Entrevista de Claudia Varela Lourido a Estíbaliz Espinosa en Xornal da Coruña:
“(…) – Xornal da Coruña (XC): egundo a túa perspectiva, que ten unha eclipse que leva fascinando á humanidade desde hai milleiros de anos?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Unha eclipse, hoxe, é un mecanismo celeste que nos lembra que non todo o que vemos é o que parece. Fascina porque, segundo a perspectiva que tomemos, varía o que acontece: nós vemos unha superposición aquí, pero no resto do mundo será un solpor normal de mércores. E desde certo lugar do espazo veriamos tres corpos aliñados, Sol, Lúa e Terra (unha sicixia). Hai milleiros de anos non é que fosen máis parvos: xa sabían que as eclipses eran cousa da Lúa e o Sol. Convidada nunha charla no Planetario, o director dos Museos científicos coruñeses, Marcos Pérez, lanzaba unha gran cuestión: como é que, sabéndoo de sobra, se entregaban igual ao mito e ao rito? Non sei se a resposta é esa idea de que sen un relato, sen unha ficción que nos confira sentido, dá igual saber a verdade. O relato que nos contamos a nós mesmos impórtanos moito. (…)
– XC: Hai algún texto ou composición que che veña á cabeza cando pensas nunha eclipse?
– EE: Levo meses lendo e escribindo sobre eclipses, abofé que moitas! Acabo de rematar un Observatorio de ideas e textos de literatura e astronomía en Compostela, e vimos desde Arquíloco de Paros a Annie Dillard ou Deborah García Bello. Levo anos traballando esa trenza cósmica de poesía que mira ao ceo, así que ando con textos e merlos na cabeza: os de Dickinson, Cunqueiro, Billy Collins, os da antiga China… e cancións como a morna Eclipse ou Black Hole Sun, de Soundgarden (que non fala de eclipse ningunha). Pero nas dúas horas de parcialidade e no minuto de totalidade, só quero mirar o mundo como cando nena. Sereino. Estarei cos meus, e terei na cabeza, máis que poemas, o tacto das mans dos que se me foron antes e aínda evoco acotío. Que me gustaría vivilo con eles, contárllelo. Na cabeza só teño o gran poema do espazotempo. Os poemas dobran e furan as páxinas como buracos de verme, comunican esta eclipse de hoxe con aquel adxectivo dunha tarde de hai anos, con eles.
– XC: Cres que a eclipse vai potenciar que a xente reconecte coa natureza?
– EE: Faime graza a expresión reconectar coa natureza. Xa nos pensamos como cyborgs, sempre conectados a algo, ou ben o móbil, ou ben textos biónicos ou ben a Natureza… pero sempre con cables soltos, non? Somos parte da Natureza e estamos conectados a ela, nese sentido, o que a ela lle facemos sempre nolo facemos a nós. Supoño que a reconsideración romántica (ollo, romántica de Romanticismo europeo, non do sentido romántico popular) ou nostálxica da Natureza sempre está aí, porque no fondo nunca desconectamos de todo. Non é tanto unha reconexión como ver que vivimos á intemperie nun “pelouro que roda”, que diría Rosalía (a nosa). (…)”
Arquivos da etiqueta: Emily Dickinson
A Coruña: 4 Tempos. Conversas con ciencia, outono
Perugia, Italia: Estíbaliz Espinosa e Helios Vocca falarán sobre Poesía e astronomía
O venres 17 de febreiro, ás 17:30, a escritora Estíbaliz Espinosa e Helios Vocca, profesor do Departamentos de Física e Xeoloxía da Universidade de Perugia, falarán das cuestións máis poéticas que ofrece a astronomía. Será na Biblioteca de San Matteo degli Armeni en Perugia (Italia). O encontro enmárcase dentro das actividades que organiza o Centro de Estudos Galegos desta cidade. Entre os aspectos que se tocarán están algúns conceptos metafóricos como o da Vía Láctea, a materia escura ou os buratos negros, ou as imaxes do telescopio espacial James Webb. Para alén de lembrar as figuras máis sobranceiras da astronomía, achegaranse ás conexións entre esta disciplina científica e a poesía, con exemplos de Rosalía de Castro, Emily Dickinson, Walt Whitman, Emilia Pardo Bazán ou Kobayashi Issa.
