Salvaterra: 33 edición do Festival da Poesía no Condado

Quico Valeiras: “Falar da familia é falar da primeira e máis politizada das células sociais”

Entrevista de Alberto Ramos a Quico Valeiras en Praza (foto de Alexandre Fernández):
“Quico vén de publicar O tempo da cireixa (Positivas, 2019), un libro de poemas en que o autor atopa a súa verdadeira “voz poética” e o camiño artístico polo que quere transitar. Prologado por Luz Pichel, Quico retrata cos seus versos a memoria tanto individual como colectiva, as súas orixes, a familia ou o rural. Eses son as liñas cardinais dunha obra “eminentemente política” que traza un xogo de ausencias e presenzas entre o que xa non está, pero continúa a pelexar contra o esquezo. Praza entrevista a Quico Valeiras (O Carballiño, 1990), poeta e libreiro que rexenta a compostelá libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74).
– Praza (P): Este é o primeiro libro de Quico ou o segundo? Pregúntoo porque na presentación Tamara Andrés falounos dunha publicación previa e era por saber se renega daqueles versos.
– Quico Valeiras (QV): Antes de publicar este libro con Positivas, xoguei moito a facer autoedicións en formatos diferentes ao libro. Unha, que tivo moito que ver con Compostela, ten a súa historia. Leveina a cabo coa tenda de conservas Catrineta, na praza de Abastos. Este local ten un proxecto que iniciara Estevo Creus co seu O libro dos cans, libro que presentou en diversos formatos. Un deles foi en Edicións en Fachadas, en colaboración con Catrineta. É unha edición efémera, que se expón na parede e dura até que a xente vai arrincando os poemas. Despois si que foi a miña primeira obra en formato libro, que levamos a cabo cunha campaña de micromecenato. Era un proxecto con diferentes ramificacións. Pero non é que renegue, o que acontece é que os seus poemas, coido, non superaron o paso do tempo. En calquera caso, creo que este O tempo da cireixa é o primeiro libro no que eu atopo a miña voz poética. Digamos que nunca antes me atopara tan claramente na escrita. Podo dicir que me atopei como autor e descubrín o camiño polo que realmente quero tirar.
– P: Leva a libraría da Chan da Pólvora, que forma un tándem coa editorial Chan da Pólvora que dirixe Antón Lopo. Por que editar logo con Positivas e non con Chan da Pólvora?
– QV: Antón Lopo e mais eu adoitamos dicir que a libraría e a editora son un matrimonio con separación de bens. Compartimos o nome, un nome que de feito apareceu moito antes de que eu me unise ao proxecto da man de Alicia [Fernández] e Eduard [Velasco], que levaban antes a libraría. O nome xurdiu no nacemento, momento no que tamén estaban vinculados poetas como Gonzalo Hermo. Eu entrei despois para facerme cargo da libraría. Eu tiña os poemas, mandeinos a varias editoriais e un día, Paco Macías entrou pola porta. Despois de falar durante dúas horas sobre anarquistas do Bierzo, xusto cando marchaba, avisoume que iamos para adiante, que me publicaba o libro Positivas. A min sorprendeume moito, sobre todo sabendo a historia de Positivas. Antes, pasárallo a Luz Pichel, que leu os poemas e quixo facerme o prólogo. Grazas a ela, atrevinme a pasárllelo a máis autoras e editoras. (…)”

Luz Pichel: “Se a poesía é minimamente revulsiva, como debe ser, hoxe en día ten moito traballo”

Entrevista a Luz Pichel en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Fáleme do seu último libro…- Luz Pichel (LP): É un libro tatexo. Co co co u fai referencia ao xeito en que na zona de Lalín pechamos o “o”, e por iso a referencia no título de escrita co “u”. Pero como é tatexo, tén medo a falar e a decir as cousas, non hai que atreverse moito porque non hai moitas verdades hoxe, e hai que falar con coi, coidado. Por iso digo que é un libro totalmente tatexo.
– FdV: Como foi a experiencia de colaborar coa revista Olga?
– LP: É a segunda vez que me chaman. Esta é unha revista moi recente, empezouse a facer en Madrid con xente como Vicente Araguas, Manuel Pereira e Rafa Yáñez entre os seus colaboradores. Eu participei sempre porque os poetas galegos en Madrid estamos como moi unidos. Somos moi distintos todos entre nós, pero xuntámonos unha vez ao mes, levámonos moi ben… Querémonos, vamos.
– FdV: Cal é a maior dificultade de facer poesía en galego en Madrid?
– FdV: A min gústame estar lonxe e escribir en galego. Paréceme unha experiencia moi interesante. Eu escribo en realidade na fronteira, como vivo, sempre de aquí para alá. Penso que en Madrid se acolle moi ben a poesía escrita en galego, moito mellor do que se pode pensar. Gosta. Supoño que é porque hai boa poesía en Galicia, e en Madrid as poetas tontas non son. Chus Pato, que é de Lalín, é unha referencia para as poetas de Madrid, por exemplo. Dalgunha maneira tamén é unha forma de facer patria. Cando fas poesía fas moitas cousas, se se pode facer patria coa poesía tamén se fai, por suposto. (…)”

Vigo: Festival Internacional de Poesía PoemaRia 2017

Luz Pichel: “Onde está mal visto o galego é en Galicia. O inimigo está dentro, non en Madrid”

EntrevistaLuz Pichel de Montse Dopico a Luz Pichel en Praza:
“(…) – Praza (P): Dedica tra(n)shumancias á familia, que é de migrantes. En realidade, todos os seus poemarios están marcados por iso. Pola emigración.
– Luz Pichel (LP): Porque pertencer a unha familia migrante condiciona toda a vida. Eu medrei sen nai, porque estaba emigrada. Iso condiciónate moito. Non podes deixalo atrás. Ademais, eu tamén fun migrante. Marchei da aldea aos 12 anos, para estudar nas monxas, e para min foi peor que despois, cando marchei para Madrid, ou cando marchei de Madrid para Londres. Deixar unha aldea de 20 habitantes do corazón de Galicia para ir a un colexio de “señoritas” foi moi duro. Agora, unha filla miña acaba de volver de París, onde estivo catro anos traballando. A emigración, o exilio, son temas que hai que tratar se tes unha mínima conciencia. Non hai moita diferenza entre o que vivín eu, o que viviu a miña filla ou o que viviron miña nai ou meus irmáns. Iso faiche pensar que as cousas non cambian. E por iso no libro hai unha fusión de tempos, de lugares, de linguas. (…)
– P: Di María Salgado no epílogo de Cativa en su lughar que arma nos seus poemas unha “internacional queer”, unha “alianza política de raritxs excluídxs do poder”. A subalternidade é, no fondo, a posición que guía a súa escrita.
– LP: Si. Todo o que tende a quedar fóra, a non ser considerado. Por ese mesmo motivo reivindico a gheada. Tamén me axuda o feito de vivir fóra, porque o vexo todo cunha distancia. Penso que a parte fonética, a prosodia… foron e están sendo esquecidas como se só o léxico fose importante. E tamén niso hai subalternidade. O acento galego, o acento marcado das aldeas, considérase inferior. O mesmo pasa con algún aspecto da fonética. (…)
– P: En Cativa en su lughar fala de axuste de contas coa lingua e coa historia. Había que escribir en galego, por perto/lonxe que estivese. Por que?
– LP: O de axuste de contas era porque era unha especie de vinganza… contra min mesma. Durante moito tempo non quixen saber nada do galego estándar, porque creo que non o fixeron ben. Meu pai era un labrego intelixente, esperto, poeta. Unha vez viu na televisión unha señorita falando sen acento e meu pai dixo que ela si que falaba ben. Doeume moito. Esa dobre diglosia, que non é só entre castelán e galego. É entre galego estándar e galego común. Un galego contaminado no léxico, é verdade, pero moi defendible desde moitos outros puntos de vista. Por iso eu escribía en castelán. Escribindo Casa pechada, descubrín que a miña lingua poética en realidade era o galego. Por iso en El pájaro mudo e en La marca de los potros o que hai en realidade é máis ben tradución, sempre buscando a fórmula máis próxima ao galego. A contradición, claro, estaba aí, e para superala escribín Casa pechada en galego estándar. Iso permitiume tamén entender un pouco como se fixera a norma e reconciliarme, aínda que fose un pouco, con ela. (…)”

A Coruña: recital de Luz Pichel e Mohsen Emadi no Ciclo Poetas Di(n)versos

OLuz Pichel luns Mohsen Emadi30 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Luz Pichel e o poeta iraniano Mohsen Emadi, cuxos poemas en parsi irán seguidos de traducións ao galego lidas pola condutora do acto, Yolanda Castaño. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2016.

Cuestionario Proust: Luz Pichel

DesdeLuz Pichel o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luz Pichel:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tolerancia á dor e á frustración.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A suma de bondade e intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amor.
4.– A súa principal eiva?
– A tolerancia á dor e á frustración
5.– A súa ocupación favorita?
– Son dúas e equilibran a balanza: a poesía (lela e escribila) e coidar a casa que foi dos meus pais.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non sei, non entendo a pregunta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder unha filla ou un neto, claro.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha muller capaz de facer aínda máis cousas ao mesmo tempo. Á noite, sentarme entre a xente a escoitar un discurso do falecido Comandante Marcos ou escoitar a meu pai, tamén falecido, facendo música con dúas culleres. Outra posibilidade: meu pai coas culleres e o Comandante co discurso, os dous a un tempo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galicia que respectase os carballos, que non metese as granxas nas cociñas da veciñanza. Que non fixese nunha aldea a súa casa seguindo o modelo de Falcon Crest. Que non presumise de ter enchufe para se operar no Clínico sen agardar na lista de espera. Nunha Galicia onde se respectase moi agradecidamente a xente que fala galego desde sempre, aprendendo de esa xente a súa fonética, a súa prosodia, a maneira divina que teñen de usar os pronomes sen erro e de coller as verzas sen romper a col, o seu humor limpo e intelixente que non precisa vestirse de muller para rirse. Vivir nunha Galicia que cambiase o concepto de “xente paleta” polo concepto de xente de memoria e de cultura. Nunha Galicia onde Don Antonio non se ría de Leontina porque fala castrapo, a pobre, tan ben como fala ela o castelán, que o fala moito mellor ca Don Antonio fala o Inghlés ou o galego mesmamente.
Gustaríame vivir nunha Galicia que non dixese “eu nunca serei yo” porque esa é unha expresión xenófoba, unha Galicia tranquila que non precisase levar una chapa que diga “eu falo galego”, expresión de estúpido orgullo dos bens que unha posúe, como ben se vería se alguén viñese coa chapa de “je parle français”, “I speak english, que o saibas”.
10.– A súa cor favorita?
– Depende.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A celinda. Hai quen lle chama xasmín ou tamén azahar pero non é nada diso, é a celinda, un arbusto que se dá moi ben en Galicia, rústico, algo invasivo. O seu arrecendo …!!!
12.– O paxaro que prefire?
– Os pardais métenseme no cuberto, levámonos moi mal. As bubelas, fermosísimas, andan sempre de dúas en dúas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Edmundo D’Amicci (non me lembro de se é con dous “c” ou con un. Nesta aldea non hai cobertura para perder datos do móbil mirando a Wiki.)
14.– E na poesía?
– Hei de recoñecer que sempre sentín máis devoción por meu pai ca por miña nai pero nunca llo dixen a ningún deles, iso non se fai.
15.– Un libro?
– Non, moitos. Bueno, vale: Corazón, de Edmundo D’Amicci.
16.– Un heroe de ficción?
– Marco, o de “De los Apeninos a los Andes”. En serio. Pois é que de pequena non había máis ca este libro na casa, o Corazón de D’Amicci (será con un c soamente). Eu lía nel deseguido, case que o sei de memoria. Se me metía debaixo dunha cama para lelo non me vían chorar os meus irmáns e non se rían de min.
17.– Unha heroína?
– Miña irmá, que quedou coidando de sete irmáns con catorce anos, mentres miña nai emigrou para ese país “innombrable” que se chama Venezuela.
18.– A súa música favorita?
– A boa.
19.– Na pintura?
– A boa.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Na pregunta anterior sobre a heroína, non se especificaba se había de ser de ficción ou real, escollín real alí, así que agora contestarei referíndome á ficción:
A miña heroína de ficción é miña nai cando era principesa e vivía nun país marabilloso onde sempre era verán. O país chamábase Venezuela e Venezuela estaba en Barquisimeto e eu tiña catro, cinco, seis, sete, oito anos. Alí sabíase falar o castelán, alí si, e comíase froita todo ano porque iso alí era importante. Aquela miña heroína era loiriña de pelo rizo e longo, segundo a opinión de cantos a coñeceran, a máis guapa de tódalas nais, dicían, e ben seguro que pintaba as uñas de cor vermella, o mesmo ca a mestra. Seguro que cando voltase non se lle podía tocar. Vivía en Caracas, que era un sitio que había na Illa Margarita de Venezuela (Barquisimeto) nun palacio que daba a una rúa moi ancha e coidaba una rapaciña fea, filla única dunha nughallá que precisaba que a serviran un fato de “doncellas”. Gañaba cartos que se multiplicaban milagrosamente cando pasaban a chamarse pesetas. Non chegaban nunca a nada. Escribía cartas de amor vía air mail que se recibían un mes despois de que foran escritas e facían chorar de emoción a meu pai, cousa que a min me daba moitísimo pracer.
21.– O seu nome favorito?
– Non sei.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non importa.
23.– O que máis odia?
– O neoliberalismo económico e toda a xuntanza de defensores de tan inxustísimo sistema disque democrático que acaba de someter á miseria a todo un país que é moito máis ca un pais porque debería ser un símbolo importante para Europa. Falo de Grecia, si.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, como hiperónimo.
25.– Un feito militar que admire?
– Admirar? Non entendo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter “Don” nunca foi cousa natural senón de cartos. Houbo un tempo no que había algúns lughares onde parecía que fose posible que todo o mundo puidese ir á Universidade, aínda sen cartos, e conseguir o Don. Mais iso acabouse por culpa de xente con Don.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– E iso que máis ten?
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A preocupación.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que teñen que ver coa inxenuidade e a boa fe.
30.– Un lema na súa vida?
– Ser da aldea para pertencer ao mundo. Ser do mundo para restaurar o berce onde se naceu.”