“O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela, en colaboración coa editorial Kalandraka, e no marco da súa XIV Campaña de Animación á Lectura, convoca o VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, coas seguintes bases:
1. Poderán optar ao VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados todas as obras que se poidan incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes e textos, de tal maneira que ambos os dous se complementen.
2. As obras poderán ser presentadas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica e deberán ser orixinais e inéditas. Non se admitirán aquelas que sexan adaptación doutros orixinais ou as obras que fosen premiadas ou mencionadas noutros concursos.
3. Poderán participar unha ou varias persoas, autores/as de texto e ilustración de calquera nacionalidade. Queda excluído o persoal da editorial Kalandraka.
4. Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato, pero a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas).
5. Os/As autores/as que opten ao premio deberán presentar: – Cinco copias do texto. – Tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas. No caso de utilizarse técnica dixital, admitiranse impresións da obra en alta resolución. – Unha maqueta acabada do proxecto que se presenta.
6. Nas obras non deberá figurar o nome dos/as autores/as, senón un lema ou pseudónimo. Os datos persoais dos participantes achegaranse nun sobre pechado: no seu exterior indicarase o título da obra e o lema ou pseudónimo, e no seu interior o nome ou nomes completos, enderezo postal, teléfono de contacto e enderezo electrónico. Dentro do sobre tamén se incluirán unha fotocopia do DNI ou pasaporte, así como unha breve recensión biográfica.
7. Os traballos serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela (Rúa do Presidente Salvador Allende núm. 4, 15705 Santiago de Compostela. A Coruña. España). No sobre especificarase obrigatoriamente VII Premio Internacional COMPOSTELA para Álbums Ilustrados. Nos sobres que se entreguen a través de axencias de transportes non deben aparecer os nomes dos autores/as.
8. O prazo de presentación de orixinais ábrese coa publicación destas bases e remata o 7 de marzo de 2014. O selo postal non debe ser posterior á data do último día de entrega. A decisión do xurado farase pública na primeira quincena de abril, Mes do Libro, no marco da XIV Campaña de Animación á Lectura que organiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela.
9. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil. Actuará de secretario/a unha persoa que designen as entidades organizadoras. O premio poderá declararse deserto e a decisión do xurado será inapelable.
10. Establécese un único premio, dotado de 9.000 €, en concepto de adianto polos dereitos de autor. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito na partida económica 020.32100.48901 dos orzamentos do ano 2014. O premio está suxeito á retención do IRPF do 19%, segundo o disposto no artigo 101.3 da Lei 35/2006 de 28 de novembro, do Imposto da Renda das Persoas Físicas, ou do 24% no caso de non residentes. O importe do premio non se fará efectivo ata que o/a autor/a ou os/as autores/as entreguen a obra rematada para a súa publicación. A obra premiada publicarase en todas as linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka no mes de outubro do ano 2014 e, para tal efecto, asinaranse os respectivos contratos de edición. Asimesmo, a editorial terá prioridade de publicación daqueles traballos que teñan recibido mención especial do xurado. Este dereito terá vixencia durante un ano, despois do cal o autor/es poderán dispoñer libremente das súas obras.
11. O/A autor/a (ou autores/as) comprométese a entregar a obra rematada antes do 2 de setembro do 2014.
12. Os/as autores/as poderán solicitar a devolución dos orixinais non seleccionados. Terán que indicalo na propia plica ou comunicalo por escrito no enderezo de correo electrónico premiocompostela@kalandraka.com durante o prazo dun mes dende o fallo do xurado, e asumirán os custes de envío. A tal efecto, facilitaráselles aos interesados un número de conta onde facer os ingresos correspondentes para o pago dos portes. Transcorrido ese tempo, as obras non reclamadas serán destruídas.
13. Os organizadores non se comprometen a manter correspondencia postal nin telefónica sobre os orixinais non premiados, nin sobre a interpretación e aplicación deste regulamento.
14. Se nestas bases quedase algunha cuestión sen precisar, será establecida polo xurado ou, no seu defecto, pola organización do certame. A participación neste certame implica o coñecemento e a aceptación íntegra destas bases.”