Arquivos da etiqueta: Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela
Santiago: Olladas sobre o Museo, recital de poesía no Museo do Pobo Galego
O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Rúa San Domingos de Bonaval) de Santiago de Compostela, desenvólvese a quinta edición de Olladas sobre o Museo na que se convida a persoas de distintas disciplinas para que compartan a súa visión do Museo co seu público. A poesía vai ser, neste 2011, a forma en que o Museo será ollado e interpretado. Anxo Angueira (na voz do tamén poeta Brais González Pérez), Andrea Nunes Brións (na voz da tamén poeta Alicia Fernández), Silvia Penas, Séchu Sende e Xabier Xil Xardón farán dos contidos do Museo anacos de poesía, através do recitado en diferentes espazos da exposición permanente, de poemas creados para mostrar a súa ollada sobre o Museo. Esta actividade celebra tamén as Xornadas Europeas do Patrimonio, que desde 1991 a cidadanía de 49 países ven comemorando con visitas guiadas, itinerarios, exposicións, concertos e todo tipo de manifestacións culturais que achegan ás persoas ao patrimonio cultural. O espectáculo está patrocinado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e ten aforo limitado. A entrada será libre ata completar o mesmo.
Roteiros literarios por Compostela: Inma López Silva
O martes 23 de agosto, a partir das 20:00 horas, na Estatua de Rosalía na Alameda de Santiago de Compostela, terá lugar o último Roteiro literario por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man dos nosos autores e autoras. O Roteiro, da man de Inma López Silva, terá o seguinte percurso: Ferradura, Villar, Catedral, Acibechería, Cervantes, Cinco Rúas, Belvís, Mazarelos e Praza da Quintana.
Roteiros literarios por Compostela: Marta Dacosta
O martes 16 de agosto, a partir das 20:00 horas, na Porta Porta da Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, proseguen os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man dos nosos autores e autoras. Está previsto que este Roteiro, da man de Marta Dacosta, teña o seguinte percurso: Xoán XXIII, Escaleiras, rúa da Troia, Cervantes, Mazarelos, Rúa Nova, Toural e Alameda.
Convocado o XXIX premio de novela longa Blanco Amor
A Concellaría de Cultura do Concello de Santiago convoca o XXIX premio de novela longa Blanco Amor, coas seguintes bases:
Primeira.-O premio estará dotado con 12.020 euros.
Segunda.-Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12), por unha soa cara e a dous espazos.
Cuarta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.
Quinta.-De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro s/n, 15705 Santiago de Compostela, facendo constar no exterior Para o XXIX Premio Blanco Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de setembro de 2011. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de novembro de 2011.
Sétima.-O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Santiago de Compostela, estará composto por cinco membros que serán: editores/as, Libreiros/as, escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.
Oitava.-O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinatarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.
Novena.-O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.
Décima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.-A entrega do premio terá lugar no mes de novembro de 2011, nun acto público que se convocará oportunamente.
Décimo segunda.-O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.
Décimo terceira.-Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2011.”
Roteiros literarios por Compostela: Marilar Aleixandre
O martes 28 de xuño, a partir das 20:00 horas, na Porta do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, proseguen os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man dos nosos autores e autoras. Está previsto que este Roteiro, da man de Marilar Aleixandre, parta da praza do Obradoiro, seguindo polo casco histórico, para despois cruzar a Alameda e acabar no lavadoiro de Cornes.
Roteiros literarios por Compostela: Euloxio R. Ruibal
O martes 14 de xuño, a partir das 20:00 horas, na Estatua de Chillida no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela, comezan os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man de escritoras e escritores. Está previsto que este Roteiro, da man de Euloxio R. Ruibal, comece no parque de San Domingos de Bonaval e remate na Praza do Toural Os participantes percorrerán as principais rúas da zona monumental (Casas Reais, Preguntoiro, Rúa Nova, Rúa do Vilar…), facendo paradas na praza de Cervantes, praza de San Martiño Pinario, praza da Quintana, praza do Obradoiro, praza de Mazarelos, praza da Universidade… Tamén se deterán en espazos de especial simbolismo (Panteón de Galegos Ilustres) ou diante de edificios onde residiron insignes escritores (Murguía, Bouza Brey, López Ferreiro…). Notábel presenza terán tamén escritores contemporáneos do meirande prestixio literario; xa pola súa estreita vinculación coa cidade compostelá (Lorca, Otero, Castelao…), xa por formar parte da súa veciñanza durante longo tempo (Novoneyra, García-Bodaño, Carvalho Calero, Ramón Piñeiro). Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Santiago: exposición conmemorativa da primeira década da Asociación Cultural O Galo
Do martes 15 de marzo ao martes 19 de abril, con horario de 18:30 a 21:00 h., no local da Asociación Cultural O Galo (Praza de San Miguel dos Agros 5, baixo) de Santiago de Compostela, terá lugar unha mostra conmemorativa dos 10 primeiros anos de vida desta Asociación, con motivo dos 50 anos da súa existencia. Organizada pola Fundación 10 de marzo en colaboración co Galo e a Concellaría de Cultura, inaugúrase o martes 15 de marzo ás 20:00 h. Deixamos aquí este díptico coa información: Exposición conmemorativa O Galo 2011.