Lugo: Letra das Festas: Xente daquela maneira!, o 10 de outubro

A Letra das Festas: Xente daquela maneira! terá lugar o mércores 10 de outubro, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Avda. Alcalde Anxo López Pérez, 34 –perto da estación de autobuses–). Esta actividade conta co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Centro Cultural Vello Cárcere.

A Letra das Festas. a revista oral do San Froilán xirará neste 2018 arredor de “Xente daquela maneira! historias de fatos, falsarios, estafadores, impostores, carteiristas, malpocados, aluados, traslidos…”
A entrada será de balde.

Contan
Paco Nieto | Enma Alonso | Marcelo Castro | Orestes Currás | Xosé Miranda
A ambientación musical corre a cargo de Tundal.

Coordinan e presentan
Lois Pérez | Antonio Reigosa

Bases da XX Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole 2018

“A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XX Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que se rexerá polas seguintes

BASES

1ª. Poderá concorrer calquera autora ou autor, de calquera nacionalidade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega. As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, entendendo por obra inédita a que non foi comunicada nin na súa totalidade nin en parte por ningún tipo de procedemento.
2ª. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, en calquera caso cunha extensión total mínima de 50 folios estándar e máxima de 100, equivalentes respectivamente a 90.000 e 180.000 caracteres con espazos. Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer, en envíos separados.
3ª. Establécese un único premio de catro mil (4.000) euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas. Enténdese que o importe do premio inclúe e compensa os dereitos económicos polos primeiros mil exemplares vendidos da obra premiada, ós cales os autores e autoras renuncian polo feito de presentárense a este certame e obteren o premio.
4ª. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. Esta editorial asinará coa autora ou autor un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual, e tendo en conta a exención prevista na base anterior. O autor ou autora recibirá gratuitamente trinta (30) exemplares da primeira edición, e o Concello de Lugo cen (100).
5ª. Das obras presentaranse tres exemplares mecanografados, en follas impresas por unha soa cara e cun tipo e tamaño de letra facilmente lexibles, debidamente paxinadas e encadernadas, no departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1, 27001 LUGO), indicando no exterior do sobre ou paquete “Para o XX Certame Ánxel Fole”.
6ª. Os orixinais presentaranse baixo lema ou pseudónimo, sen ningún dato que identifique a autoría. Con eles achegarase un sobre pechado, en cuxo exterior constará o lema ou pseudónimo e o título da obra, e no interior o nome completo (e o nome literario ou pseudónimo de publicación no seu caso), o enderezo e o teléfono da autora ou autor, o correo electrónico se o tiver, e unha fotocopia do DNI ou pasaporte.
7ª. O prazo de presentación pecharase o venres 29 de decembro do 2017. Nos envíos postais admitiranse os que foran expedidos ata a devandita data límite.
8ª. O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia, designadas pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, unha delas a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a Concelleira de Cultura e un funcionario que ela designe e que actuará como secretario.
9ª. O xurado reunirase para discernir o premio –que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto– antes do 31 de marzo do 2018. As súas decisións serán inapelables.
10ª. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado esa obra obtiver outro premio, o autor ou autora débello comunicar inmediatamente ó Concello de Lugo, retirándoa do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ó premio Ánxel Fole que lle puidese ser atribuído a esa obra por descoñecemento desta circunstancia, sen prexuízo doutras responsabilidades nas que a autora ou autor puidese incorrer pola omisión do deber formulado nesta base.
11ª. Os orixinais non premiados poderán ser recuperados polos seus autores dentro dos trinta días posteriores á publicación da decisión do xurado, ben recolléndoos persoalmente no Servizo de Cultura do Concello de Lugo, ben solicitando o seu envío por correo, en ámbolos casos identificándose e identificando a obra de xeito suficiente a xuízo do funcionario secretario do xurado ou da xefa do Servizo, que fican obrigados ó segredo sobre os datos de autoría que así coñezan. Unha vez transcorrido o devandito prazo, os orixinais non retirados serán destruídos xunto coas súas plicas.
12ª. A participación no certame supón e implica a aceptación total das súas bases.”

Lugo: Letra das Festas. MAL@S E PEORES. Lembranza de sucesos criminais e de mentes facinorosas de Lugo e provincia, o xoves 6 de outubro

Obanner_letradasfestas_2016_aelg xoves 6 de outubro, ás 18:00 horas, no Círculo de las Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar unha nova edición de Letra das Festas: MAL@S E PEORES. Lembranza de sucesos criminais e de mentes facinorosas de Lugo e provincia, unha actividade promovida pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Círculo de las Artes, no marco do San Froilán 2016, e con entrada de balde.

O medo tamén fai gozar!
Esta sexta edición de Letra das Festas (a revista oral do San Froilán) vai de MAL@S E PEORES, lembranza de sucesos criminais e de mentes facinorosas de Lugo e provincia.
Contamos coas intervencións de catro expertos na materia que nos lembrarán algunhas proezas de bandas urbanas, como a do Moco Verde ou a do Alicate, e faremos memoria de crimes horrendos, violencia moitas veces inexplicable.
Algunhas brutalidades xa esquecidas e outras aínda frescas na memoria da maioría de nós.
Contarán Xosé de Cora, Sabela Corbelle, Manuel López Castro (MALOCA) e Xosé Miranda.
A música está a cargo dun cego auténtico, Francisco do Romualdo, que nos cantará romances e historias arrepiantes e sucedidos incribles, acompañado da zanfona.

Coordinan e presentan:
Antonio Reigosa / Isidro Novo (Sección de Literatura oral da AELG).

cartel_letradasfestas_2016_aelg_96ppp