Arquivos da etiqueta: Cómaros verdes
Orixes da escrita: Aló en Lamanide
Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“Iníciase a sección ‘Orixes da escrita’, na que se irán recuperando textos emblemáticos da literatura galega especialmente vencellados a localizacións concretas, que serán ilustradas fotograficamente para os rememorar.
Dáse comezo a esta sección co poema “Aló en Lamanide”, de Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909-Santiago de Compostela, 1961), recollido na sección “Cabrifollos e oucas” do seu libro Cómaros verdes (1947).
Lamanide é o nome dun fermoso altorelo con terras de labor e largacíos prados rodeados de frondosas arboredas situado a apenas un quilómetro ao surleste da casa natal do escritor, no lugar de Seivane, parroquia de San Xoán de Vilarente.
É alí, no espazo contiguo ao vilar de Albán que tamén figura no poema, onde se desenvolve a traxedia rústica que palpita nestes versos: a morte dun boi durante a arada, en plena canícula, e o regreso derrotado do labrego ao lar acompañado do outro bóvido solitario que sobrevive. Unha das mellores composicións do autor, na que se condensa a vivencia de todo un mundo e os seus valores que, malia a súa evidente transformación, no substantivo segue a conmovernos.
Aló en Lamanide
Aló en Lamanide, ô pe do río,
nunha leira de cómaros en sombra,
araba unha xugada de bois novos,
os cornos pequeniños, estrelados.
Ó facer un cadullo, de repente,
a xugada paróu.
Qué paz inmensa
nas maus daquela hora chea de sol,
leda coma un Mercurio!
No aire as loias
nin siquera o souperon. Un dos bois,
coas faces escumosas chegas de sangre,
caéu entre as sucadas.
Caéu morto!
—Ai, meus labregos do vilar de Albán!—
Sobre os longos vilares, o azul calmo
do bafexar calado das aradas.
Fontes de auga soñada, quedas, longas,
sombras de álamos regan a ribeira.
Coma nun liso mármore impasibre,
a señardá resalta en dôr calada
a un brutamontes, triste coma a noite,
o xato sin parexa dexunguido.
Na paz das veigas —sô— quedóu o arado
enrellado na cal.
Ó lado, inmenso,
sacrificado a un fado escuro e triste
un boi, inda xuvenco, doce morto.
Pol-os bosques abaixo, pol-os cómaros
de verdes prados moles, gurgullantes
por cen toupeiras vivas de auga nova,
co seu boi sin parexa dexunguido,
triste, calado e sô vai o labrego.
Entre us seixos, de prados arelante,
con zoquiñas de vidro patuxando,
salta un regueiro novo. O boi sin sede
mal bafexóu a i-auga e inchóu as faces
de ávidas ventás en fondo ardor,
coma de auroras ou mazás reinetas.
Arrimado á aguillada e ô carón,
cun non sei qué no peito derretido,
ollos estarulados e pasmados,
triste brañego, amigo de Virxilio,
deixa ir a cabeza do seu peso.
A i-auga tira d’ela contra a terra,
xogando coa sua sombra engueimadiña
leda e cruel, aló en Lamanide.”
Cuestionario Proust: Luís Valle
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luís Valle:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A paciencia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honradez.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Agardar, nada en concreto.
4.– A súa principal eiva?
– Teño moitas, a inconstancia, o egoísmo, o abatemento…
5.– A súa ocupación favorita?
– Procurar a poesía.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ver felices aos outros.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a memoria e a conciencia dun mesmo.
8.– Que lle gustaría ser?
– En sentido estrito, non teño vocacións. No referente ao traballo ensináronme a valorar máis o ‘como se fai’ que o ‘que se é’.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– O negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A orquídea.
12.– O paxaro que prefire?
– Por razóns distintas, o merlo e o paporroibo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Juan Rulfo.
14.– E na poesía?
– Paul Celan.
15.– Un libro?
– Vou dicir tres, King Lear, À la recherche du temps perdu e Cómaros verdes.
16.– Un heroe de ficción?
– Gilgamesh.
17.– Unha heroína?
– Cordelia.
18.– A súa música favorita?
– O Rock and roll.
19.– Na pintura?
– Claudio de Lorena.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os meus pais.
21.– O seu nome favorito?
– Un hidrónimo, Azúmara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non aturo aos murmuradores, aos que falan da vida dos máis á lixeira, dun xeito morboso ou mesquiño.
23.– O que máis odia?
– Amólame a inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O arquetipo do ditador ou do tirano, chámese como se chame.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Admiro os feitos que, excepcionalmente, lograron evitar a guerra.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A beleza.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e amando.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– De moderada infelicidade, pero optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles froito das conviccións cívicas.
30.– Un lema na súa vida?
– Citando a Extremoduro: ‘¡Ama, ama…, y ensancha el alma!’.”