teimar na divulgación da súa obra entre nós e abrir outras vías para proxectar a súa obra internacionalmente». Que a obra de Celso Emilio segue a dar sorpresas exemplifícao o achado de inéditos, como os que publica hoxe este xornal, Mozo e O atraco. O primeiro é totalmente inédito e está na liña de Prá mocidade (en Viaxe ao país dos ananos) e O revolucionario (en Cimenterio privado). Ramón Nicolás dátao a comezos da década dos setenta. «En O mozo hai un ton imperativo, unha sorte de guía de actuación do que un mozo concienciado debería facer, impregnado de motivos da política internacional do momento; pero a ese mozo pídelle que non confunda, semántica e significativamente pobo con masa, e a recriminación ten moitas lecturas», explica o crítico. «É probable que esta fose a primeira versión que logo reelaboraría, pero lido cos ollos de hoxe goza, nunha parte non desdeñable e facendo abstracción da época histórica na que o escribiu, dunha actualidade sorprendente», engade. En canto a O atraco, apareceu na revista Correo de Galicia, en Bos Aires en 1969, pero non foi incluído na edición de hai uns anos da Poesía galega completa, xa que Nicolás coñeceuno despois de editar o libro. O especialista enmárcao nas experiencias xurdidas «ao abeiro da súa expulsión da Hermandad Gallega de Caracas e céntrase na imposición dese pensamento único nunha inequívoca clave de denuncia».
Resulta imposible non relacionar ambos os dous poemas inéditos con feitos tan actuais como o movemento dos indignados. De igual modo, Longa noite de pedra, malia chegar aos cincuenta anos, é un libro «cheo de actualidade», segundo Nicolás, ademais de ocupar un lugar «fundamental na poesía galega de todos os tempos». «Proporcionoulle celebridade, musicáronse ducias de poemas do libro, reeditouse innumerables ocasións, abriulle o camiño aos lectores peninsulares mais tamén foi, indirectamente, responsable dunha lectura unívoca da súa obra e agocha outras facetas creativas, coido que moi relevantes nel, como a narrativa», conclúe.”