Entrevista de Claudia Varela Lourido a Eugénio Outeiro en Galicia Confidencial:
“(…) En Réquiem, pasado e presente fusiónanse nun diálogo constante entre dúas voces. “A voz do pasado é máis impersoal, son os mortos que falan. E logo a voz do presente fala con cada un deles”, explica o autor. Se cadra, non hai nada máis humano que a arte de conversar. A través do diálogo, Outeiro dignifica a historia desas persoas. “Todo o libro está baseado nunha reflexión moi grande sobre o que significa a memoria, non só a histórica, senón a memoria en xeral”.
A través desta abordaxe, Outeiro reflexiona sobre a achega da poesía como arma da emocionalidade. Insiste en que el xoga coas sensacións para que a memoria deses seres humanos chegue a un presente no que cada vez é máis necesaria. “A linguaxe da poesía aporta moito”, sobre todo cando se intenta recuperar a dignidade das persoas. De feito, incide nun dato: “Case todos os mortos que aparecen no Réquiem tiñan carné do PSOE. Todos eles xuntábanse nunha taberna, ‘O Nicho’, onde se fraguou a brincadeira do que foi a República Socialista da Illa”. Outeiro explica que toda a circunstancia que atinxe esta historia está moi vinculada á súa familia, polo que para el, pese a non ter coñecido esas persoas, é moi importante falar da súa historia. (…)”