Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Acompañounos hoxe, na derradeira sesión dos encontros do Club de Lectura Lendo no Galiñeiro programados para este curso, o escritor Carlos Negro, e a súa visita supuxo unha experiencia fascinante e ben suxestiva para as persoas que tivemos a sorte de asistir.
O motivo deste man a man co autor veu dado pola lectura de Penúltimas tendencias e de Makinaria e todo foi axiña un rodopío de preguntas devecentes por saber máis. Saber máis do autor, saber máis da orixe dos libros, da concepción da literatura que defende e doutros temas nun diálogo continuo de ida e volta. Falouse de “probar” a poesía, de ir coñecendo os seus diversos sabores até que algún destes nos diga algo; da poesía como a posibilidade que temos de “dar respostas inesperadas a preguntas difíciles”, tamén para expresar as cousas dunha maneira “distinta, especial e única”.
Falouse, polo medio e medio, dos poemas de Olga Novo, de Fran Alonso e de Neorrabioso; tamén da dinámica creativa que exercita Carlos Negro, amosando parte da documentación que empregou para elaborar Penúltimas tendencias, sen esquecer facer una revisión dos estereotipos contra os que se erixe este libro, do uso paródico de moitos elementos que nel aparecen e tamén das “paredes invisibles” que creamos e que se crean. Como conclusión do encontro quedo tanto cunha sentenza de Negro: “medrar é facerse preguntas, non dar todo por suposto” como do final apoteósico que veu da man dun poema de Kirmen Uribe que nos fixo valorar e degustar a poesía coma se fose un onza de chocolate, doce e amarga a un tempo. Un auténtico pracer escoitar a Carlos Negro, todo o que di e como o di. Grazas!”
Arquivos da etiqueta: Club de Lectura Lendo no Galiñeiro do IES Valadares
O río subterráneo de Agustín Fernández Paz
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Onte pechamos as actividades por este curso escolar do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro II”, do IES Valadares (Vigo), constituído por profesorado, pais e nais do alumnado e persoal non docente cunha visita agardada que nos fixo sentir como un grupo de lectoras e lectores privilexiados. Acudiu Agustín Fernández Paz á nosa chamada e fíxoo ao fío da lectura d´A viaxe de Gagarin, libro que foi merecente hai ben pouco tempo do premio á mellor obra narrativa polas persoas que constituímos a AELG.
Con todo, antes de se referir á súa última novela, Fernández Paz abordou temas, ao meu parecer, extraordinariamente interesantes como a compoñente de filiación irracional que rodea o acto da escritura, a influencia que recibiu, da man de seu pai, para converterse nun lector voraz deixando breves pero substanciosas reflexións como a que apunta á súa interpretación de que “quen ten ganas de ler ten tamén ganas de escribir”, aínda que o resultado desa vontade non se manifeste, sempre, publicamente. Transitando por estes camiños afirmou, asemade, como, no seu caso, a práctica da creación literaria foi roubándolle tempo á actividade docente pois, ao seu entender, a literatura é moi esixente: “un burato negro de tempo”. Alén de recrear, con exemplos que circulan polos seus libros, esa imaxes, experiencias ou feitos sorprendentes que, por veces, desencadean un relato ou unha novela, centrouse na vinculación que existe entre A viaxe de Gagarin e mais Non hai noite tan longa desvelando, dalgún xeito, eses ríos subterráneos que percorren as dúas propostas e que ás veces non é doado ver mais que, no fondo, van alimentándoo todo.
O autor vilalbés, nunha extraordinaria intervención na que insistiu na necesidade que sente de contar moitas cousas vinculadas con realidades experimentadas e outras imaxinadas, falou da memoria e do franquismo, da adolescencia e do espertar político entre outras cuestións que deron paso a un fértil diálogo, desvelando tamén o proceso da abondosa documentación que esixiu esta novela -usada sempre externamente e que lle outorga unha ancoraxe sólida ao que se quere contar-, sen esquecer enumerar algunhas das claves da insistente e teimuda dinámica de continua refacción e puimento que conduce da idea orixinal á versión final que onte puidemos ter na man, amosándonos un dos manuscritos da propia novela.
Un serán fantástico o de onte, non teño dúbida, deses que evocaremos ao longo de moito tempo. A nosa gratitude, Agustín!”
Manuel Portas: “Amor en alpargatas é unha historia de amor co país ao fondo”
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“As palabras que titulan o apuntamento non son miñas, pertencen a Manuel Portas, e deixounas por escrito nunha dedicatoria persoal de Amor en alpargatas; compártoas aquí pois esencializan o espírito do libro. Portas visitou onte o Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” do IES Valadares de Vigo e a súa presenza serviu para coñecer algunhas das claves deste libro que, ao meu parecer, está a pasar con certo e inxustificado silencio entre nós cando son dos que pensa que é un libro suxestivo, moi ben escrito, e que aborda con afouteza asuntos que aínda son tabú entre nós como, por exemplo, o independentismo. Disto falouse neste encontro, mais tamén do perfil de quen escribe, da concepción do traballo creativo e dese paso que nun momento dado o autor deu e que o converteu de lector a escritor.
Portas insistiu que esta non é unha novela política, basicamente é unha novela de amor, mais ao tempo é tamén unha proposta na que por toda ela paira o nacionalismo, testemuñando o que fixo unha xeración que lle leva a el uns dez anos, afondando nos seus éxitos e nos seus fracasos. Falouse, asemade, do mundo do libro -tan presente en Amor en alpargatas-, do intento que realizou para romper o mito xudeo-cristián do amor único e doutros temas como foron os seus novos proxectos, a presenza de Teis na novela, o mundo académico do escuro franquismo que se retrata, etc., todos eles agromando nun diálogo rico e intenso. Grazas, Portas, pola túa visita. (…)”
Con María Canosa, no club de lectura “Lendo no Galiñeiro” (IES Valadares)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Visitou a escritora María Canosa o Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” por mor da lectura do seu libro Druídas, que ocupou a atención de quen o conformamos nas últimas semanas. Foi esta novela a que centrou boa parte do encontro, desvelándose a dinámica interna da súa xestación, quer dicir, o proceso -ao que parece abondoso- de documentación e a súa plasmación na obra escrita de maneira que en boa parte o que hai nese libro se articulou, conscientemente, como unha porta aberta para acceder a outros espazos e coñecementos, suxerindo camiños, ofrecendo fíos para os que poder tirar. Un orixinal -confesou- que levaba tempo nunha gaveta e que, tras ese distanciamento, se decidiu a puír e de aí a dar o salto á editorial e ás mans do lectorado. Un libro pragado, por outra parte, de vivencias, de lecturas previas e do pouso de persoas que estiveron coa autora, algo que cifrou no feito de que “en todos os libros que escribo hai unha parte de min, do que son e do que non son”.
O diálogo, moi rico nesta ocasión, discorreu tamén pola presenza da mitoloxía no libro, do respecto á natureza e abriuse a outras obras da autora como Acuario ou Rubicundo, finalista do premio Merlín de literatura infantil. Tempo houbo tamén para que nos relatase a peripecia da publicación do seu primeiro libro (Bramido maino) no que algo tivo que ver Manuel Beiras, o que pode haber do avó de Druídas no propio avó da autora ou da concepción que posúe sobre a literatura infantil como reto persoal entre outros asuntos. Grazas á autora pola súa visita, tamén polo consello de non perder nunca a capacidade de se sorprender. No Club de Lectura nesas andamos. (…)”
Con Pere Tobaruela, no Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” (IES Valadares), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Foi un pracer retomar onte as actividades do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” do IES Valadares. Nesta ocasión Pere Tobaruela mantivo un encontro coas lectoras e lectores de Formig4s, o primeiro volume dunha serie ambiciosa orixinal que gozou dunha maioritaria aceptación entre quen se achegou a ela. Loxicamente, parte do encontro xirou arredor deste volume, isto é, das súas orixes, da dinámica creativa que mantiveron autor e ilustrador -Andrés Meixide-, da configuración e inspiración dos personaxes, das temáticas que ocupan -e ocuparán- cada unha das entregas, da premeditada escolla da tipografía e das claves do deseño do propio libro, da consideración do proxecto como unha achega literaria exportable, da aposta pola visualización e a secuencialidade nos seus contidos e doutros asuntos que saíron ao fío dun diálogo enriquecedor e, ao tempo, divertido que tamén se detivo -creo que resulta inevitable- en cuestións que se relacionaron tanto coa escolla dun rexistro lingüístico como o galego para un escritor de orixe catalá, como doutras que repararon na singularidade dunha proposta narrativa que persegue a innovación e, dalgún xeito, adaptarse aos tempos.
Tobaruela evocou asemade que nos seus comezos tiña que abrazar un exercicio de contención expresiva que supuña escribir textos de once liñas para un xornal, e que aí aprendeu técnicas para escribir prescindindo do accesorio. Moito disto vese neste Formig4s, que non dá as costas á dosificación de contidos didácticos, se se quer, nin tampouco ao criterio do entretemento: “as historias de entretemento non teñen que considerarse literatura banal”, e abofé que neste caso non é así. Agradecido pola visita e o diálogo.”
Ramón Nicolás: Con Antón Riveiro Coello no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro
Crónica de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Antón Riveiro Coello agasallounos onte, coa xenerosidade que o caracteriza, un serán inesquecible. Achegouse á tardiña ao Club de Lectura Lendo no Galiñeiro do IES Valadares e gozamos alí dun par de horas de intensa e aleccionadora conversa arredor, basicamente, desas dúas grandes pezas da narrativa galega contemporánea como son Laura no deserto e mais As rulas de Bakunin, sobre as que se dialogou abondo, aínda que tamén se tocaron aspectos do que se podería denominar a cociña (literaria) do autor, isto é, o seu espertar á creación literaria, as lecturas e o pouso que estas deixan ou as fontes e dinámicas empregadas para a xestación das súas novelas. Houbo tempo tamén para falar d´Os ollos de K, de Casas baratas e doutros títulos, sempre con simpatía e proximidade. Un serán extraordinario, non teño dúbida, onde moito aprendemos sobre literatura e sobre vida. Moitas grazas, Antón (fotos do encontro nas que falta o espléndido fotógrafo, Anxo Cabada).”